(photo by Mary F. Calvert)

Estaba agardando por min. Había meses que non tiña noticias dela. Non me escoitas, ultimamente só oes o ruído. Esa voz que é a miña. Enchénseme os ollos de chuvia. O Rei, miña irmá e o seu mozo tamén están paralizados, igual que o metro e a xente que pasea pola ponte. Parou o tempo para min. Estamos en Porto de escapada polas vacacións de semana santa. Pecho os ollos, empezo a notarme menos pesada, case podo despegar os pés do chan. Que foi da gravidade?

Hai algo no teu corazón que te fai máis forte que a calquera. É unha pequena parte que sempre che pasou desapercibida. Agora estás ao pé da túa montaña. É túa, de ninguén máis. Tardaches anos en chegar ata aquí. Ninguén máis o sabe, só ti, eu e o espello. Todo aquilo que amas e soñas, todo aquilo que che fai sorrir está aí arriba. O futuro, eses recordos que fabricas en soños, de madrugada, cando pensas que ninguén máis te ve, eses recordos que aínda non teñen data de nacemento. Es un volcán, ninguén se entrega con tanta intensidade coma ti. Hai un ruxido na túa gorxa, un ouveo que morre por saír. Deixa de conterte, deixa de aguantar as ganas de abrir os brazos e saír disparada cara o espacio. Sabes o que tes que facer, sabes como o tes que facer. ISTO non é o máis difícil que vas facer na vida, pero si vai ser unha das cousas máis grandes. Lánzate de cabeza unha vez máis. Sen mirar atrás, sen medo. Entrégate, non penses, sinte como todo o teu universo volve xirar ao ritmo dos teus latexos. O vento na cara, o frío da alta montaña, a dor das pernas ao correr quilómetros e quilómetros, a man entumecida por escribir sen descanso durante horas. Un pouco máis, só un pouco máis.

 Esta é a túa vida, este é o teu destino, este vai ser o teu traballo. É un maratón, o maratón da túa vida escribindo.  

Cando un par de días despois chegamos a casa e desfixen a maleta reparei no caderno que me regalara o Rei. Había unha frase escrita: Estás aquí porque queres e podes. Era a miña letra, pero non fora eu quen o escribira.