Abril 2007


casualidades and family woman30 Abr 2007 09:35 a.m.

Chorima levoume a ver a súa exposición. e cando chegamos á altura deste cadro sentín como algo estralaba no meu peito. esa mirada… ao momento pensei nela. asaltáronme millóns de recordos… e por un momento xuraría que tiven os seus ollos perante min, os seus ollos cando estaba triste ou preocupada por algo. a mesma néboa no iris… naquel filme dicían que “Deus está na chuvia”. pero eu vin a Deus nos seus olliños…

si, as miradas dino todo. se fose artista adicaríame a pintar miradas para non ter que vivir lembrándoas cando xa non están.

amor escríbese con H and de esmorga29 Abr 2007 09:43 a.m.

eses ollos… unha mirada, dúas. azuis. profundos. a xente desaparece, son invisibles, non existen. casualidade? e minutos despois, como un imán, imparable, outra vez. nin, a miopía, nin os 10 metros que nos separaban, nada que poida evitar que me mergulle nas augas do océano dos seus ollos. brillantes. gústasme. esa bala de prata vai directa ao meu corazón de lobishome. e sorrimos á vez. e por fin me vexo dende dentro do espello. fun un pouco máis libre e feliz.
e a partir de aí sobroume o resto da xente… a felicidade é para os que saben o que queren porque só dura un segundo, ás veces nin iso. e se non sabes recoñer ese “algo”, ese todo que enche tanto…, entón nunca saberás recoñecela cando se pasee por diante dos teus ollos.

si, a felicidade é como atopar a wally, unha parvada bastante difícil.

saudade25 Abr 2007 08:20 p.m.

para min SEMPRE será 25 de abril

b.s.o.23 Abr 2007 10:24 p.m.

[gv data=”rYMBvT81znw” width=”425″ height=”350″][/gv]

renunciar a lo natural, y dejar que el agua corra…

sempre pensei que esta canción era triste… pero mira o vídeo, obsérvao ben. ves? ese sorriso que tes na cara é por algo, non si?

soños23 Abr 2007 09:58 p.m.

de madrugada espértame miña nai. resoan voces polo meu cuarto, pola casa, pola rúa. fan eco. é a miña voz. saio correndo á rúa. vou cos pés espidos, dóeme cada paso que dou. cada palabra,  todos os pensamentos de antes de durmir, todas esas cousas que todos dixemos algunha vez xusto antes de durmir… pintadas, escritas nas paredes, nos muros, nos escaparates. é a miña voz, calmada, entre susurros… e síntome espida… vexo aos meus veciños, a meus pais en pixama, a todo o mundo con velas, nunha procesión silenciosa repetindo cada un dos meus pensamentos máis íntimos… subo ata o Paseo e logo avanzo entre a multitude ata o Parque de San Lázaro. hai unha luz que vén do fondo, de onde está a fonte. é alguén, que brilla … e eu estou enmeigada. de súpeto dáme igual que todos escoiten, que saiban, que lean o máis profundo de min. case non podo moverme… vou achegándome… e canto máis me achego máis calmada me sinto… unha paz que non sentín nunca antes… non me dou conta pero eu tamén estou a brillar, unha luz que nace no peito, á altura do corazón. chegan os da procesión e vexo como se vai camiñando por Santo Domingo. vou detrás e os da procesión tamén, parece que se dirixen á catedral, pero non, eles van cara San Francisco. eu vou detrás desa figura que brilla. entro na catedral… vou con sixilo, non quero que me vexa. unha man que se pousa no meu hombro, xírome… eses ollos, os meus ollos, o tempo parado, estirado, como unha goma nos dedos. ola. intento recoñecer esa voz, facer memoria ou algo. un detalle, unha casualidade, algo por pequeno que pareza. ola digo eu tamén concentrada nos meus recordos. dóeche? e sinala o meu corazón. observo cara onde sinala. sorrío, só un pouco, pronto estarei ben. estou cansa e vou cara un banco a sentar. xa o sei. eu non entendo. que sabes? volve a chantarme os ollos. que estarás ben… e en silencio saboreo esa seguridade, esa confianza en min. sempre sorrís así cando estás nerviosa. deixo de sorrir automaticamente. e poste seria, como agora, pero en realidade non o estás… o único que pasa é que algo que pasou, que che dixeron, algo que é para ti significa moito chegouche moi adentro… como cando les en voz alta, con solemnidade. e volve a sorrir porque sabe que estou desarmada. vaia, es das poucas persoas que… e pecho os ollos porque non quero acabar a frase. veña, sóltao… insiste con cariño. bocanada de aire. neste momento creo firmemente que es a única persoa que me coñece… é raro… porque empezaba a crer que lles vou ter que facer un mapa da miña alma a todos. e rompe a rir, e eu contáxiome. eu son o mapa da túa alma. e namórome perdidamente desa seguridade que non é orgullo, é unha verdade que me creo ao momento. e cunha delicadeza extrema retírame as gafas. non sabes o que odio ter que ver os teus ollos a través dun anaco de vidro. acaríñame a cara coa punta dos dedos, o pelo e úleme. sabe de sobra que ninguén o fixo antes, que morría de ganas por que o fixesen. e pasea o seu nariz polo meu pescozo facéndome cóxegas. ai, ti sempre tapando, sempre protexendo a outros do mundo, do teu mundo, sempre coidádoos sen pedir nada a cambio… e eu pecho os ollos con forza porque non quero que esa bágoa que asoma caia. pero e a ti? a ti quen te mima? quen te coida? quen te protexe do mundo, eh? e abrázome como na vida me abracei, con todo o corpo, con toda a alma. sabes? estou cansa de confundirme… nunca te atopo… olla para min con calma. mira que es teimuda… non tes que buscarme, só tes que deixar que eu te atope, só tes que facerte visible para que eu poida verte, nada máis. soan as badaladas. e miña nai entra apurada na catedral, que seica andan agardando por min. a man de miña nai  no meu ombro. nena, que aínda vas perder o bus pra vigo.

