Maio 2006


amor escríbese con H and basado en feitos reais and pelis31 Mai 2006 11:59 p.m.

 

Ollos, mirade por derradeira vez! Brazos, dade o voso derradeiro abrazo! E beizos, portas do alento, selade cun bico un trato perfecto coa Morte.  [agora]

 o final dunha película que se mestura con outra. amor a primeira vista [antes] fai click, salta algo moi por dentro. e non ver nada máis que a súa alma. e se non o viviches non o cres. pero que é o amor? estabilidade? confianza? unha definición: sábelo ao instante, todo o que vén despois non fai máis que confirmacho… antes estabas baleiro e agora CHEO [antes] e cando me quedo durmida no chan, veñen a buscarme Peter Pan e Campaíña. voume voando pola fiestra ao País de Nunca Máis. acabouse. it´s over. e agora sae o arco da vella, ti tamén podes velo? o final deste conto tan tan tan bonito: princesas da Antiga Grecia, ionquis, figurantes que non saben de que vai o conto, bombas que estouraron e só feriron dous pares de ollos, “non tes nin puta idea!”, pescadores que tiveron máis sorte ca min, carreiras de lume nunha praia empedrada, bicos que nunca naceron, siameses que facían o amor en soños, calor na punta do iris e dos pés, que pasa se me namorei do número 13? “canto máis sen bicarme podes aguantar?” aviadores levándome por riba da sabana africana, as cousas que non se din e pouco máis. os demais a opinar do que non saben e a felicidade ensinándome a bailar ben unha lenta. doces soños e ata mañá. gustouvos? a min polo menos si, e agora desfrutar do arco da vella. quen sabe o que pode traernos a marea mañá!!!

 

P.d: foi un verdadeiro pracer, de corazón. e xa sabes quen es.

 

eu enténdome and persoal31 Mai 2006 10:29 p.m.

 

  

FALEI. falei. díxenllo todo. e o veleno vaise do meu corpo para sempre. sen rancor. mirar aos ollos e non sentir ese abismo. non apartalos, non fuxir, non esconderme. ollar e velo. as dúbidas, os malentendidos, os berros. no fondo o que os outros non saben. e non quero volver a prometer cousas que logo non fago… as palabras exactas saíndo coma fume da boca. algo de chuvia, a xusta. ela sabe ben porque non vou volver, aínda non. unha frase rondando pola cabeziña:

convenceste de que algo é imposible e simplemente… APARTASTE

equivoqueime. non é unha queixa nin unha lamentación. é a puta realidade. aparteime dos meus soños, daqueles aos que amei. deixeinos marchar. non loitei. non lles dei o mellor de min. non confiei. non non non non non non non non non non non non non non non non non non non non non non. tiven tanto medo de perdela que ao final…

coller o touro polos cornos. que me cornee. doe? era necesario. agora seino. e o tempo cúrao absolutamente todo.

 

Sen categorizar29 Mai 2006 10:08 a.m.

 

 

family woman27 Mai 2006 06:30 p.m.

                                        

 xoves. colleron o coche e plantáronse na praia. parecen adolescentes dende o do Rei. despois viñeron por Vigo a recollerme e despois fomos ata Teucro a por Catuxa. paramos no camiño e a Raíña repartiu o pouco que quedaba da empanada. alí dentro, sentadas, aínda co cinto posto, máis por costume que por outra cousa, saboreando a empanada e procurando non manchar moito, e zas! déjà vu. era igual que cando eramos pequenas. cando íamos os catro á praia algún domingo e parábamos a comer en calquera sitio. canto tempo pasou? 10 anos? foi xenial volver a sentirme así, saber que por moitos anos que pasen, seguimos a ser unha familia. o venres houbo concerto da Coral e alá marchamos soamente Catu e eu porque a Raíña tiña que traballar. non era un concerto calquera, a el dábanlle un diploma porque xa leva 9 anos na Coral. e non puiden evitar emocionarme ao ver como llo entregaban aquel diploma. é feliz cantando, véxollo na cara. e só podo dar grazas a Deus, despois do peor inverno da miña vida… está vivo, curado, alegre, máis guapo ca nunca, con enerxía para parar un tren. tamén penso en Catu, na Raíña que é o verdadeiro motor desta familia. son o principal motivo para que eu volva todas as fins de semana, chova, trone ou o que sexa. necesito a miña dose semanal deles.

eu enténdome27 Mai 2006 12:07 a.m.

