Decembro 2007


adolescencia tardía and amor escríbese con H and arroutadas27 Dec 2007 02:41 p.m.

agora mesmo daría toda a miña vida por ser a túa sombra e andar toda a vida pegada a ti. daríao todo. o que teño e o que non teño.

sen ti, pero contigo

delirando and maratón and soños15 Dec 2007 06:08 p.m.

Café e deliro. Non durmo. Ollos abertos de par en par. Ao final saio de marcha en soños. Os pés espidos. Frío? Calor? Dóenme os ollos. Dóeme a miopía. E mírome nun charco e levo uns cascos na cabeza. Vou a doar sangue no Paseo pero non podo, só me sae música das veas. E bailo, tírome ao chan. En trance. Un chasquido de dedos, unha guitarra eléctrica nas miña mans. Resulta que a sei tocar mellor que Jimmy. Fágolle o amor coas mans. Romper todas as cordas ou partir os dedos de tanta potencia? Outro chasquido dos meus dedos e toda a cidade completamente nevada. Xente patinando, outros esquiando, trineos e cans que parecen lobos.

 

Este frío non me mata, revíveme.

amor escríbese con H and b.s.o. and basado en feitos reais14 Dec 2007 06:19 p.m.

venres. paguei a miña consumición e marchei con aquela estraña sensación de malestar na boca do estómago. ese malestar que non é meu. maldita empatía… aquelas palabras cargadas de rabia, soños rotos? quizais… e eu tratando de ver algo máis que aquela punta do iceberg. ler entre liñas sempre foi a miña asignatura favorita malia a que ás veces suspendo. e unha verdade como unha catedral. eses ollazos non van ser para min. a miña intuición sempre tan oportuna. friaxe na alma. custábame sorrir. que se lle vai facer? a min gústame igual. poño os cascos e sinto esa escozor na alma. por que me tes que doer se non nos coñecemos? poño a Catpeople e escoito como un mozo sorprendido lle comenta algo ao meu “xefe”. e esa pequena victoria que me foi animando. á unha e media o Trolebus xa está cheo, tiven que sacar a artillería pesada. daquela entrei no meu viaxe astral particular. bailar e pinchar. ter amnesia, esquecerme de todo e de todos. a adrenalina da tensión de ter que estar atenta ao que fago. a inmensa satisfacción de ser, por unhas horiñas, a deusa que fai que toda esa masa de xente á que non lle vexo a cara baile e se esqueza dos seu problemas. a miña música, que non é miña, é prestada. poñerlle banda sonora á noite de tantos descoñecidos non ten prezo.

sentirme realizada. soa cursi? pois éche o que hai. bufffff, e eu que pensaba que xa non a ía sentir nunca máis…

[o da foto é Peter Hook, un dos meus ídolos, ademais de baixo-guitarra é dj]

basado en feitos reais and íntimo e persoal and viaxes14 Dec 2007 05:50 p.m.

Non fuxas. Entrégate á cidade. Regálalle o segredo da túa alma. Regálle abrazos sen abismos. O bico eterno, sen beizos, nin lingua, nin corpos que se rozan con loucura. Pérdete polo laberinto disfrazado, disimulado das súas rúas. Hai portas ocultas que levan máis alá dos soños, que dan acceso aos rincóns segredos da cidade. Ten alma, é un animal que respira cando todos durmen, que escoita e concede dons. Ninfas do río que se pasean polo día diante dos teus ollos, nunca sentiches o seu aroma inudándoo todo?A todos? Deixa que as feridas boten o veleno. Chora, berra, arrabuña o chan, sinte o sangue na punta dos dedos. Retórcete de dor. Pasa frío, calor, non fuxas. Non ves que non podes? Rompe a camisa, golpea o peito, ouvea como os lobos. E eles acudirán a ti, todos temos unha manada á que pertencer. Dálle liberdade á dor, á rabia, á impotencia, á frustración. Odia, ama, morre. E volve odiar, amar e morrer. Queima os paraguas, as cartas vellas, os soños. Só entón, cando xa non teñas nada, cando a dor estea fóra de ti, só nese momento atoparás a paz para marchar en liberdade. A túa viaxe xa non será unha fuxida, será unha aventura.