viaxes


basado en feitos reais and viaxes12 Mar 2008 11:23 am

creo que o descubrin cando tiña nove anos,  noite que morreu meu avó paterno. ou máis ben foi miña nai, cando non quixo ocultarnos a verdade á miña irmá e a min... Álvaro, non podes enganalas, a vida é así. eu xa sabía que nos ía dicir que o avó acababa de deixarnos. xa o sabía, porque aínda que non o vira, si que o sentira ainda sen estar presente. eu só era unha cría, inocente e indefensa, completamente indefensa e vulnerable. pero xa non. agora xa non. estiven nós infernos e volvín, perdín soños, perdín anos de vida, fixénme dano, fixen dano, caín. NON VIVIR, estar en coma é moito peor ca estar dentro dunha caixa. ninguén pode fuxir da vida, do mesmo xeito que ninguén pode fuxir da morte. parece contradictorio, pero non o é. pode gustar ou non, pero é o que hai. o bo dá vida é que ás veces dá segundas oportunidades. certo é que non podes desfacer o que xa viviches, pero si que podes cambiar o mundo cun só sorriso. a resurrección é un proceso lento, require tempo e paciencia como unha partida de xadrez. e ter a forza de vontade suficiente para cumprir as promesas que te fas diante do espello. xurei que por riba de todo, por riba de todos os que quero e me importan nesta vida, xurei  que o día que me enterren  será cun sorriso de orella a orella. que dá igual que ese día é mañá, dentro dunha semana, ou dentro de 60 anos. que pase o que pase e que por riba de todas as  cousas  vou VIVIR. e vivir  tal e como entendo eu implica non fuxir aínda que teñas medo, aínda que todo sexa novo.  confíar sempre no meu corazón que é o único que xamais me mentiu. a razón é estúpida, fria, está maleducada con tanta merda que nos meteron no colexio. o corazón non, é puro, é listo, é sabio. é forte, honesto e ten calma e paciencia.

o único que sei é que ninguén pode protexernos da vida... nin sequera nosos pais... e o mellor que podemos facer é confiar en nós e vivila. non sei onde vou estar dentro dun ano. non teño nin a máis mínima idea. nin sequera sei que vou estar facendo coa miña vida... e que? tanto importa? non se pode planificar a vida... é unha egua salvaxe demasiado bonita como para atala. o que si sei é onde vou estar dentro de dez días.

non son un león covarde.

Chuzame! chuzame -
basado en feitos reais and viaxes and íntimo e persoal14 Dec 2007 05:50 pm

Non fuxas. Entrégate á cidade. Regálalle o segredo da túa alma. Regálle abrazos sen abismos. O bico eterno, sen beizos, nin lingua, nin corpos que se rozan con loucura. Pérdete polo laberinto disfrazado, disimulado das súas rúas. Hai portas ocultas que levan máis alá dos soños, que dan acceso aos rincóns segredos da cidade. Ten alma, é un animal que respira cando todos durmen, que escoita e concede dons. Ninfas do río que se pasean polo día diante dos teus ollos, nunca sentiches o seu aroma inudándoo todo?A todos? Deixa que as feridas boten o veleno. Chora, berra, arrabuña o chan, sinte o sangue na punta dos dedos. Retórcete de dor. Pasa frío, calor, non fuxas. Non ves que non podes? Rompe a camisa, golpea o peito, ouvea como os lobos. E eles acudirán a ti, todos temos unha manada á que pertencer. Dálle liberdade á dor, á rabia, á impotencia, á frustración. Odia, ama, morre. E volve odiar, amar e morrer. Queima os paraguas, as cartas vellas, os soños. Só entón, cando xa non teñas nada, cando a dor estea fóra de ti, só nese momento atoparás a paz para marchar en liberdade. A túa viaxe xa non será unha fuxida, será unha aventura.

