Marzo 2007


eu enténdome28 Mar 2007 03:34 p.m.

“a mentira é outro modo, unha pública forma de recoñecer que na outra beira está a verdade. non é unha escusa. é algo humano. unha circunstancia que permite atrincheirarse dun ou doutro lado, e iso que desata o animal en nós e o moi pasional, parece ser que é o único que rixe os destino, xa que estamos feitos de carne.” Miguel Bosé dixit

arroutadas and de esmorga28 Mar 2007 03:14 p.m.

e cando me quero dar conta xa non teño a onde fuxir, nin coartada nin nada. e pecho os ollos, paro o tempo, pero o latexo do corazón avísame, “estás viva!” estou condenada a ser sempre un can fiel. é o camiño que escollín. morder a lingua, beber do meu sangue,  que vai ser de min? quen me vai vir a rescatar desta timidez que só ten unha causa. a un metro. a dous, a tres. e as ganas… un maldito furacán que non para de zoar dentro do meu peito. supoño que sobrevivirei, sempre o fixen. quero berrar tan forte que a terra deixe de xirar no sentido da agullas do reloxo. que xiren todos ao revés porque eu vivo así. e morder. morder cos beizos e notar como o sangue me sube á cabeza. berrar, unha soa palabra, a que me condenaría, a que me liberaría. berrar e cambiar o meu mundo para sempre… son un incendio que non acaba de prender.

amor escríbese con H and family woman25 Mar 2007 11:05 p.m.

papi1.jpg

tímido. sempre tímido. sensible… disimulando que non o era (igual que Catu). creo que o que namorou a miña nai del foi esa mirada agochada detrás dunhas gafas escuras que ocultaban as súas moitas dioptrías. a coartada perfecta para observala sen ser descuberto. ou quizais que ten un corazón que non lle colle no peito… ou todo. sempre lle pregunto a ela que foi o que encendeu esa chispa, que foi o que fixo que se namorase dun cura. e sempre chego á mesma conclusión: que a coidou cando máis a necesitaba, que estivo con ela cando quedou soa con pouco máis de 18 anos ao cargo dos dous irmáns máis pequenos porque meus avós estaban deixando a pel en Alemania, que todo foi inocente e sen premeditación, inevitable. ninguén pode planificar o amor. non atende a razóns, e cando é de verdade, sempre se sae coa súa. iso é o que máis me gusta del. que che cambia a vida. el deixou todo no que cría por ela. todo por amor. quizais algún día eu teña que facer o mesmo. e ela esperouno anos e anos, namorada, sen esperar nada, tan só amando… ela foi moi valente e el foi honesto cos seus sentimentos.

hoxe fixo 68 anos. felicidades papi, adórote.

de esmorga25 Mar 2007 10:28 p.m.

image0045.jpg
estou colgada… colgadísima… enganchadísima… e todos me din que estou guapa, os maderos e ata ligo devorando bocadillos de tortilla.

non saben o que din…

amor escríbese con H and arroutadas and as miñas nenas and de esmorga25 Mar 2007 10:23 p.m.

tiña sede… e bebín. BEBIMOS a vida de tal maneira… rendirlle culto a Baco. as horas pasando e nós sen sentilo. rir. vingarnos a sangue frío do inxusto deste ano. tamén bebín da boca daquel mozo delgadiño… como se me fose a vida niso. como se nada máis importase ou existise. ata que canso e fuxo mexar de monte. cedeu o corazón e o corpo, firmaron unha tregua silenciosa. vivo coa maldición de non saborear nunca os beizos que desexo, vivir regalando bicos que xa teñen a quen pertencer.  e fuxir a bailar. unha vez máis, como casamenteira non teño prezo. o alcohol facendo das súas, o que fumei tamén. notar como o espacio e o tempo deixan de existir. e outra vez a mirada que me delata. é dá igual. non me importa, os pés sempre espidos. ver como a marea sube e baixa. vén cara min, afástase. nese intre vénseme á excursión de 2º da eso en Sevilla, aquela tarde nun parque temático, aquela atracción que xeraba unha ola artificialmente. ver como a xente se tapa con chuvasqueiros e sorrín. eu non me tapo, fai moita calor. vexo vir a ola contra nós. véxoa vir e o corazón acelérase. rompe contra nós e a xente fuxe. móllame a cara, os beizos, o peito. e síntome no ceo… miro cara atrás e vexo que todos fuxiron agás eu… sorrío. outra vez no sanpepe, pero esta vez a ola non chega a min, para xusto antes de facelo, a canto? un centímetro? cinco? e o corazón sáeme pola boca. inevitable, e non sei se son a persoa máis lúcida de todo sanpepe ou a máis ida…

adolescencia tardía and basado en feitos reais and casualidades and íntimo e persoal25 Mar 2007 09:01 p.m.

