soños


soños11 feb 2008 04:26 pm

non sei como fixen para abrir un ollo e ver que estaba sentada na miña bici xusto á saída da autopista. vai un sol estraño, pero bótome a pedalear sorrindo. é de noite, é de dia? tanto ten. e vou pintando a mona polas rúas da zona vella. no Vilar salto da bici e póñeme a bailar e saltar feliz. ata me tiro no chan e fago que toco. cando me canso volvo a subirme na bici, directa como un avión ata o Obradoiro. sen mans e os ollos pechados, ando extasiada. a miña casa, por fin estou en casa. e fago equilibrios enriba da bici. e soa Dido de fondo. canto e padaleo. unha volta, outra máis arredor da praza. miro para o reloxo. é boa hora para ir de visita. e vou cara alí todo o rápido que me deixan as miñas pernas, pero non sei que raio pasa. un ruido, eu despistada, unha moto que case me come, un derrape, un susto e a man no peito. aínda me tremen as pernas cando sinto unha man no ombro. estás ben? leva o casco na man. que fas no meu soño?? os meus ollos coma pratos. rise con inocencia e encóllese de ombros.

está visto que non podemos escapar de aquilo que queremos...

Chuzame! chuzame -
amor escríbese con H and basado en feitos reais and soños03 xan 2008 05:00 pm

así non, así non se pode... é superior a min.

hai sorrisos que derreten icebergs e agora xa sei o que sinte un iceberg cando se derrete...

e cara de gilipollas todo o día.

Chuzame! chuzame -
delirando and maratón and soños15 dec 2007 06:08 pm

Café e deliro. Non durmo. Ollos abertos de par en par. Ao final saio de marcha en soños. Os pés espidos. Frío? Calor? Dóenme os ollos. Dóeme a miopía. E mírome nun charco e levo uns cascos na cabeza. Vou a doar sangue no Paseo pero non podo, só me sae música das veas. E bailo, tírome ao chan. En trance. Un chasquido de dedos, unha guitarra eléctrica nas miña mans. Resulta que a sei tocar mellor que Jimmy. Fágolle o amor coas mans. Romper todas as cordas ou partir os dedos de tanta potencia? Outro chasquido dos meus dedos e toda a cidade completamente nevada. Xente patinando, outros esquiando, trineos e cans que parecen lobos.

 

Este frío non me mata, revíveme.

Chuzame! chuzame -
soños19 set 2007 02:51 pm

soñei...

soñei con Fisterra, estaba de pé, non había mar, que se retirara cara atrás quilómetros e quilómetros. o sorriso na miña cara. achégase por detrás e abrázame pola cintura. non me movo, non sinto amor. que fas? dime moi preto do oído, está xogando sen querer darse conta. desfágome do abrazo, dedícolle unha mirada resignada e o sorriso da victoria. sinalo cara o horizonte... as gaivotas reméxense no aire nerviosas... afástanse e despois dun silencio premonitorio síntese como unha ola xigante a toda velocidade se dirixe á costa. vexo o medo nos seus ollos, vexo como marcha correndo intentando, inutilmente, fuxir. e eu digo en voz baixa as palabras máxicas... era inevitable... e cunha forza que non é propia do meu corpo corro un metro e salto uns dez metros de altura. e berro como cando me cabreaba de nena xogando ao futbol, ou como cando por culpa do forte vento me custaba un mundo avanzar coa bicicleta... parece que o meu corpo non pesa nada e debería ser vulnerable ao impacto coa ola xigante, pero non é así. é como se me abrazase a ela, como se a atravesase e me quedase alí flotando. todo pasa moi rápido. o sonido do mar, a miña pel mollada. défagome da roupa ata quedar espida. a forza da ola, o meu corpo empurrando... e o mar vólvese de carne e óso. quen es ti? quen son eu? preguntas que se responden con linguas enrredadas... e entón é...

cando abro os estou nunha cama de hospital, confusa e desorientada. meu pai, miña irmá e miña nai e Ro co uniforme posto... levánme para o quirófano e teño posto un camisón que case non me tapa nada... asústome... sinto a enfermidade, a dor, sinto que non estou ben... pero logo... despois non sei que pasa. alguén aparece, alguén me sorrí, alguén me colle da man. non me di nada, só sorrí. e síntome ben, comezo a saltar enriba da cama e a rir como unha nena pequena, saltando polas paredes e facendo breakdance. o anestesista aparece por alí e di que non, que non hai nada que operar, que estou ben, que estou curada. repítenme as probas e todo sae ben. camiño polo hospital detrás dos médicos e das enfermeiras sen entender. pero COMO me curei? vanse porque teñen que atender a outros pacientes e a min déixanme coa dúbida. todos me animan a que saia do hospital canto antes... un raio de luz que entrar pola porta de vidro e...
o sonido do espertador.

