o outro día cando fun ver a meu tío xa me chamou a atención... alí sentadiña con calma e enchufada a vinte mil cables. onte volvín e alí seguía. de súpeto a máquina que controlaba as constantes púñase a pitar. a enfermeira rifáballe con cariño por soltarse de non sei que cables. miña tía contoume que leva alí dende o 2 de maio. resultou que ademais das gafas tamén compartimos nome e sorriso pillabán. ao cabo duns minutos xa volvía a pitar a máquina porque esta vez tirará do tubo do respirador. outra enfermeira colocoullo con moita dozura e deulle un bico na fronte. aquela velliña que levaba meses sen erguerse do típico sillón de hospital, que respira por un tubo de plástico, controlada por centos de cables... aquela velliña non transmitía pena nin tristeza. cando me quixen dar conta todos os presentes naquela habitación (enfermos, familiares e enfermeiras) estabamos hipnotizados observando a escena cun sorriso de cariño debuxado na cara. canseime de repasar o perfil da súa cara, o nariz. de cando en cando quedábase mirando cara a nada, como se estivese esperando por algo ou alguén... serena, como se soubese que ten que esperar. fixo algún amago máis de broma de sacar o tubo ou os cables, fíxonos rir a todos. non pode falar por culpa do tubo, pero tiña unha mirada transparente. foi como se me mirase no espello, aqueles ollos son os meus cando me miro no espello. outra alucinación máis, supoño, ou non, vai ti a saber.

se algún día me vexo na mesma situación que ela encantaríame que todos me mirasen con eses ollos...

Chuzame! chuzame -