Novembro 2011


opositing and saudade and self-service love and Sen clasificar29 Nov 2011 10:47 p.m.

O outro día cruceime cunha antiga compañeira da secundaria. Que fas, que vas facer. Un día descubrín que me gustaba dar clases que se me daba ben. Mírame sorprendida. Pero que dis? Sempre se che deu xenial, cantas veces me explicaches a min inglés ou historia. E veñen a min recordos esquecidos, pequenos flashes. Por que sempre son tan lenta para darme destas cousas?

Párteseme o corazón cada vez que paso por diante dun instituto. Rapaces e rapazas (alumnado na xerga) sorrindo. Coa de voltas que dei ata aquí, coa cantidade de erros que cometín… Como quen atopa auga no deserto, cando menos o esperas. E agora? Agora nada. Crise, política. Os profesores sobramos, somos innecesarios. Os xornais minten e todos se deixan enganar. E eu só quero que aprendan a vivir. Si, isto tamén se pode ensinar nun instituto, exactamente igual que mo aprenderon a min.

Párteseme o corazón. Pecho os ollos e suspiro mirando cara outro lado. Dóeme, pero esta vez serei paciente. Correr é como opositar, un proceso lento que require de moita paciencia e vontade. Non me vou rendir, aínda que todo se me poña en contra. Esta vez non me rindo.

soños22 Nov 2011 12:39 a.m.

Sinais que me indican que vou ben.

basado en feitos reais22 Nov 2011 12:31 a.m.

A man de Deus non é a de Maradona. É a deste arxentino con vontade de xigante. Tiña nove anos cando perdeu a man dereita. Daquela xa namorara da maxia. Dixéronlle que non chegaría a mago, que o futuro sería duro para el. René, xamais poderás levar dous caldeiros de auga. Se te fixas ben aínda podes ver esa sombra detrás dos seus ollos: a frustración, o rancor dese neno. Por que non podían confíar? Pero súa vontade foi paciente e aliouse co tempo. Non tivo o fácil, aprendeu os trucos de dúas man cunha soa. Adaptounos. Fala con voz tranquila. Claro que se notan os anos, a pegada do tempo coma nos bos viños. Conta historias e semella un Cortázar da maxia. A escusa son as cartas.

Un home, un neno, un vello que se sinte completo enriba do escenario, libre.

eu enténdome and soños14 Nov 2011 04:42 p.m.

…volveremos a cruzarnos cando a min me dea a gana

Non te preocupes por min, non te hei recoñecer.

basado en feitos reais and self-service love07 Nov 2011 05:27 p.m.

Podería facer unha crónica sobre o concerto, podería copiar frases que non son miñas ou colgar un vídeo. Síntoo, tampouco sei ser obxectiva ou racional.

Prefiro mergullarme nos meus recordos.

Cantas persoas collían naquel auditorio? Bágoas nos ollos cando tocan Imposible Germany. Viaxei aqueles días do Primavera Sound 10 nos que me dicían unha vez e outra vez que era imposible, que ía caer. E sorrío para min, sentada en primeira fila co meu imposible sentado á esquerda. Lembro que vin a perfección cando tiña 17 anos. Tiña Arte de optativa e o mellor que que che pode pasar é que algún bo profesor leve á túa clase de  intercambio a Nápoles e que unha das paradas (de tres días) sexa Florencia. Eu que vivía namorada da perfección, que me obsesionaba e me drogaba en silencio, atopeina en forma de bloque de mármore convertido no ser humano máis perfecto. O David de Miguel Anxo deixoume paralizada. Ese foi un dos instantes que me cambiou drasticamente a idea que tiña sobre a vida. Había alguén máis comigo, de pé naquela sala ateigada de turistas. Ves? Xa non tes que buscar máis, está aí. Agora sé ti mesma, para sempre. Bágoas nos ollos. Quixais ese alguén fose eu dende o futuro, viaxando ao pasado en soños. Por que non? Quen non soñou con volver atrás nas nosas vidas e salvarnos?

Aquela mañá de setembro de hai dez anos deixei de querer ser Indiana Jones á procura da perfección. Volvín daquela viaxe con aquela íntima revelación no corazón.Segue intacta.

O venres a perfección quixo volver a aparecérseme: Wilco.