xuraría que soñei ca miña alma xemelga… ( xa era o único que me faltaba…!)
[bso: DeloreanAs time breaks off]

íntimo e persoal23 Abr 2007 12:19 a.m.

unha frase e todo cambia. menos de dous segundos, menos dá unha pedra. respiro. o peito rebenta, millóns de litros de auga acumulados en min que saen para sempre. un océano enteiro. quenllas, baleas, golfiños, corais, luras xigantes e algunha que outra serea… escaleiras arriba e sen mirar atrás. o corpo non pesa, levito. a mirada perdida cara fóra no bus. o rapaz de belas que me vixía dende detrás. non hai volta atrás, non me asusta a seca, non me asusta pegarme unha hostia co coche, nin que non se abra o paracaídas. non podes pararme, non podes determe. ás veces mesmo son invencible… e son máis libre ca un pingüín emperador na Antártida. e non doe, a bala rebota contra min como se levase un escudo invisible. durmo doce horas seguidas, despídome de todos, agora quero escalar o K2. o sábado ceo en casa de Ro e súa irmá. estou fregando mentres Ro nos comenta como lle foi na narco-sala, Eli, nunca escoitaches a frase de que “só os peixes mortos seguen a corrente do río?” díxoma un dos que vén que é poeta e… e esa mirada cómplice que cruzamos e o meu sorriso feliz, ninguén me viu saltando polo salón de casa coa música resoando en todo o edificio.

porque teño alma de xigante, rostro de actriz e honestidade.

eu enténdome21 Abr 2007 10:08 a.m.

eu non quero nada. eu non espero nada. ese instante no que me arrincaría os ollos. e xa non sona música de baile, é Muse dentro da miña cabeza. o puño tan apretado que me fago sangue sen querer. tivo que darme un infarto porque por dentro sinto como se rompe unha arteria e o inunda todo de sangue. os pulmóns fallan, non dou respirado e … collo a chaqueta e marcho. unha bocanada de aire húmido contra a miña cara. voume para arriba, voando, case correndo. xuraría que non me late o corazón. rumbo a casa, pero antes fago unha parada na estación de trens. hai un tren que marcha para o norte. sento a ver como se afasta. un segurata achégase a min. estás ben? perdiches o tren? volvo os meus ollos cara aquel home que mira preocupado. sorrío. non se preocupe, este non é o meu tren. e no meu delirio descubro que atopei a resposta… en pouco máis de cinco minutos xa case estou no portal. o meu móbil non deixa de soar.