 

é tempo de desmontar o tipi, deixar o monte, baixar á cidade e deixar de camiñar soa durante tantos días, volver e instalarme na miña nova casa. pasa e ponte cómod@. disculpa a desorde. chegou o momento de coller o touro polos cornos…

 

frikadas and persoal25 Mai 2006 03:45 a.m.

 

e n c á n t a me ! ! !
persoal25 Mai 2006 03:09 a.m.

de pequena odiaba coleccionar cousas. agora coleciono bicos de todas as clases: roubados, desesperados, internacionais, sinxelos, de xigante, prohibidos, ricos coma un xelado de fresa, con fume, bailando, etc. faltan moitos, pero sobretodo dous: baixo a chuvia e ese que cando que pensas que nunca vai pasar. e a partir de hoxe tamén vou coleccionar miradas

non foi un soño, non foi real, foi un SINAL

adolescencia tardía and maratón and persoal24 Mai 2006 02:55 a.m.

tería uns catorce anos cando o profesor de Educación Física me convenceu para ir correr a unha especie de mini-campionato de cross que organizaban en Monterrei. e alá marchei eu, pequena, fondona, cun pantalón de chandal enorme en vez do típico pantalonciño curto (é que daquela odiaba depilar as pernas…). as outras mozas eran máis lindas e vellas, máis altas, tiñan o dobre de perna ca min, e pertencían a algún clube de atletismo. deron a saída e caín na conta de que eu alí non pintaba absolutamente nada. semellaba que as levaba o vento, como se flotasen, e eu unha pedra, unha anciá que case non daba arrancado. paseinas putas. non estaba acostumada a aquilo, de feito era a primeira vez que o facía. adiantáronme mil veces. eu seguía correr, rebentada. xa ía última, faltaba medio quilómetro e na beira do camiño había un par de rapaces dos meus anos. ríanse de min. tartaruga, lenta, idiota, gilipollas, subnormal, es a derradeira, monte de merda. PERDEDORA. lembro como se o estivese a vivir agora que non lles dixen nada, calei estoicamente, seguín a correr cos poucos folgos que me quedaban. sentíame mal, infinitamente pequena, vulnerable. cheguei como puiden e case me dá algo. o corazón saíndome do peito, pensei que me daba algo. meu pai andaba por alí. fun directa a el con moi mala cara, colorada e a piques de ter unha baixada polo esforzo. el sorrinte coma sempre. contento de que participase. abraceime a el sen pensalo dúas veces. aínda non sei como disimulei todas a ganas de chorar que tiña. estás ben? non quería que me mirasa á cara. sí, é que isto vese que non é o meu.
hoxe síntome igual de mediocre. nunca llo contei a ninguén. gardeino na miña memoria baixo candado. por vergoña. o últimos nunca fomos nin seremos heroes. malia a todo non abandonei e rematei aquela maldita carreira. con esta farei igual. e logo xa me quitarei o mal sabor de boca.
amor escríbese con H and eu enténdome23 Mai 2006 12:40 p.m.


“Todo o mundo ten que aprender algunha vez… que tal vez esa persoa non era a adecuada, a non perder o amor propio nunca, a non reprochar, a dicirlle adeus ás cousas ás que se lle dicir ola! e no fondo, a pasalo mal. E despois sempre, volver a empezar

frikadas23 Mai 2006 02:15 a.m.

