INSTRUCCIÓNS PARA PEDIR UNHA TREGUA
Lume. Chamaron por min. Chamaron por todos. Aló arriba, por riba do campo de fútbol, só se vía fume negro. Había cousas que non encaixaban. Os meus brazos eran máis grandes, pero eu andaba moi ocupada como para reparar niso naquel momento. Fume. Suor. E algo de medo. Gústame o lume, a súa luz, o seu brillo, a súa calor, a súa forza. O lume é coma min, cando se descontrola e sopla o vento do Norte destrúe todo ao seu paso. Despois de nada serve pedir perdón. O incendio estaba gañándonos. Non había maneira con el, retrocedíamos cada vez máis. Ata que viñeron os avións e os helicópteros. Había que tombarse no chan para que non che partise as costas a forza da auga ao caer. Unha e outra vez. Eu pechaba os ollos e imaxinaba que estaba nos cons de Fisterra, de pé, esperando ata que unha ola viña e me tragaba. De repente sentir todo o poder do mar. Abro os ollos e volvo ao meu. Pouco de vida lle queda a este incendio. Cando acabamos eu marcho andando ata a Peroxa porque quero parar no Dorado a tomarme unha cerveza. Pasa o camión diante miña, todos volven contentos. Á altura do Colexio vexo a un grupo de nenos coas súas bicicletas que me miran como se eu fose un heroe. “E non tiveches medo?” Unha voz de nena. Ela está sentada nunha bicicleta rosa. Ten cara seria, aínda que non está enfadada. Desconfía da miña reacción. Sóname a súa cara pero non consigo recoñecela. “Bastante, pero alguén ten que facelo” Entón foi cando se baixou da bici, cruzou a estrada e me colleu da man. Quero que te quedes comigo Sorría. Eu non entendín nada. Apretoume a man, comezou camiñar. Se algún día lle poño lume a algo bonito quero que esteas alí para apagalo. Non quero destruir nada.
Esta mañá espertei co fume do incendio que se ve alá cara o Oeste e que onte non conseguiron apagar. Ás veces esquézome de que son eu a que ten que arranxar as cousas. Pido milagres, e o milagre son eu.
A PERSISTENCIA DA MEMORIA
Ourense. Sábado. 04:49 da madrugada.
Saio do Extravaganza con présa, con ganas de meterme en cama. A cabeza dáme voltas. Catuxa queda con Mané. Envexa, xa empezo a estar cansa de andar soa pola vida. Cruzo o Parque das Mercedes. Dous matados queren vir detrás de min. Baixo por Capitán Eloy ata a altura do Paseo. Collo por aí. A miña rúa preferida está preciosa tan baleira de xente e baixo a luz da lúa chea. Porque hoxe hai lúa chea. Pero eu non fun de caza. Paso, vou morrer de fame... Que poucas ganas de nada. Tiro por Xoán XXIII. Case me dan ganas de correr. Tamén baixo por Ervedelo e logo pola miña rúa, por Doutor Fleming. Chego ao portal, pero non teño ganas de ir para casa. Na cima da rúa hai barullo. O Rock Club, non mo penso dúas veces. Saúdo o porteiro e entro. Fume. Escuridade. Música dos 60. Hai un home maior sentado nunha das cadeiras. Xa leva un anaco a mirarme. Miro para el e parécese a..., pero non... NON PODE SER. Sorrí e vaise. Estou petrificada. Unha certeza que non me asusta invade todo o meu corpo. Era el, seguro. Saio do local correndo, alí está rúa abaixo. Estaba a agardarme. Eu case non podía respirar da carreira. Si, era el e os meus ollos non me enganaran. Estaba tal como eu o lembraba. Sorriume con aquel sorriso enfeitizante que tiña e eu lanzeime a abrazalo. Caíanme as bágoas unha detrás da outra pola cara. Non podía parar de rir. Si, era el. O olor, a pel. Meu avó acaricioume o pelo. Estás moi guapa así de loira, igual que cando eras nena. Eu non podía falar. Tan só quería abrazalo e retelo. Fose un soño ou non. Real ou non. Total, a fin de contas o que importa é que dunha maneira ou outra el estivo comigo e iso ninguén mo vai quitar xamais. Confía, Eli, ti confía. Sempre, escoites o que escoites, aínda que todo che diga que non. Fíate tan só dos ollos deles. Eses non menten, ademais que ti xa o sabes de sobra. Digan o que digan, fagan o que fagan, míralles aos ollos. Os ollos sempre din a verdade. Non o esquezas. Os ollos din todo o que a xente non se atreve a dicir. Non sei se encollín ou que pasou. Quedei durmida nos seus brazos, de pé, no medio da rúa, coa súa voz de viaxe por todo o meu corpo. Esa noite durmín como había semanas que non durmía. Cresme?
