"o derradeiro sorriso. sorríchesme... papá e mamá alí detrás falando de non sei que cousas. onte, no hospital, e o tempo detense, estírase como unha goma xigante. había néboa nos teus ollos, e sen darte conta tatuabas ese sorriso na miña alma. para sempre. foi o teu regalo de despedida? miña avoa, miña velliña, quen me contará agora contos de cando eras nena e corrías libre monte arriba, rodeada de animais? a quen lle vou dicir que o mozo de Catu ten moitas vacas? ti sabías que este conto que foi a túa vida chegaba ao seu fin... esas cousas sempre se saben e os teus ollos que confesáronmo"

isto escribino o xoves... aquela noite... e hoxe? hoxe xa pasou unha semana. ti non estás e é como se eu fose un caracol á que lle arrincaron a súa cuncha... sempre estabas, sempre protexías. e eu non me daba conta. chegaba con que existises, con saber que estabas. como o latexo do corazón, ese movemento inocente que fai que sigamos vivos. e hoxe soñei que volvías estar mal... outra vez no hospital, outra vez verte así... a min hai unha semana que se me parou o corazón cando chamou papá para dicir que xa morreras. nervioso, confuso, doído. e eu camiñando por Ourense nunha nube... o mundo seguía. semellaba que nada cambiara. a xente vivindo as súas vidas, alleos a todo o que eu sentía. ese mismo día soñei que tiña unha vespa e que te levaba de paseo por toda A Peroxa, e que facíamos unha festa en casa, porque non morreras... sabes? quérote moito máis do que cría... SI, moito máis. perdoa por tardar tanto en dicircho, creo que xa o sabías. a min esas cousas nótanseme nos ollos. teño medo... eu nos teus ollos víame, sabía quen era. agora teño que volver a aprender sen ese espello. ollándote aprendín a descubrir o que hai en min. cústame dicirche adeus... cústame... porque para min segues vivindo, doutra maneira, agora podo contarche cousas que antes nunca terías entendido. e non me dá a gana de dicirche adeus... non sei se fago ben ou mal. só sei que non quero perderte. dende o sábado durmo con aquel mantón azul que era teu... parezo idiota. non podo evitalo. non o controlo. e o medo a desaproveitar a vida... outra vez tócame ser valente, pero hoxe estaba cansa. necesito parar o tempo e volver a ser a de sempre.

abril de 2007

Chuzame! chúzame -