Maio 2010


basado en feitos reais02 Mai 2010 11:36 p.m.

Para min o mellor do xadrez é cando o teu opoñente se despista, infravalora a ese pequeno peón que vai avanzando lentamente e que un día calquera se transforma nunha nova Raíña

eleccións02 Mai 2010 11:27 p.m.

Ese momento de máxima tensión no que é case imposible moverse ou respirar… Había que aguantar, manter o equilibrio e non ser quen primeiro en amosar debilidade.

basado en feitos reais and espectadora02 Mai 2010 11:22 p.m.

Por que a vixías cando pensas que non te ve? Por que fuxes tantas veces? E a min encantaríame collerte por banda e dicirche, xa sei porque tremías cando ela te abrazaba… Sei que non era medo, non, que a min non me enganas. Era desexo, ás veces aínda o segue a ser. E non, deixa de correr, non podes escapar.

íntimo e persoal02 Mai 2010 11:11 p.m.

Pechei os ollos. Sentín como todo se inundaba de mar. Eu era un peixe, branquias para respirar, ollos para non ver. Deslizarme e volver mergullarme ata onde non chega a luz. Aguanto a respiración? Onde vai  meu sangue? Oh, sorpresa, non teño memoria. Ameite? Soñeite? Coñecémonos? E todo se borra…

axenda02 Mai 2010 10:49 p.m.

O que me espera

mestra jedi02 Mai 2010 10:43 p.m.

Pensei que buscaría a miña versión adolescente entre os meus alumnos. Estaba convencida. Observeinos, primeiro desconfiada, son moitos anos formando parte dos adultos. Prexuízos absurdos. Pero os meus ollos nunca me enganan e déixome levar polo instinto animal. Non sei en que momento foron meus, ese instante no que me escoitan, só iso. A algúns bríllanllelos ollos, sinto como a miña empatía funciona mellor que nunca e que por fin todos estes anos de extrema sensibilidade serviron para algo. Fago maxia. Engánchanse. Dígolles cal é o Norte, e sorrín aliviados. Van cargados desa inocencia pura, esa forza bruta, nin unha soa cicatriz. Caerán, partirán pernas, brazos, mans, corazóns, soños… Gañarán e perderán. Saben o que queren, pero non poden facerse unha idea do moito que lles queda por vivir. E coma todos, tan só necesitan que alguén crea neles para que poidan comezar a escalar o Himalaia.