Setembro 2006


delirando and soños29 Set 2006 11:27 a.m.

 

o móbil contra o sofá. dou un portazo seco e marcho correndo sen rumbo. coma un animal. despeinada, a cara de enferma. sinto o corazón saíndose do peito. o aire faime dano ao entrar no meu corpo. e dá igual que estea débil. a rúa chea de xente. non os vexo nin escoito. salto por riba dos coches. caio mal. volvo a erguer. non é unha carreira? pois a correr. un tipo enorme, peludo coma un oso, horrible saído da nada estende o seu brazo que se estrela contra o meu pescozo. crack! reboto contra el. noto o sabor do sangue subindo pola gorxa arriba. incorpórome. pelexa, hostia. outro golpe no peito. caio contra a pedra dura e fría do chan coma un saco de patacas, inerte. choro de rabia. que non quero!!! deixádeme!!!!! cólleme pola sudadera. son un peso morto. aí é cando me dou conta de que algo non vai ben. algo falla por dentro e non deixo de botar sangue. afogo. es un monte de merda. e cúspeme. non vales nada. sóltame e outra vez a bicar o chan. pero pasa algo. non sei de onde porque estou sen forzas. odio. odio puro e duro. arrástrome uns centrímetros. máis odio. engánchome á súa perna e mórdolla cunha forza sobrehumana. un alarido enxordecedor. os meu dentes atravesando o pantalón, afundíndose na carne. máis odio, máis rabia. son un animal ferido. ira e veleno na boca. sinto un sangue que xa non é meu. un sabor noxento. o seu berro de dor. ódiote, ódiote, ódiote, ódiote. ollos pechados. e chego ata onda o óso. dóeme a boca e non me importa se rompo algún dente. e tiro cara atrás. a carne despréndese. vén comigo cara atrás e cúspoa nada máis separarme. dóeme a boca, estou cansa, só quero durmir. uns brazos recóllenme do chan, abrázame. e síntome ben. incriblemente ben. que pasou? paso dun pesadelo a un soño doce así, sen máis. intento abrir os ollos, non podo, estou demasiado cansa. quen es? sempre te me escapas… o seu tacto e o seu olor.

como sempre que esperto e véñenme flashes. pero nunca a súa cara. creo que alguén se está colando non meus soños para coidarme. who is?

 

ah, e xa non teño febre

family woman and maratón28 Set 2006 07:42 p.m.

hoxe o Rei non me vai mirar con esa cariña de boa persoa que ten (sorry, é o amor filial que non me deixa ser obxectiva). hoxe está decepcionado e eu teño a culpa….

delirando and persoal28 Set 2006 12:35 a.m.

teño febre, exactamente non sei dicir canto. deliro levemente. non sei a quen lle escoitei dicir que namorarse é coma ter febre. é coma estar enfermo. e do que eu lembro pode ser que si. e lembro que só estiven unha vez namorada e con febre. hai moito? si, mil anos, tanto que non sei se foi real ou non. ou iso me quixo facer crer. eu tirada na cama, calor, virus, intentaba durmir e non podía. vixíabame trala porta entre aberta. sentía os seus pasos ir e vir. quedábase mirando durante varios minutos. eu facíame a durmida e sorría para os meus adentros, sen entender nunca por que raios se escondía. daquel conto xamais lle preguntei nada. fíxenme a tola. total, sabía de sobra que me ía mentir.

mágoa que para o namoramento non haxa menciña, tería aforrado moito tempo.

persoal27 Set 2006 01:16 a.m.

merda! ando a incubar algo

pelis and soños27 Set 2006 01:02 a.m.

 

dálle a Pause. rebovina e se fai falla rompe a cinta. a milésima da centésima do segundo. o momento exacto no tempo en que o meu corpo se rinde e me lanzo aos teus beizos coma un asmático ao seu respirador. non pensar, non razonar. SENTIR. e o mellor é que ti tamén… ou máis.

 ando á procura do verso perfecto, o conto máis bonito do mundo. o camiño dos deuses e sei que só o escribirei despois de bicarte. e se mo dás non me importaría morrer aquí mesmo.

barullo, xente, música, risas, dúas respiracións que se alimentan. falar ao oído cos ollos pechados.

catro pares de pupilas que se cruzan. brillan. lume. calor. combustión espontánea da cabeza aos pés. unha partida de xadrez, contigo non me importaría quedar en táboas…

agora que xa tes todas as pezas só tes que encaixalas

un karaoke. a entoación perfecta. estou volvendo a sentilo?

a música a todo volumen. medio corpo fóra do coche na parte do copiloto. ollos pechados. outra vez polas rúas. berro. imparable. euforia.

mírome no espello, hai unha débeda que teño contigo, sorríome.