PAXAROS DE LISBOA
Eran dous. Viñan collidos da man e andando. Preguntaronme polo meu Castelo e leveinos ata el. Contáronme que na súa terra había unha lenda na que se contaba como nunha terra irmá, nun condado onde se ve o Miño, onde tres ríos se xuntan, onde todos os tolos andamos soltos, onde os curas se casan, onde os nenos aprenden a xogar sós e a conquistar o mundo a lomos das súas bicicletas, onde pola noites mires cara o ceo ou cara a terra só se ve un océano de luces brillantes; que alí había un castelo dende o que todos os agostos polo San Lourenzo, cando hai a chuvia de estrelas todas as madrugadas, se vía iluminada a capela da Virxe da Soidade. Viñan collidos man. Sempre veñen collidos da man. Por que será así todos os anos? Eu sorrinlles. Que se amaban, que non querían separarse xamais, que non querían estar sós,... Sempre me piden o mesmo. Esta vez non acenderon ningunha vela, e tampouco me trouxeron flores. Deixaron unha postal da miña cidade. Espero que aprendan que a vida é unha Soidade compartida.
BÚSCASE AO PRINCIPIÑO: SE RECOMPENSARÁ, QUEN TEÑA ALGUNHA PISTA QUE CHAME AO 600889806. PREGUNTAR POR AULTRE.
Rematou a obra de teatro. Todos nos aplauden. E están todos os meus. Adrenalina en vena, orgullo, alegría. Son a muller máis feliz do mundo. Abrázome aos meus compañeiros. Síntome como se acabase conquistar o Himalaia. É un momento que se volve eterno. Ábrense as portas da platea. Todos miran para atrás. Aí está cun sorriso de orella a orella. Bríllanlle os ollos. Atravésanme. Quéimanme. Son dous metereoritos que veñen directos a min. Cada vez máis preto de min. Non vexo, non escoito. Tan só queda o meu corazón latindo como se o fixese por primeira vez. E sei o que vai pasar pero esquézome. Bótase a camiñar mentres todos o miran estrañados. Salta e sube ao escenario. Eu non me movo. Non podo! Cólleme a cara coas mans e chegados a este punto é cando eu remato de derreterme porque o seu olor me inunda por completo. Porque non podo resistirme a eses ollos mestura de tantas cores: verde, marrón, azul, laranxa. Porque o tacto da súa pel erízame ata onde ninguén pode imaxinar. E bícame. Realidade e intensidade cabalgando a lomos dos meus glóbulos vermellos, facendo turismo dentro de min, namorándose de min e decidindo quedarse a vivir para sempre aquí.
