Marzo 2013


600 palabras and basado en feitos reais and íntimo e persoal22 Mar 2013 10:01 p.m.

Vovía de Rianxo andando, 2 quilómetros de estrada convencional (que dirían os da autoescola). Quería chover sen acabar de arrancar. Como eu. Por que confiar en min mesma é sempre o máis dicícil? Todos o fan, todos cren, todos confían. Véxome reflectida na pantalla do ordenador mentres escribo, é un espello máxico. Alí está a muller, aí está. Por que o espello do baño non me devolve a mesma imaxe? Poño a capucha, uso o paraugas de bastón, non me apetece abrilo. Soñei o futuro pola noite e aínda continúo o meigallo desa lúa chea. Futuro que non podo describir, só sensacións e certezas que se abrazan ao meu peito, lume na vella cociña de ferro.

basado en feitos reais and family woman and máis que papel18 Mar 2013 08:00 p.m.

A soidade e eu levábamonos ben. Non ten ciumes da miña saudade. Ela ocupa a metade da cama na que durmo. Metade que está sen desfacer. Vén comigo á praia, cociña para min. Lémbrame que xa non estou afeita a correr costas. Axúdame a buscar banda sonora, acende a luz do flexo cando cae a noite e pecha as contras do faiado.

Pasar de vivir nunha casa chea de familia e amor, na que me é imposible escribir, a estar soa, perdida no meu mundo 21h ao día. Sempre o souben, botar de menos é sanísimo.

basado en feitos reais and soños14 Mar 2013 01:17 a.m.

“Ti sempre quixeches medrar. Ser grande, ser un carballo. Había cousas que non podías alcanzar. Cando medre todo será distinto. Pero pasou o que adoita ocorrer cando os soños non dependen da idade e si das oportunidades. Si, medraches, pero agora non tes tempo.

Poucos coñecen a túa verdadeira historia de amor coas palabras. Teus pais sempre pensaron que só era un amor platónico, algo que non se pode volver real. É un amor imposible, oculto, secreto. Agora vives entregada a outro soño. Es escaladora profesional, o teu Everest son os setenta e cinco temas da oposición. Se consegues chegar ao cume serás profesora de secundaria. É duro. Estás soa na montaña, rodeada dos cadáveres de outros que xa o intentaron antes ca ti. Ultimamente só hai avalanchas… Hai días que o único que queres facer é afastarte para pechar os ollos, respirar con calma e sentar a escribir ata que se che conxelen os dedos. Si, alí no medio das neves perpetuas, ti e a máquina de escribir. Pero non podes, tes unha montaña que escalar. Sei que botas de menos aquelas madrugadas que gastabas diante do teclado do ordenador ata as catro ou as cinco da madrugada enfrascada nunha nova entrada do teu blog. Non importaba que houbese poucos ou ningún lector. Tampouco que colleses tarde o vitrasa para o cuvi. Sempre quedabas durmida nas clases de tradución. Non quero ser tradutora, quero escribir. Vomitabas en silencio como unha anoréxica invisible.

Xaneiro de 2005, estamos de Erasmus en Lisboa. Onte foi o teu aniversario e fixemos unha pequena celebración en casa. Esperto cedo e mentres ti dormes acendo o portátil que che quedou ciscado no sofá do salón. Fedello pola rede, é o boom dos blogs e non se me ocorre nada mellor que abrirche unha conta en blogspot. Que fas? Xa non tes sono? Sinalo a pantalla. Mira, este é o meu regalo. A idea namórate e pasas o resto da maña perdida nos detalles da túa nova conta. Así te lembro: almorzando en pixama co portátil nas pernas e un brillo creador asomando polas pupilas. Primeiro foron as Memorias dunha Ionqui para deixar constancia nalgunha parte do universo daquel ano no que irremediablemente te convertías nunha muller decidida malia a túa cara de Lolita. Despois veu a mudanza a blogaliza, a evolución darwiniana. Os Pés Espidos representaban un novo paso cara adiante, o punto final da adolescencia tan tardía que tiveches.