medo. de golpe. esa punzada no medio do peito. sentir que “isto” se me vai das mans… auga e nada máis. e medo ao lonxe… os medos do Rei que tamén chegan ata min, dá igual os quilómetros, podo sentilo, créalo ou non. avoas en hospitais, a morte rondando. avisando? ese desacougo é inconfundible. abrazarme á nada, ao silencio e botalo fóra. non entender. que hai que entender? déixao estar, non o toques, non te resistas… e durmo acubillada nun aroma que xa forma parte de min. sentimentos mesturados, atopados. perder o norte por momentos, a miña brúxula desorientouse. vólvome un lobishome, mordo, rabuño…  e descubrir que hai unha persoa que pode calmalo.

e asustarme máis…

family woman25 Mar 2007 04:07 p.m.

mirada.jpg 

[18/04/2007]

a noite comezou cunha obra que nos deixou enmeigadas. de ruta por viños, pinchos de tortilla, empanadillas, croquetas, cervexa e sangría. filosofar sobre o mundo e crer que non é tan difícil cambialo. e unhas ganas de saír que nos ían envolvendo pouco a pouco. bailar, bailar. non parar. rir. deixar os medos, as nostalxias, os imposibles para outro momento. ela tamén sabe facer maxia, pero creo que aínda non o descubriu. traeos a todos toliños e faise pasar por polaca.  nasdrovia!!!! eu mexo da risa. e gústame vela así, sen que se dea conta, cando a súa cabeza non racionaliza tanto, cando pensa menos e actúa máis. deixar que me invite a outra cervexa máis na barra do Trole. eu son a túa irmá, dígolle chea de sinceridade. adopteina sen pedirlle permiso, sen sangue nin papeleo polo medio. porque me dá a gana. ela que sabe todo o que nunca pensei dicir en voz alta. sempre consegue que as cousas sexan máis fáciles do que son…

[bso: Please, please, please, let me get what I wantThe Smiths]

amor escríbese con H and basado en feitos reais19 Mar 2007 11:55 p.m.

mirar.jpg 
miradas

e mírame como se me recoñecese. como se me arrincase a roupa de golpe. como se entendese o que sempre ando a berrar a todas horas. buscándome cos ollos. a terceira vez que nos atopamos en dous anos. unha camiñando polo río, as outras no hospital. búscame e eu disimulo. porque me dan ganas de agarrarme á súa cintura e bailar entre pitidos de máquinas, bombonas de osíxeno e batas brancas. pero non. son as tres da madrugada, o Rei xa está ben, anda a poñer a camisa e os pantalóns, a Raíña cae co sono e eu asimilo todo o que vivín nesas horas. vaise un momento e non sei que raio mira no calendario que hai colgado na parede. é unha escusa seino. podo sentilo, só é unha amago de marchar. e eu agardo a que xire a cabeza e busque os meus ollos por derradeira vez. faino e conxélase o meu sangue. non, foron alucinacións miñas.

máis miradas

foi casualidade que Ro e eu acabáramos alí? tarde do domingo, todo pechado en viños… estou a falar de calquera cousa cando vén a atendernos. un relámpago por dentro. gústame. un colacao e un té verde mentres lle conto a Ro a historia (real) de amor que lin nun foro o xoves pola noite e que me tivo enganchada ata as cinco da madrugada. e de repente, sen os nervios habituais que sempre lle entraban cando estaba con ela, colle e sóltalle “a ver se deixas de facerte a inxenua, que sabes de sobra que estou toliña por ti” e ela tivo que arrimar coche nunha rúa calquera. pechou os ollos e agarrouse ao volante forte, forte. un bo anaco e que cando se xira, míralle aos ollos sorrindo e… xusto sona o móbil! élle a nai! ía a darlle un bo morreo, pero claro… máis risas. e entón, non sei porque, como unha chamada, a galleta na boca, o sorriso debuxado de orella a orella, a cabeza móvese soa, catro pares de ollos e dous sorrisos que coinciden no tempo e no espacio e no medio a barra. unha liña recta invisible, o máis parecido a amor á primeira vista. pago eu e memorizo esa cara en dous segundos. non sei porque tiven a impresión de que sabe que volverei…

e volverei.