me tienes tan fa fa fa fa fascinado

maldita a hora en que lle puxen ese tono ao móbil. e debín pasar 45minutos sentada nas escaleiras da miña casa, a escuras. a cabeza entre as mans. de que carallo me vale saber o que quero se sei que nunca vai ser para min? entón, xa que o sabes, sóltado, sácao, e sigue cara adiante.

e non hai máis verdade ca esta.

b.s.o.19 Abr 2007 11:12 a.m.

neste meme había que por música no acto… pois ben, a miña última elección, despois de meditalo moito, é esta. non che vou narrar un conto. para esta canción non… esta canción non é para foder, é para facer o amor. hai un abismo entre unha cousa e a outra. é algo que aínda non tiven o pracer de vivir, non me avergonza recoñecelo. podía describir como imaxino que será… pero éme imposible. non quero soñalo… quero vivilo. e sei que estiven moi moi preto.

o amor recoñécese polos ollos… pero empeza nas mans

P.D: outras suxerencias para este meme…

the nothing song, I feel you, suave es la noche, outside, isaac, bizarre love triangle (remix), square one, out of control, all around, smack my bitch up.

o pracer está na variedade, non si?

frikadas17 Abr 2007 10:11 a.m.

 

The Thought Which Sees – Magritte
encántame este cadro…

arroutadas and íntimo e persoal17 Abr 2007 09:51 a.m.


hoxe se me din que son a filla abandonada de “alien”, que meus pais me adoptaron cando me viron nun cubo do lixo, que noutra vida fun o chaman dunha tribo en Australia, que fun a filla do ferreiro do castelo da miña aldea ou que fun un dos tradutores de Afonso X O Sabio… ou María Antonieta… ou que me vou reencarnar nun can de palleiro… hoxe, hoxe? hoxe créome calquera cousa que me digan.

amor escríbese con H and basado en feitos reais16 Abr 2007 12:15 p.m.

 

todo comezou por culpa da miña chapa. acabamos falando de cine. mirábame con aqueles olliños… xa non lembro se lle preguntei se fora ao concerto de Deluxe (eu sempre buscando a casualidade…) ou o qué. nin sequera lembro que lle dixen pra que se viñese con nós ata o Badulake. e quen bicou a quen? detalles en importancia… suave, lento, igual que unha caricia. eu voaba, non estaba alí, dentro do meu corpo. pero el non era el… aquel aroma era inconfundible. quizais foi o mellor bico que dei… daba igual que tivese barba. eu non quería abrir os ollos, non quería espertar daquela ilusión e foi xusto nada máis abrilos cando marchamos pro seu piso entre mimos e caricias. o certo é que me caía ben. contoume da súa vida, conteille de min. púxome música, canteille baixiño na orella e deixei que me espise comezando pola miña adora gravata. deume clases de ximnasia rítmica e eu deixei que fixese un mapa do meu corpo. vin amencer de pé, máis espida por dentro ca por fóra.

limiao tiñas que ser…

[bso: Pereza/SidonieNiña de Papá] 

amor escríbese con H and basado en feitos reais14 Abr 2007 05:20 p.m.

non era eu. era un animal. non pensaba, non sentía nada que non fose odio. aquilo matábame… e dábame todo igual. descubira que xa non o quería (non coma antes), que el a min tampouco. e non me doía… no orgullo quizais, pero non no corazón. demasiadas cousas, demasiadas certezas, demasiadas mentiras na miña cabeza. estaba farta, tan cansa, desilusionada… sempre conténdome, sempre, sempre, a todas horas. pero alí non, lonxe de todos, con el non. e dábame igual, o amor, a vida, a dor, a mentira. aquela noite non me ía quedar de brazos cruzados, de parva, coma todos os días da miña vida, esperando por algo que non chegou. non podía durmir… toleaba… retorcíame, desesperábame. e ademais, por que non? biquieino incendiada… deixoume e bebín del; estaba perdida no deserto e el era o meu oasis. sentirme viva. só iso. con todo o corpo, con toda a alma. biqueino como se aínda o quixese, como dicíndolle adeus. e eu sabía que el a min tamén. non me doeu, fíxome ben. e sen dicirllo nunca tranformamos a miña ira en paz. así, pelexando un co outro, cos ollos pechados e respirando un na boca do outro. pero como me fas isto? eu apoiada contra a parede, volvendo a sorrir, el contra o meu peito, exhausto, case durmido. espidos. náufragos. acababa de saír o sol.
tiñamos cambiado demasiado…, pero o lume séguese apagando con lume

