Xaneiro 2013


basado en feitos reais and íntimo e persoal and self-service love28 Xan 2013 03:39 p.m.

Unha mañá espertas, míraste no espello e ves unha moza de 29 anos. De onde saiu? Como chegou ata aquí? Porque o único que lembras (e lembrarás o segundo antes de deixar este mundo) é aquela impaciencia por medrar. Caen os anos, agora tan rápido que semella que o que tes diante é o volante dun fórmula 1 e non un reloxo de area.

Hoxe cando espertei había neve. As paredes da miña habitación desapareceran. Sol e vento pelexaban por abrazarme e turrar das miñas orellas. Onte fixo sete anos que me regalei o blog. E da mesma estraña forma, volvo sentir que cheguei á cima dunha montaña.

Inalcanzable

amor escríbese con H and viaxes20 Xan 2013 10:43 p.m.

Atravesamos Castela como se fosemos 2 estrelas de Hollywood por Califonia adiante. Honeymoon sen darnos conta.

Felices

basado en feitos reais and casualidades and íntimo e persoal and máis que papel and maratón15 Xan 2013 04:24 p.m.

Ás veces pregúntome se todo nesta vida depende da capacidade que teñas de aguantar, de ser consciente da túa resistencia ou dos golpes de sorte. A vida é como correr: aguantar e ir cara adiante, haxa chuvia,  vento ou correndo baixo un sol abrasador. Pregúntome en que momento as pezas volven a encaixar e a desesperación e o medo a estar flotando á deriva se evaporan. De ser unha paisaxe, a miña vida sería unha sabana africana na que só hai dúas estacións, a húmida e a seca. Rematou a seca, os soños deixan de morrer de sede. Chegou coa chuvia a serenidade. Medra a herba como medra a miña fortaleza. Hai alimento.

Este Nadal entre copas, comidas familiares e reencontros, entre certezas,  nos seus brazos,  Corazón e Cabeza firmaban unha tregua definitiva. Vólvense aliados de sangue e outra profecía se escapa da miña boca. Este vai ser o meu ano. Quizais só era a forza do desexo volvéndose real, quen o sabe?