basado en feitos reais and family woman19 Mar 2007 01:24 p.m.

o susto. pantasmas do pasado. madrugada do venres. estou de pé na U.C.I. mentres un rebumbio de mulleres con pixama azul lle colocan unhas pegatinas ao Rei pra facerlle un electro. unha delas é a Raíña. eles non querían que fose con eles, querían que quedase en casa. pero esta vez non me puideron convencer… xa non son unha nena. de pé, sen saber, a incertidumbre. e fitar de fronte ao medo, con calma. esa que ata hai cinco meses non sabía nin que tiña e que fai acto de presencia nos momento difíciles, para darlla aos que me importan. morte e vida están alí, nese pequeno purgatorio. tres estados da alma.

vivir

morrer

non-vivir

o terceiro é o inferno… é o irmán cabrón, falso e egoísta. un mal nacido. eu estiven casada con el… nunca te namores del.

xente intubada ata a médula. en coma ou peor. eu miro con respeto, case con cariño. con naturalidade. non me dá medo ver o sufrimento dos demais, non me angustia pensar que algún día podo ser eu a que estea nesa cama, chea de cables e co corpo desfeita. xa non son unha nena, unha nena estaría morta de medo… non fuxo. vivir non é coller só o bo, é collelo TODO, o branco e o negro, e o vermello, o azul, o verde, o gris, todas as cores do arco da vella (ninguén dixo que fose fácil)
non podo evitar que meus pais enfermen, que os que quero sufran, non podo. paseime anos dándome de hostias contra algo que o ser humano non pode controlar. e sen darme conta aprendín darlles o que cada un necesita. se eles non teñen calma, doulla eu. que están tristes, fago que sorrían. se perderon a confianza ensínolles o camiño pra chegar ata ela. aínda que non o digan, aínda que non mo pidan. e se non queren nada, pois nada. ter a capacidade de coidar da miña xente é algo que me dá tranquilidade case budista… sentir que pase o que pase eu estou aí para calquera cousa, que son capaz de reaccionar. son feliz así. sóache cursi? dá igual, é a miña realidade.

virán máis sustos. seino. e eu seguirei de pé, sorrindo, tranquila. podes pedirme o que queiras, heicho dar.

basado en feitos reais and íntimo e persoal13 Mar 2007 11:53 p.m.

aquela mirada parou o mundo como quen para un reloxo para sempre. aquela mirada cambiouno todo. sen entender, sen saber, e sempre sen preguntar. mirarnos e vernos. só unha vez na vida. só con aqueles ollos. as nosas pupilas bailando un tango. e non parpadear

(suspiro)

sen vir a conto, un día calquera. noite, escuridade, frío, e doulle a man pra que se levante do chan. e non soltarnos. as palmas ben abertas como querendo abarcar toda a inmensidade do mar. acariciar sen usar os dedos. e aquela calor furiosa facendo escalada no abdome, moi adentro. nunca foi o resto da pel, e doulle grazas ao destino ou a quen sexa. as cousas pasan ou non por algo, sempre hai algo que cho berra. todo ten un sentido, un equilibrio, un motivo. atopar os porqués é atopar as chaves que abrirán outras portas. agora volvo a esa mirada que xa non significa nada sempre que quero. obsérvoa dende todas as perspectivas. e lévolle flores a ese reloxo que tiven que enterrar na clandestinidade.

os recordos mortos, como os cadáveres, é mellor enterralos antes de que os coman as ratas. aínda que nunca esquezamos.