[bso: The BraveryHonest Mistake]

basado en feitos reais and persoal14 Abr 2007 09:50 a.m.

transparente. suave ao tacto. dura se golpeo. pero escorregueime polas mans, acabei bicando o chan en silencio. non escoitaches como me rompín contra o chan? e só hai fume cando se achega a min, como o ilusionista, para que non descubra. creo que esta vez fun eu quen se intoxicou... frases que deixan K.O. teñen o poder da verdade. teño que escribirlle o final a este conto. necesito espirme dunha maldita vez, lavar os vellos medos co salitre do mar, mergurllarme e buscar novos peixes de colores.

arroutadas and basado en feitos reais and family woman and saudade10 Abr 2007 10:40 p.m.

a velliña leva un mandil gastado e un pouco hortera. a nena vai diante polas escaleiras dunha bodega. a velliña apóiase na nena que vai baixando antes ca ela, non terá máis de 8 oito anos. aínda era mellor que fose eu diante, se caio é mellor, ti es moi noviña. a nena non se atreve a mirar á súa avoa. mira cara adiante, cara o fondo das escaleiras. está a pensar nas consecuencias dunha posible caída. e sobre todo na dor de que súa avoa lle caia enriba. pero non tarda nin dous segundos en responder. non importa, prefiro que caias sobre min. a velliña non entende e escandalízase. ai, neniña, non digas iso!

moit@s pensaredes que é unha parvada…, pero esta clase de parvadas foron as que sempre me marcaron. hoxe volvín a ter medo de separarme… era como se tivese que cortarme unha man.

basado en feitos reais and de esmorga08 Abr 2007 04:10 p.m.

era día de festa, San Antón. calor abafante no aire… algunha que outra orquestra coñecida na terra. viño caseiro en vez de cubatas. ir e vir. danzar por todo o campo da festa sen rumbo fixo. Catu igual ca min ou peor. Ro morta de risa e gardando na memoria para contarnos ao día seguinte. el e eu bebendo licor café. rir e lamerme vellas feridas, xa non había volta atrás… acaba a festa e eu sigo polo aire. esas miradas del… as miñas… para que esperar máis? dáme biquiño, anda, dáme un biquiño… e cae na miña trampa. doulle o que quere, o que todos queren. comernos a bicos camiño de casa. nin unha alma pola estrada nin pola aldea. incendiarnos na fonte… metelo en casa. dábame todo igual… sentir o seu corpo nu contra o meu. comprobar que as feridas cicatrizaban ben, que volvía a ser a de sempre. que xa non me doía o corazón como antes… a miña lingua caníbal…

que bos recordos

“Si buscas milagros mira: Muerte y error desterrados”

[bso: Manolo GarcíaA San Fernando, un ratito a pie y otro caminando]

family woman and saudade08 Abr 2007 02:11 p.m.

de pé, aguantando as bágoas. resistir. disimular, conterme. ir acumulando. tres días de velatorio que foron moitos. as apertas, os recordos. o final. a despedida. o ollos vidrosos… brillantes. tristes, apagados. deixar de sorrir. un corpo sen vida que amosa a paz que non tivo na derradeira semana de vida. morreu escoitando como o fillo chamaba por ela. mamá, mamá, mamá!!! a min regaloume un sorriso a derradeira vez que a vin. o máis valioso de todos porque sei ben que foi o que máis lle custou. xa había moita néboa nos seus ollos… xa andaba lonxe, de viaxe. chorar e mirar de fronte á morte, de pé, con dor, pero sen medo… levárona a hombros. unha procesión silenciosa baixo un ceo despexado. unha igrexa apagada e chorosa. non ver, non escoitar. a música resoando, os ollos vánseme ao cadaleito. rompo a chorar. dor pola ausencia. bágoas de ouro, auga como a que caeu a noite antes. outra tormenta dentro de min. rápida, forte, pura. raios, tronos. auga caendo pola praza maior, inundando mentres eu estaba nos soportais, refuxiada admirando… era un sinal. unha man no meu ombro, meus curmáns? non sei, non podo mirar… dóeme estar viva. e a Raiña (chorando) que vén voando a por min. non chores, nena, non chores, tranquila. é máis ben unha súplica. cólleme da man. agárrome forte ao banco. isto xa o vivín. non penso, non son, só choro. resoplo. e a tronada vaise calmando pouco a pouco. eu sabíao, eu sentino, o corazón berroumo asustado hai dúas semanas… levana para o nicho. agárrome da man de Quela e noutra man unha rosa branca. Catu rompe a chorar cando a abraza Ro. volvo a desfacerme por dentro. deixar que me agarren, botar dor polos ollos. meus tíos despedíndose da xente. a avoa Elisa que me abraza. a de cousas que nos dixemos sen falar…