caer na tentación. fashion victim. mercar unha gravata, as zapatillas que me encantan, un par de camisetas, unha blusa vermella, unha chaqueta. sábado noite, vou vestida para ser a raíña. derradeira mirada ante o espello. si, son unha friki, e pouco a pouco, unha india. as miña dúbidas vanse resolvendo pouco a pouco. cada día que pasa atópome máis e máis. cea en casa de Ro. estamos todas: Catu, Sasa, Quela, Ro, eu. acabar chorando da risa. síntome pletórica. xa non hai amor, xa me desenamorei. si, queda o baleiro, pero sempre quedan as cinzas, o cariño en estado puro. inofensivo, agradecido. isto si que é real. aínda me quedan cousas que perdoar(me). saír a bailar. a todos lles gusta a gravata, incluso máis que a min. había semanas que non íamos polo Trolebus. teño un resorte nas pernas, non podo parar. non quero parar, non vou parar. as seis para casa. estou ida. inercia. durmir cos ollos abertos. delirios dun bichiño raro.
persoal20 Mai 2006 06:19 p.m.
hoxe é o aniversario de Xoela. 22 aniños, é un iogurín!!! que cumpras moitos moitos moitos máis. unha aperta, “no sé que decirte que no te haya contado ya
eu enténdome and soños18 Mai 2006 01:11 p.m.


nunha vila inventada. ao do mar, estación de tren, rúas cheas de árbores, flores, seica están de festa. baixo do tren coa mochila colgando dun brazo. festa? ah! que estou nun soño. están a esperarme. imos camiñando ata unha casa que hai no alto da vila. desfiles, un circo, nenos correndo cos pés espidos. automaticamente vanseme os ollos cara os meus. sorrío. eu tamén. miro para os dos meus acompañantes. tamén van descalzos. unha nai que me abraza como se me coñecese de toda a vida. coñéceme? non a recoñezo. póñome coma un tomate. había meses que non viñas por aquí. sigo sen comprender. pero que di? estou soñando, é a primeira vez que poño un pé aquí. a casa non se parece a ningunha das que vin. é longa, imita a forma dos trens que vin en Polonia. a luz entra por todas partes e hai plantas en todo o corredor. deíxome levar e guiar. estou tan ben que non se me pasa pola cabeza facer outra cousa. inspecciono toda a vivenda abraiada e encantada. entón chega. ceamos todos coa súa familia. sigo sen entender moi ben que fago alí, algo duns concertos ao día seguinte. marchamos cedo para cama. eu non podo co corpo. póñome cómoda. falamos ata as tantas. non me dou conta cando me durmo. ao pouco sinto unhas mans que me sacan as gafas, debín quedar durmida con elas postas. e sinto ese contacto tanto… que… era real. sigo a durmir abrazada á almofada como unha nena pequena. estou tan cómoda, tan tan tan ben. no medio da noite érguese e vén a taparme cunha manta. daquela quédaseme mirando. acariña o meu pelo, a miña cara. que cariña tes cando durmes, dime moi baixiño na orella. sinto esa respiración que se entrecorta por momentos. daquela é cando comeza a deixar un rego de pequenos bicos sobre os meus ollos, as meixelas, a fronte, o pescozo e pouco a pouco nos beizos. non me movo. sigo cos ollos pechados, facendo que durmo ou deixando de facelo, sen saber moi ben o que realmente quero. é tan real que sen querer escápaseme algún sorriso. Eli, outra vez na miña orella, esperta, veña, miña nena. máis bicos por toda a miña cara e outro ataque aos beizos. mórdemos con tenrura. saboréaos como se fose un xelado de fresa. sinto que non aguanto, que me vou, que xa estou perdida sen remedio. o desexo invade o meu corpo coma un gas. pero hai algo máis. e empezo a ter calor. devólvolle algún bico. ao pouco non lle deixo continuar, freo en seco. se empezo sei que non vou parar na vida. un abrazo e deixo que se meta comigo debaixo da manta. shhhh, durme, non temos présa. acariño o seu pelo coa man. sigo cos ollos pechados. treme nos meus brazos. ninguén foi tan vulnerable a min. escoito un ruido que non para. voume, como se saíse voando. non entendo que pasa. todo muda. o corpo desintégrase e volve a formase. os latexos do meu corazón coma un tambor. a luz cambia, a cama, todo. abro os ollos asustada. apago o espertador do móbil. uffff, non pode ser, só era un soño… calquera día dáme un infarto do susto.

eu enténdome18 Mai 2006 12:39 p.m.
desconcertante para min
b.s.o. and persoal16 Mai 2006 12:31 a.m.

cociña para min outra vez calquera domingo destes, que aínda me queda moito que aprender. xurei que me había marchar antes de ver o incendio do meu corazón. ei, que che pasa? sabes ben do que falo. o frío, o vento e a chuvia tampouco o saben. semella que só van e veñen

é moi difícil cando cando as cousas non teñen significado. atopei o mapa do tesouro diante da porta de casa, quizais xa non cremos nel, malia a que está detrás da porta.