Chuzame! chuzame -
viaxes and íntimo e persoal07 Mar 2007 12:50 am

puentes-de-florencia.jpg
ás veces tamén é necesario equivocarse e ser imbécil, aínda que só sexa un momento. por que ás veces custa tanto escoitar ben? e mordo a miña lingua, pra ben ou pra mal. e pecho os ollos con forza para non chorar. todas as cousas bonitas que se perden nun só segundo... e a cambio nada, só os ruxidos dun animaliño que non sempre non sabe convivir co seus medos...

e cánsome de que me digan o que debo ou non facer, como é ou como non é, cánsome de atender a tanta parvada. quero volverme completamente xorda. só escoitar esa sinfonía que todos temos no peito, automática, semellando eterna, pero non... e quero regalar algún que outro QUÉROTE sen compromiso, e bailes apretados e casuais, e deixar margarid ascando marcho, pecharme a escribir todo o que non escribín ata agora, porque se me deixas vendareiche os ollos e levareite a ver o mundo dende  cúpula de Brunelleschi, ou á cima do volcán...

[o río non separa... o río UNE]

Chuzame! chuzame -
viaxes and íntimo e persoal03 Dec 2006 12:59 am

... pasei por aquí hoxe... el tamén, hai case cincuenta anos...
e non vai haber máis relixión e amor ca este:


I believe in you my soul, the other I am must not abase itself to you,
And you must not be abased to the other.
Loaf with me on the grass, loose the stop from your throat

Chuzame! chuzame -
de esmorga and viaxes07 Xull 2006 01:35 am

 

dous anos despois... por fin!!!

Chuzame! chuzame -
b.s.o. and basado en feitos reais and viaxes29 Xun 2006 02:08 am

 

praia. POR FIN!!! non houbo maneira de convencer a Catu de que foramos alí. Jo, Catu, que eu estiven en Montalvo e nunca en Marín, lévame alí... plisssssssss e nada. atravesar Sanjenjo e Portonovo. teño fame, pero non me resisto a un chapuzón antes do bocata. Catu queda tostándose na toalla e veñen Cris e Josiño (meu cuñado). conxelada. comer. tú me das cremita, yo te doy cremita. queimarme. fuxir a dar un paseo. Catu e Cris xogando coas paletas. volvo, Cris vense comigo e deixamos sozinhos aos namorados. anda de top-less e para variar algún que outro home quédase mirando e disimulando o que pode. dáme a risa. xa teño tonalidade camarón vermello nas costas. tirarnos a sobar. ela cóntame as súas conquistas. como raio fai para ligar tanto? recibir medio bote de crema por todo o corpo. vento, areas. por iso quería eu ir a Marín. Josiño escoitando o final do partido no meu mp3. xogar con Catu, puteala todo o día. son unha nena pequena e nese momento non podo evitalo. arrastrala pola area, facerlle cóxegas, pressing catch. o derradeiro baño. adoro estar así na auga. amnesia. paz. volvemos ás sete. a ría de Teucro, casiñas, a illa dos militares, Combarro, a Celulosa pegada a Marín como unha hemorroide. pregúntome cal será a porcentaxe de alerxias e asmas. tarear unha canción. sigo sendo unha tímida que aprendeu a disimulalo mellor ca ninguén. ai! que actriz tan grande se perdeu hollywood! esta noite voume pra cama cheirando a salitre.

Chuzame! chuzame -
amor escríbese con H and soños and viaxes17 Xun 2006 10:53 am

 

ver como trona. abrir a maldita fiestra de par en par. abréme en canal, a ver que descobres de min que non sabías. luz. unha sombra contra a parede. quero mollarme. saír correndo. ouvear ata quedar sen voz. que treme a terra. voute secuestrar. esta vez vouno facer. taparche os ollos cun pano. confía en min. e confías. levarte alí. a que ule? pechas os ollos por inercia aínda que xa tes o pano tapándoche os ollos. quítalo dos ollos. sigo a sorrir agardando a resposta. a ti, a min. sorrío. xa non... múdache o xesto. sóltoche a man. sorrío máis, coma un can cando o deixas andar solto. e voume. o derradeiro regalo sempre foi o máis doce. agora son eu a dona do xigante.

Chuzame! chuzame -