A AUSENCIA DO MEDO DÁ A FELICIDADE, quérela? a miña letra nun folio vello e dobrado sobre unha mesa. un sobre e un remitente que non se ve. uns pasos próximos, alguén que pon unha chaqueta e sae correndo

 

paran as imaxes e a xente murmura. sigo co corazón acelerado. estou nunha sala de cine. supúñase que chegara tarde, que aínda andaba a botar os tráilers doutros filmes. pero…que??? esa son eu!!! acaba e acenden as luces. érgome confusa, intentando deducir que é o que pasa. todos me miran. son eles!! todos os que coñezo, familia, amigos, compañeiros de clase, xente da aldea, algún veciño, case tod@s aos que coñezo. palidezo no medio das escaleiras da sala. que intentan dicirme?

espertar

máis que papel and maratón25 Set 2006 11:40 p.m.

 

unha clase que me gusta. vaia milagre! a intuición é esa voceciña que che di cousas que son verdade. sen probas, sen saber, sen ter a certeza. un exercicio e saber que un texto é de Moby Dick e outro do Vello e o Mar. libros en inglés que non lin na miña vida. a intuición é o olfato dos elefantes que se guían por el centos e centos de quilómetros ata chegar a unha poza de auga. o sexto sentido. sensibilidade extrema ou instinto? torpe para o basket, unha bala para intuír. non falla nunca, é infalible. a miña arma secreta, sempre a punto para disparar.

 

amor escríbese con H25 Set 2006 12:40 a.m.

 

aí de pé. sen saber que facer. beber? nin as ganas de bailar veñen. covarde, quizais máis ca nunca.

[pero esta tarde no coche o sol non paraba de lamber a miñas meixelas. coma un can fiel. bicos pausados con todo o sabor dun corazón]

un xigante ao meu lado. non se entera. sigo de pé, no mesmo pub. só quero fuxir. o rastro invisible, húmido do salitre na cara. e irremediablemente voume ata Florencia. outro xigante de pedra. perfecto. parado no tempo, eterno, frío, morno. infeliz. dan as catro e pouco. marcho a casa xusto antes de que o ceo rompa a chover. sempre volvo soa a casa, pero esta vez vou con medo. non quero atoparme con Eme. segues parecendo a moza máis triste da cidademedo a que mo digan os seus ollos outra vez, porque o fun moito tempo. ás veces non podo evitar que pese máis o que foi que o que é.

hoxe non. e mañá tampouco. prometido. foi a noite na que as paralelas se cruzaron.

 

 

arroutadas and de esmorga and eu enténdome24 Set 2006 03:10 a.m.

 

cres nas casualidades? eu non. e xa van dúas. facer o gilipollas, ladrar. recapacitar, encarrilar a noite e volver a cagala. ás veces a realidade é máis forte que as ilusións. venceume. o equilibrio ao carallo. ollos que non ven, corazón que non sente, non?. oxalá por unha vez fose así…

 

mañá nin sequera terei resaca

as miñas nenas and saudade20 Set 2006 11:37 p.m.

 

cantos segundos son dous anos? non sei, pero é o tempo que pasou dende que cheguei alá. ela, a cidade con alma de muller. mil recordos, mil fotos. o ano que cambiou a miña vida. sorrisos que eran cálidos coma unha manta en inverno. noites que se alongaban ata o amencer. aventuras contra a rutina. contarlle segredos á lúa dende algún mirador da cidade. tantas, tantas cousas… hai unha parte de min que quedou alí cando volvín. chámame en soños. volve, búscame. agora xa podes.

ganas de chorar e rir. que bonita é a saudade. que linda a miña lisboa.

hoy me muero por volver

 

basado en feitos reais20 Set 2006 08:13 p.m.

 

ir e vir. pequena, grande. eu. invisible, a pedra coa alguén tropezará. o grindastre como un puño pechado erguido cara o ceo. caras e máis caras. ter aulas. aprender un pouquiño. palabras prohibidas. vén o furacán. non me importa. a min non pode collerme. unha foto que mando e non chega. parar pra ver o mundo a cámara lenta. sálvame desta indiferencia que ás veces me serve de escudo. ou déixame salvarte. un susurro nun bico na meixela.

 

Calma, todo esta en calma
deja que el beso dure
deja que el tiempo cure
deja que el alma
tenga la misma edad
que
la edad del cielo

persoal19 Set 2006 11:14 p.m.

 adoro volver a casa así, paseando. as rúas sempre me conta segrediños.

amor escríbese con H19 Set 2006 10:39 p.m.