Certo, seguías á procura do Santo Graal coma o rei Arturo ou Indiana Jones, mais sen aquela ansiedade de corredor dos cen metros lisos. Moito antes de Lisboa, dos ordenadores, a Rede, antes de todo iso papel e bolígrafo eran espada e escudo. Cando todos se preparaban para pasar as noites facendo mapas de soños ti sentabas á luz dun vello flexo para escribir cartas. En Vigo, en Ourense, na Peroxa, en Praia América ou onde lle cadrase. En verán, en inverno, en primavera… O ritual repetíase unha e outra vez: uns auriculares pegados a un walkman que despois foi un discman e de momento un ipod. Necesitas banda sonora cando estás espida diante do branco inmaculado do papel. Pero o acto de escribir acompáñate como un latexo paralelo aos dos teu corazón. Dentro de ti hai un motor que non para, que observa e comprende todo o que pasa ao teu redor. Todo iso que os humanos agochan uns dos outros, o que se volve invisible de tanto ignoralo, ese pronome demostrativo neutro, iso é o que ves. Pasas desapercibida coa túa aparencia de eterna adolescente. Non son conscientes das radiografías das súas almas que fas. O que perderon, as promesas non cumpridas, os medos mal disimulados, as ilusións ás que tanto temen aferrarse, as guerras civís entre corazóns e cabezas, a necesidade de ser rescatados da súa comodidade… Ti non ves persoas, ti ves personaxes en calquera lugar; nos supermercados, nos avións, nos rostros sorrintes das fotos que colgan en facebook, nas miradas furtivas que che lanzan cando pensan que non miras, nas salas de espera dos hospitais, nos adolescentes que van estudar á biblioteca universitaria. Si, escritura e vida fúndense nun so ser que non deixa de facer o amor dentro do teu peito.

Tiñas dezaseis ou dezasete anos o día que pensaches que non sería mala idea facer unha paréntese na túa rutina, poder fuxir da cidade para pecharte nunha casa a escribir, soa, só a escribir. Que se sentiría? Non lembras se era o magosto da vosa familia ou o tempo da matanza. Posiblemente outono, quizais inverno. Estabades todos na pequena aldea de mamá. Os adultos están a rematar de cociñar o xantar mentres María, a túa melliza, e as primas poñen a mesa. A ti tócache ir buscar auga á fonte. Colles dúas botellas de plástico, pos un chuvasqueiro vello, chamas polos cans e cantaruxando algunha canción atravesas rúas estreitas, sen nome, rodeadas por ducias de casas abandonadas. Reparas que xa finalizaron cos arranxos dunha desas casas que morría de soidade, xusto onde remata o asfalto e comezan as corredoiras. Semella outra. É nese intre no que un sentimento de serenidade te abraza polas costas e veste nesa mesma casa coa idade que tes agora, exactamente agora. Iluminada por un flexo á dereita do portátil, dicionarios e cadernos cheos de anotacións no caos organizado e cheo de vida que soe habitar os teus escritorios. Polo día paseas e les. Escoitas música e imaxinas situacións e escenas. Debates contigo mesma o que é mellor ou peor para unha personaxe. E unha pregunta sempre presente. Emocionaranse? Conseguirei chegarlles á alma? Non hai televisión, chega coa radio. Túa nai chama para preguntarche se comes ben, se pasas frío. Polas noites escribes ata que nada de ti queda, ata que as palabras queiman e tocan melodías reservadas só para Chopin. Un dos cans ladra. Vaia, estaba soñando esperta. É tarde, colles auga o máis rápido que podes e volves a casa correndo, intentando afogar un sentimento de decepción.

Por este recordo, por unha casualidade, por unha oportunidade, por iso estás a escribir agora mesmo. Estás na biblioteca. Hai universitarios a voltas cos exames de decembro, opositores que coma ti soñan co ensino público e ti enchendo folios en branco. Respiras con forza, como quen remata unha carreira de dez quilómetros. E sorrís aliviada. Xa está feito, xa non depende de min.”

Rianxo agarda.