THE HARDEST PART
Foi unha casualidade. O seu coche berroume e el andaba na terraza da cafetería cos seus amigos e un par de princesiñas. Sentín a forza invisible que me separaba del. Outro que pasa de min, porque é así como hai que chamalo. Outro máis. Doeume no orgullo. Ás veces creo que son víctima da miña propia inocencia. Sempre me fío do iris dos outros. E el tamén me mentiu, non se atreveu a achegarse a min. Ás veces pregúntome que é o que esperan de min os demais. Vou dando tombos unha e outra vez. Non o entendo, que fixen mal? Nada, como sempre. Todos tedes un escudo, unha máscara, algo que vos protexe dos demais e do resto do mundo. Eu non, para empezar eu camiño cos pés espidos. Por iso cada vez que dou un insignificante paso cara adiante me podo botar a chorar, porque hai días nos que me deixo a pel en todo o que fago e digo, porque me aprenderon a vivir así, sentindo cada pedra, cada gota de chapapote, cada herba, cada imperfección do chan, para sentilo todo. TODO. Ás veces creo que podo sentilo todo e a TODOS. Abonda se che digo que é verdade e non me pides probas para crerme? Ás veces prómetome que esta é a derradeira vez que me volvo a tirar á piscina de cabeza sen mirar se hai auga ou non. Que non volverei a buscar a ninguén, que xamais vou volver pronunciar un QUÉROTE e arriscar o pouco que teño. Que vou ser orgullosa e cumplir o papel da muller nunha peli de Hollywood: esperar. Ás veces ata mo creo. Pero non, a min sempre me gustou o papel de heroína (será porque nunca o fun), de Juana de Arco, sempre me gustou ir ao revés de todos. Completamente ao revés. Que lle vou facer se aínda penso que existe o príncipe azul feito á miña medida?! A resposta é unha soa palabra: soñar. Pero eu tampouco quero ser escrava dos meus soños e vivir de costas á realidade. O máis dificil é ese equilibrio. Ser realista. Creo que o conseguín a base de caídas. Unha e outra vez, un día tras outro. Escoitando ao meu corazón procurando ter a suficiente humildade como para non ignorar o que os meus me tiñan que dicir. O único que sei é que cada un vive a vida, e ultimamente o amor, como quere, como pode e en gran medida como o medo e/ou o valor llelo permiten. E sobre todo, que hai que respetalo. Mané ensinoume que o respeto éo que máis vale no amor. Se hai respeto non haberá traizóns nin infidelidades. É o máis grande que che poden regalar. É o mellor dun mesmo, o mellor que podes dar. Se non hai respeto, ao final todo será unha mentira.
CORRER, FACERME LIBRE
Sempre quixen vivir na Idade Media por iso viaxei no tempo ata o Ribeiro. Quixen traelos a todos comigo, non puiden, sempre se me deu moi mal a planificación de nada. Xudeus, ricos, pobres, cabaleiros, princesas que coleccionan pretendentes de todos os xéneros, taberneiras, xitanas, mercaderes, curas, monxas, borrachos, gaiteiros, príncipes azuis aos que lles gustaría mudar de cor do pelo, e eu co segredo collido da miña man. Roubeille o cabalo máxico do rei ao Mago dos Mil Sorrisos. Emborracheino con licor café e deixeino que me levase a onde quixese. Meteuse no Torneo para vacilar a tanto cabaleiro andante e falsos imitadores do Quixote. Eu quería correr n a carreira e non me deixaban.
Es demasiado nova
Non tes forza
Non se che vai dar ben
Podes caer
Os cabaleiros son mellores ca ti
O teu cabalo é pequeno, non vale para isto.
Escoiteinos. Calei. Íanme comezar a doer as malditas palabras. Non as deixei ferirme. Non, esta vez non. Collín o meu cabalo. Dinlle uns aloumiños, estabamos morrendo os dous por botarnos a correr. Esa vez non pedín permiso nin apoio, nin consentimento. Coloqueime no meu sitio e agardei. Respiramos e a volar!!! El corría e eu deixábame levar sen medo. Cada vez máis, máis forte. Tremía a terra ao noso paso. O animal e eu respirábamos á vez. Un sprint e gañamos. Ninguén podía crelo. Eu era libre. Berrei. Ouveei como os lobos. E cuspinlles as súas palabras. Estaban moi calados, estaban atragantándose co me dixeran. Algún quixo vir a felicitarme, xa se sabe, cando gañas..., pero eu afasteime. Collín o trofeo e fun directa cara a Raíña Osiria. Estaba moi sorrinte sentada nos seu trono collida da man do Mago. Ofrecinllo a ela por prestarme o seu cabalo para correr!. Chiscoume un ollo. Marchei correndo a celebralo coas miñas amigas. Alguén me preguntou de que coñecía eu a Raíña, que como conseguira que me deixara o seu cabalo. Acusábame cos ollos. Deume por rir. É A MIÑA IRMÁ, PARVO!