[bso: Carlos Gardel Sus ojos se cerraron]

arroutadas12 Mar 2007 11:23 p.m.

que é o que realmente lle dá sentido á vida? é a morte. esa dama tan temida, desprezada e odiada. tan pura, tantas veces inxusta…o único que lle dá sentido á vida é saber que algún día acaba. pero logo, cando apartas os ollos do espello, cando deixas de mirarte,  entón caes da burra e comprendes que non estás só. tes unha familia. e cando marchen eles? daquela que? a certeza de que é ese día chegará. medo.  máis tarde ou máis cedo comezan a caer, igual que pezas de dominó. logo cometemos o estúpido erro de crer que porque somos novos non nos vai “tocar”, que está lonxe… vivir pensando que somos eternos. edúcannos así. e nós deixamos que o fagan. é o camiño fácil. pero é unha gran mentira… abrir os ollos non é cousa dun momento. non, pero todo comeza cun deses que marcan. e a realidade bótase a ti como unha ola que rompe contra os cons. a ferida eterna da ausencia, do pai, do avó, da nai, da parella, de quen sexa. e se non a tes, xa a terás… só é cuestión de tempo.

vivir sabendo que un día virá e non terás cara onde fuxir. ese día, por favor, non lle teñas medo. é lei de vida, non é necesario que o entendas. funciona así e punto. ese día non serás ti quen diga adeus, será de ti de quen se despidan outros. ese día mirarás cara atrás e daquela saberás se fuches feliz ou non, se amaches todo o que podías, se fixeches felices aos teus ou non, se aproveitaches o tempo precioso da túa vida. non te asustes, é unha perda de tempo, ela virá a por ti… adícalle unha mirada serena e respira por derradeira vez.

vive, pase o que pase, caia quen caia, vive e sigue cara adiante. todo podería rematar mañá. a vida non é unha conta atrás, é un regalo. será todo o que ti queiras que sexa…

[bso: QueenWho Wants to Live Forever]

amor escríbese con H and delirando and soños11 Mar 2007 10:50 p.m.

venres noite. hoxe vou soñar contigo. pecho os ollos. de madrugada a súa cara, o seu corpo miúdo e xeitoso. esa cara que non me canso de bicar e acariñar. case non podo crelo, en voz baixa unha e outra vez. e a piques de espertar é cando me dou conta de que non é el, é un disfraz, es ti.

sábado noite. outro corpo, outra vida, outras circunstancias. cólleme da man cando ninguén mira. chíscame un ollo e cando ninguén mira mórdeme na orella. preséntame e di que son a súa moza. eu baixo a mirada, sorrindo tímida, mentres ducias de flashes se estrelan contra nós. aprétame forte a man en sinal de apoio. e eu sei que non é quen é no meu soño. es ti, sempre es ti.

dáseme ben disfrazarte…

amor escríbese con H and máis que papel10 Mar 2007 10:43 p.m.

marina.jpg
Pero, quen era esa figura fulgurante que viviu a contracorrente, emigrada nunha Francia que a desprezaba e condeada ao ostracismo nunha Rusia que a ignoraba? Quen era esa Poeta (con maiúscula, como adoitaba chamarse ela a sí mesma) que escribiu algúns dos versos máis brillantes da poesía universal? Quen era esa Marina a la que Rilke adicou unha Elexía e Brodsky alababa sen escatimar epítetos? Esa poeta que cría na prosa como na poesía? Que podía namorar dun home ou dunha muller sen distinción porque o que necesitaba era sentir a prensencia da súa alma? Nun dos seus cadernos de traballo Marina Tsvietáieva responde a todas estas preguntas: “Sei quen son: unha Bailarina del Alma”.

[parte do artigo de Selma Ancira, revista MERCURIO, PANORAMA DE LIBROS, nº87, febreiro 2007]

Fartaches xa desa mercadoría novidosa? Canso da miña maxia, como che vai cunha muller terrestre que carece de sextos sentidos?

Veña, con franqueza, sodes felices? Non? Como se vive nun abismo sen profundidade, meu amor? Custa, verdade?