FICA COMIGO, ninguén sabe que vai pasar
FICA COMIGO, ninguén sabe que vai pasar
FICA COMIGO, ninguén sabe que vai pasar
FICA COMIGO, ninguén sabe que vai pasar
de verdade, ninguén o sabe…

se marchases, levaríasme contigo? estou cansa de falar por teléfono. só hai unha cousa que non podo darche… o meu corazón

FICA COMIGO, ninguén sabe que vai pasar
FICA COMIGO, ninguén sabe que vai pasar
FICA COMIGO, ninguén sabe que vai pasar
FICA COMIGO, ninguén sabe que vai pasar
de verdade, ninguén o sabe…

eu enténdome14 Mai 2006 02:32 a.m.


que pasa se podes sentir cando alguén te quere ver ou non? que pasa se podes deixarlles a porta aberta para que entren nos teus soños, para que te visiten sempre que queiran? que pasa cando o teu corazón sabe cousas que a túa razón non entende? que pasa se todos mentimos e a verdade só está nos ollos? que pasa cando descubres todo isto?

non te confundas, estouche falando de TI

agora xa sabes porque levo gafas

Sen categorizar14 Mai 2006 02:28 a.m.

o regreso dun dos meus Deuses
adolescencia tardía and eu enténdome13 Mai 2006 02:39 p.m.
un mes sen saber unha da outra. ou iso en apariencia. e a min seméllame que pasaron anos. ela coma sempre. pero eu no fondo sei que xamais volverei a ser a que fun. non quero, non é imprescindible. andas apagada, afirmou Xoela. sorprendeume, ás veces teño a impresión de que pasa de todo. e descubro que eu tamén podo ser orgullosa, teimuda e mesmo mala. malísima. o lado escuro. e non me gusta. asústame. sen conciencia, matándoa da rabia que aínda sinto ás veces. e agora sei que son quen de calquera cousa, boa ou mala. non escollo, déixome levar, pasiva pola vida. á merda con todo, á merda con todos. hai un ano vin como a rabia acaba con Ani. soará a estupidez, chorei. eu son el. e sei que podo chegar a ser Dar Vader. que fago? creo que non me esperaba alí diante, plantada como se non tivese pasado nada. que ben se nos dá mentir ás dúas… agora que? todo distinto, raro, diferente. en parte liberador, en parte triste. e a espiral segue xirando e xirando. malia que o resto mundo non se dea conta, sei que ela tamén garda unha caixa debaixo da cama. o que máis me fode é que sei, porque o sei, que NUNCA mo vai recoñer. maldito orgullo, maldito medo
persoal12 Mai 2006 03:00 p.m.


a miña vida estase volvendo tan
SURREALISTA que non quero que te extrañes se xa non teño conciencia ou se me poño en medio da Gran Vía a saltar ata que me partan as pernas. e non me digas que non o ves porque entón si que me podo mexar
amor escríbese con H10 Mai 2006 03:01 a.m.

o problema é que eu despois disto teño clarísimo que o que realmente quero é atopar o amor da miña, pero só teño 22 anos, son unha cría e aínda me queda toda a vida por diante. así que vou disfrutar a tope ata que iso pase. ai, como apareza…!! bufff, ídevos preparando.

e Sasa mírame sorrinte. jo, que bonito. e eu tamén sorrío. e Catuxa ao volante. estou tan feliz que non me recoñezo. había meses que non me sentía así de confiada. é o máis sincero e bonito que dixen en voz alta na miña vida e sen efectos do alcohol ou outras cousas. e iso que eu aborrezo falar…, sempre prefiro escribir.

“y entonces lo repito:”
algo está a mudar
(é que me afecta a primavera, ou foi a aterraxe)

Páxina seguinte »