CERRADOS POR REFORMAS NO MES DE AGOSTO /CURAS DE AMOR PROPIO.
As cousas van cambiar. Están cambiando. Necesito que cambien, QUERO que cambien:
Vou escribir o que me pete e como me pete. Triste, alegre ou como me saia. A quen non lle guste que non o lea.
Vou pecar de egocéntrica e egoísta, porque nunca me consentín ese luxo.
Vou deixar de compracer, vou deixar de amoldarme, de ceder, e entender a todos. Voume dedicarme en corpo e alma a complacerme, a entenderme, axudarme, escoitarme, soñarme. A miña empatía toda para min.
“Non se che pode dicir nada” “Hai cousas que tes que cambiar” “Tes que facer isto ou aquilo”. Acabouse facer todo o que me din os demais e dubidar de min. Fe absoluta e cega, aínda que me equivoque. Teño os principios, as bases, xa está ben de deixar que outros decidan por min.
O pasado existe, o meu pasado existe, coñezádelo ou non, e para min importa PORQUE É A MIÑA VIDA.
Namórome de que me sae dos ovarios e a quen non lle guste que se morda a lingua e cale.
O mundo non é un lugar de color de rosa onde todo é chuli del paraguay. NON, nin negro, nin rosita, é gris. Son unha persoa REALISTA que sabe ver as cousas boas e malas (porque as hai gústenos ou non!) da vida. A quen lle guste ben, e a quen non mala sorte.
Se digo que podo sentilo TODO é porque é a puta verdade.
Gústame estar soa, son solitaria e iso encántame. Disfruto moito da miña compañía, non me asusta ir ao cine soa, ver unha peli e comentala comigo mesma. Non quero depender de ninguén, iso vólveme posesiva e celosa.
Necesitar a alguén non é querelo, é egoísmo. Chamar a alguén para compartir cousas cando non o necesitas, iso si que é QUERER.
Eu non lle regalo o meu sorriso a calquera, polo tanto se quero estar calada vouno estar. O meu sorriso vale tanto como unha estrela e moi poucos se atreven a buscar estrelas de noite. A eses dareillo encantada.
Son unha loba e voume comportar como tal. Que a ninguén se lle ocorra atacarme a min ou aos meus, porque mo como con patacas.
Xamais vou volver a idealizar a ninguén. Poucos o merecen e ninguén o valora. Vou deixar de namorarme de quen non o merece, voume namorar de min mesma, voume idealizar. Todo o que lle din a outros, TODO o meu amor para min.
Quen me queira hame entender e non me pedirá explicacións. O que me queira que me chame e que me busque, que me axude, que me comprenda. O que me queira que confíe en min cegamente sen pedir nada. O que me queira que me acepte tal e como son, que non me diga que teño que cambiar. Se teño un día triste que me faga sorrir ou que me dea un abrazo, que non me bote en cara que estou triste, PORQUE TEÑO DEREITO A TER UN DÍA MALO, con razón ou sen ela, porque ninguén está na miña pel e ninguén sabe NADA do que vivín nin do que sinto. O que me queira que me escoite e que non confunda as cousas. O que me queira que me perdoe as cousas pequenas. O que me queira non me vai criticar cando eu faga algo que non comprende, vaime apoiar. Quen realmente me quere non se vai enfadar cando lea isto; vai berrar cos brazos cara o aire: “Xa eran horas de que o fixeses!!!!”
Unha vez abandonei a unha nena, renunciei a ela polo resto do mundo, para que se sentisen orgullosos de min. E hai unha nena/muller de 15 anos que non mo perdoa porque ese é o erro máis grande da miña vida. O máis grande e non esaxero. Voume deixar a pel para que me perdoe. Voulle devolver todo o que lle quitei para darllo a outros. TODO para que me perdoe.
Esas dúas nenas son eu.
chuzame -