Ai, Marina, Marina…

amor escríbese con H08 Mar 2007 12:39 a.m.

a atración é física. é como facer esquí acuático. como camiñar sobre as augas. un concerto de rock en primeira fila. é bicar uns beizos sen coñecer a súa alma. un instante de pracer absoluto.
o amor non é nin profundo, nin metafísico. o amor é un fillo do tempo que se alimenta del, é imposible de abarcar. o amor é o Pacífico, a forza das mareas. o amor non fire, dá alento cando ninguén máis e quen de dalo, é dador de vida. non é un só sentimento, son miles e miles e todas as combinacións posibles entre eles… pode ser unha simple caricia nunha man, un olor tatuado por dentro do corpo, unha confesión chea de timidez, ou unha mirada espida e calada que só quen a emite sabe como descifrar. unha casualidade, un segundo que medra imparable ata convertirse nun xigante que sempre te acompaña e abraza. o amor é que non che importe se diluvia, neva ou chega a primavera. non entender e entedelo todo. o amor moitas veces é conformista… a un milímetro de ti e xa se sinte no ceo…

o amor non derruba muros, atravésaos. sentíchelo algunha vez?

íntimo e persoal and viaxes07 Mar 2007 12:50 a.m.

puentes-de-florencia.jpg
ás veces tamén é necesario equivocarse e ser imbécil, aínda que só sexa un momento. por que ás veces custa tanto escoitar ben? e mordo a miña lingua, pra ben ou pra mal. e pecho os ollos con forza para non chorar. todas as cousas bonitas que se perden nun só segundo… e a cambio nada, só os ruxidos dun animaliño que non sempre non sabe convivir co seus medos…

e cánsome de que me digan o que debo ou non facer, como é ou como non é, cánsome de atender a tanta parvada. quero volverme completamente xorda. só escoitar esa sinfonía que todos temos no peito, automática, semellando eterna, pero non… e quero regalar algún que outro QUÉROTE sen compromiso, e bailes apretados e casuais, e deixar margarid ascando marcho, pecharme a escribir todo o que non escribín ata agora, porque se me deixas vendareiche os ollos e levareite a ver o mundo dende  cúpula de Brunelleschi, ou á cima do volcán

[o río non separa… o río UNE]

arroutadas and de esmorga06 Mar 2007 12:06 a.m.

había unha lúa estraña… non ía frío. a lúa brillaba como se acabase de nacer. eu saio de casa a por todas ou por ningunha. máis lixeira, máis pasota. non vou ser esclava do corazón sempre. cantar como se me fose a vida niso. bailar, bailar. vexo todo dende arriba, dende as escaleiras do Trole. a música párase. todos se conxelan cando alguén asoma pola porta… é a lúa que me mira a min. directa aos ollos. porque é que sempre me cega?? e comeza a soar outra canción… 2,28 minutos de mirada imparable. despois para o Badulake. e outra mirada que sei a onde nos leva. bicos que apagan unha fame que me devora por dentro. morder, saborear. aquí non se sabe quen é o cazador nin que é a présa. iguais. e rir. sobretodo iso. amnesia no corazón. e feliz marcho pra casa. a soñar.

(Hamor escríbese con H, pero o sábado noite quedou castigado en casa por ser malo)

eu enténdome03 Mar 2007 04:32 p.m.

explorando o plano horizontal… a miña man é un animal que ten un olfato de elefante. ten vida propia. escuridade, non ten ollos, non ve, non lle fai falla. sabe a onde vai. auga para min, sedenta. estou morrendo de sede… sempre confía, como un zahorí que atopa un pozo en calquera deserto.

b.s.o.03 Mar 2007 02:28 p.m.

14 de marzo de 2007, La habitación roja no noso teatro .

empezan os concertos…

arroutadas03 Mar 2007 01:01 p.m.

 

ultimamente baixo tan cansa de arriba que nin me dan as neuronas pra escribir… moito me f***. días en que parece que o sol guerrea por saír por entre as nubes. un raio, dous, tres. días nos que atopo de casualidade as respostas a preguntas que nunca formulei en voz alta. como moito escribinas. que facer? que esperar? que soñar? comprender que o máis valioso moitas veces é ter a oportunidade de participar. son como o suplente que mira dende o banquillo o partido. mirar e só mirar. e por dentro morrer de ganas por saltar ao campo… mirar e só mirar. non é cuestión de ser mellor ou peor. se soubeses como que rabeo por xogar… e mentres, calo e agardo concentrada o meu momento, estou preparada, AGORA si. cada minuto que pasa, máis e máis.

todo chega…