 

pregúntome se mo nota nos ollos…

antes estabas dentro de min, deles, do meu iris, da miña alma, dos meus soños. agora non. estou libre. xa non tes o meu corazón nas túas mans aínda que nunca o querías cada vez que cho regalaba. como cambian as cousas… antes doíame ver a realidade, agora non podo deixar de sorrir cada vez que o penso. acabouse. mellor así. os teus seguen a ser igual de bonitos que sempre. ese brillo, esa luz. algo mudou para sempre, xa non me sinto pequena mirándoos. deixei de baixar a mirada, tímida. quixénte máis do que pensas, sabes ou entenderás. e non me arrepinto. nin dos bicos prohibidos en soños. nin as dúbidas existenciais. nin as viaxes a paises estraños. nin o aroma do teu alento. non, non gardo rancor, pero hoxe só necesito que saibas que se acabou. cando me vas crer cando che digo as cousas? que o sintas cando se cruzan as miradas. nada. non queda nada. só o vento movendo as follas caídas.

 

repítome, xa sei. perdoa, pero é que quero escribir con letras ben grandes FIN

 

amor escríbese con H and persoal18 Set 2006 10:28 p.m.

repítense os nomes, como cando mo dixo unha noite calquera. e eu pálida, non, isto non pode ser… e vixiar sen ser vista. facerme invisible entre tanto universitario. notaráseme? gústame, non podo evitalo. así, sen coñecer, sabendo que nunca vou ter máis do que ven os meus ollos. sen esperar nada. a raíña das casualidades. saber horarios doutros anos. mirar sen ser vista. coñecer polos xestos, os sorrisos. intentar adiviñar porque ten un mal día, si se agobiou con algún exame. nada máis.

amor escríbese con H and maratón and saudade18 Set 2006 08:30 p.m.

o derradeiro primeiro día de clase. unha contradicción? os de primeiro máis perdidos que unha gaivota nun centro comercial. xa estou en quinto e creo que necesito que alguén me explique como cheguei. cinco anos que deron para moito. amor e Lisboa. debería sentir nostalxia, saudade ou melancolía. todo demasiado rápido, intensidade ata na rutina. o sabor agridoce de que nunca consigo o que quero. e aínda así non podo deixar de seguir soñando. o tesouro, o segredo, a ilusión que renace sempre.

afógome entre catro paredes. son un peixe de color con boa memoria, con branquias inútiles e sentimentos encontrados que non sei como encaixar. onde está o meu océano?conspira o universo ou conspiro eu contra el?

e dentro dun ano a saber onde andaremos… soñando, iso seguro

de esmorga17 Set 2006 07:54 p.m.

 

algo que se tensa dentro meu peito. atopei ao Deus das Pequenas cousas? bailar ata as mil. perder cinco euros. un chupito de canela. rematar no Rock Club. chuvia e un paraugas roto. que colla un taxi, que non se molle. volver a casa mollándome. sorrir.

e unha frase que non me atrevo a pronunciar

 

 

family woman17 Set 2006 06:30 a.m.

curouse. salvouse. tivo fe malia ao medo… eu xa tiña que ter dez anos máis. fareino avó, será o meu regalo… enténdalo ou non. 

 

 a felicidade,  máis ou menos, só é un cambio en min; algo na miña liberdade. oh, a miña felicidade indo e vindo. véxote mirándome, vendo como medra a miña febre. sei exactamente quen son.

pero cantos obstáculos máis teño que superar? cantas veces máis terei que aprender que todo o amor que teño está na miña adlma?

son afortunada co lume nas mans

a felicidade, algo no meu sitio. estou aquí de pé, espida sorrindo. síntome ben comigo mesma.

a felicidade indo e vindo. véxote mirándome, vendo como medra a miña febre. sei exactamente quen son.

pero cantos obstáculos máis teño que superar? cantas veces máis terei que aprender que todo o amor que teño está na miña alma?

espero que o entendas. espero que o entendas

ter amor non morrerá xamais

déronlle os resultados ao meu pai. nada de cancer. grazas a quen sexa, hostia!!! GRAZAS!!!

 

 

 

 

maratón and pelis16 Set 2006 12:05 a.m.

 

era inocente. 19 anos no inferno. unha brúxula e unha carta:

Querido Red:

[…]

… a esperanza é algo que nunca perdemos, sempre vai con nós. É o mellor que temos. Aínda non a perdiches, verdade?

 

eu tamén estou desexando rematar a miña “condena” … non podes imaxinar canto!! 

saudade14 Set 2006 11:14 p.m.

 

e non o sei, gústame. (nun susurro á orella)

 

…d o c e s   s o ñ o s …

 

b.s.o.13 Set 2006 11:57 p.m.

 

 

dáme calma y dáme vértigo nun minuto e cuarenta segundos

Páxina seguinte »