e deixala marchar… miña avoíña, miña velliña… e vexo ao meu avó enriba do seu cabalo. esta moi novo, case ten os meus anos. está sereno e sorrinte. ela, nun descoido, sae do nicho, noviña, morena, sorrinte, vai correndo ata el. por fin! bérranse. súbese ao cabalo sorrinte. palabras en voz baixa, á súa orella. ela dálle un bico na meixela. a min pásaseme todo… e mírame. eu sorrío cara o ceo, cara a nada, cara todo e todos…

e volveremos a estar todos xuntos.

family woman04 Abr 2007 10:46 p.m.

Ester Raquel Montes Vázquez

1910 – 2007

“morir es aprender a esperar y vivir… vivir es aprender a ver en la oscuridad”

Avoa, dálle un bico ao avó de parte de todos.

[bso: MozartRequiem]

amor escríbese con H and persoal04 Abr 2007 12:19 a.m.

por que non? ese é o camiño fácil. con esa pregunta empeza todo… pero eu fíxena ao revés: e por que SI? e non atopei motivos… non os suficientes. podería aproveitarme, podería escoitar só o que din dende fóra. facedes boa parella. e todos opinan do que non saben, do que non imaxinan, do que non len entre liñas. e eu podería deixarme levar polos seus piropos, porque… a quen non lle gusta que o observen embobado? pero é unha ilusión, unha mentira piadosa da autoestima, unha trampa da vanidade. pero, síntoo, a min encántame vivir ao filo do imposible. ti non sabes o que queres. entón sorrío porque se o soubesen todo cambiaría. estou namorada do anticristo dos tópicos e iso é algo que non ten solución e que non me dá a gana de arreglar. estouche moi ben así. sigo o meu instinto, fiel, animal. sei o que quero. vou detrás, sempre detrás, a un minuto, quizais a dous, pero aí vou. por fin deixei de escoitar outras voces… non interesa o que din. só me fixo nas miradas, só escoito ao meu corazón. busco os sinais nos que ninguén cre…, ( sabes o difícil que é crer cando todos renegan por medo?) e dá igual, desta vez xa dá igual, isto xa non hai quen o pare.

volverei darlle ao PLAY e esta ola romperá contra min.

arroutadas02 Abr 2007 11:42 p.m.

mírote. mírasme… derrítome. pero por unha vez non sinto vergoña e non aparto os ollos de ti. sen escudos, sen presións, sen medo. todo me dá igual. non parezo eu, verdade? o ollar tranquilo e ardente. queres máis? o cubata na man. xa non sei quen vixía a quen… cómote coa mirada. sen delicadeza, sen dozura, sen nada. famenta, sedenta. boto fume polos pés. unha pinga de suor dende a fronte ata o escote. cabezas polo medio… pupilas que parecen as de superman espindo os corpos. cambia a música. mestura de corpos. achegámonos asi como quen non quere a cousa. o ritmo… un paso, outro. sempre sen tocar. tan tan preto… bufffff deixamos que pase. os teus beizos bicando o meu pescozo. aguanto, aguanto, sobrevivo. bicos húmidos, cariñosos, provocadores… respiro con dificultade. na miña vida. ardo por dentro… cólloche da man… nin o dubido dúas veces. cal é o baño que está libre? temos sorte. a música segue resoando… as miñas mans tremen polo desexo. bícote como se fose o meu derradeiro alento de vida, como se estiveses sen vida e eu puidese resucitarte. as mans voando por baixo da roupa. non entender, só sentir lume dentro. levitar. desexo. e deixar de ter sede.

queres? búscame…

[MadonnaLet it will be]

Páxina seguinte »