[b.s.o: New Order - Crystal]

Chuzame! chuzame -
casualidades and soños28 xull 2007 10:24 am

 

o soño e a realidade mestúranse... chorei con tanta dor e tantas ganas que secaba o Sil. un funeral e era a min a quen lle daban o pésame... meus pais, miña irmá, todos... todos agás @s ían dentro da caixa. e eu preguntando unha e outra vez por qué... inmesamente triste... e miña nai repetíndome unha e outra vez que son moito máis forte do que se ve e todos pensan. baleirarme... deixar atrás para sempre. a c a b o u s e

aquela noite estaba triste. cando espertei pola mañá tiña tanta paz dentro que non houbo quen me roubase o sorriso nunha semana.

enterrei o pasado... os medos, desfíxenme das vellas feridas, de pantamas e evitei caer no mesmo foxo que hai dous anos... ser xusta. non volvo regalar sorrisos derrite-icebergs a calquera, hai que gañalos.

seino, podo sentilo... prómixa estación: Roma

Chuzame! chuzame -
basado en feitos reais and eu enténdome and soños12 xun 2007 12:41 am


deixo de saltar, de botar, de bailar, de ouvear. a música vaise distorsionando. desparecen todos, miña irmá, Jose, Quela que está un pouco máis adiante, Bea que está ao meu carón. nun poucos segundos tamen o resto da xente que está no concerto e el... o escenario baleiro, as luces apagadas, non hai ruído de coches, vasos de cervexa polo chan, cabichas,... estou completamente soa, plantada no medio e medio do Xardín do Posío. escóitanse silbidos, risas, voces. sigo de pé e saidos nada meus avós e miña avoíña montados cada un dos tres na súa bicicleta. non podo evitar sorrir ante a imaxe que teño. non sei se teñen aspecto de vellos ou de novos. o tempo xoga cos seus rostros e non me deixa distinguir. ela achégase a min con eses ollos nos que eu xa vin a Deus hai uns anos. cólleme da man. pecho os ollos con forza ante ese contacto, querendo saborear esa calor coa punta dos meus dedos. xa pasou a dor. e nin me dera conta... as cicatrizes caeron, hai pel nova e ten un nome tatuado... pel compartida. entendes? fun eu a que dixo iso? míroa aos ollos... miña avoa asente, non deixa de sorrir. o mellor que podes por unha persoa que queres é querela, amala. teus pais, túa irmá, as túas amigas, e claro tamén... mírame pícara. abrénseme os ollos de golpe, subeme unha calor polas meixelas e baixo a mirada tímida. a avoíña ri. solta a miña man e pona xusto enriba do meu corazón no peito que, ao momento, se incha como un globo, como se espertase. sinto o corazón later con tanta forza que semella que non vai parar nunca, que vou vivir eternamente... as miradas, busca as miradas, non as palabras. xa o sabes os ollos non saben mentir, di meu avó cravándome os seus nos meus tan profundamente que me traspasa. o meu outro avó aproveita para sacarme as gafas e limparmas cun pano. o mesmiño que meu pai cando eu era peque. posiblemente el tamén o fixese,  non consigo lembrar. a mirada limpa como che dixo Quela, antes... líberao, sácao de dentro. naciches pra vivilo. volve a música, volven todos, o barullo. estou a bailar. é a derradeira canción do concerto. estou en trance? unha flexibilade que descoñezo no meu corpo. estou posuída... non, vale si, pero non é esa a palabra na que estaba a pensar. e semella que me vou romper, que vou partir en dous en calquera momento. pero non é así... e algo sóltase por dentro... como un can cando lle quitas a correa... algo que inunda cada centrímetro da miña alma... e xa non bailo, levito. é coma un gas que sae do meu do meu peito... un gas en expansión. todos o respiran. todos me respiran... non se dan conta? acaba o concerto. sorrío. xa  (case) podo morrer tranquila! a verdade é que parezo unha cría de nove anos, e dáme igual.

o flequillo alborotado, unha camiseta vella, o fresco da noite e unha calma que parece sacada dun conto de fadas...

Chuzame! chuzame -
amor escríbese con H and soños07 mai 2007 02:42 pm

"chegou á primavera e dende aquí arriba vexo como a túas eternas neves non se derreten. todo quere aflorar e ficar na superficie. vexo novos escaladores, novos aventureiros intentando chegar a ti. eu recollo as cousas, as poucas que teño e gárdoas na mochila. no fondo xa sabía que non ía estar aquí para sempre... coñezo o tacto da túa pel, sei onde acubillarme e onde non. deixei que me ensinaras que cando o temporal é forte é mellor esperar e ter paciencia. que asustas do grande que es, pero amable con todos... non es traicionera. viran outros moitos atraídos pola túa grandeza de conquistarte. vanidosos... só queren a fama... e virán seguindo a nosa ruta, os nosos pasos. non esquezas nunca que se cheguei ata aquí foi pola túa maxia; eu non te conquistei, fuches ti a min. sei quen es. é hora de partir, ata sempre! "

o mércores soñei que eu era Tenzing, que estaba con el, que xa chegáramos á cima. e escrinbinlle unha carta á montaña. deixeina alí enterrada no medio da neve. era miña dunha maneira que só entenderás cando chegues ao cume.

Chuzame! chuzame -
soños23 abr 2007 09:58 pm

de madrugada espértame miña nai. resoan voces polo meu cuarto, pola casa, pola rúa. fan eco. é a miña voz. saio correndo á rúa. vou cos pés espidos, dóeme cada paso que dou. cada palabra,  todos os pensamentos de antes de durmir, todas esas cousas que todos dixemos algunha vez xusto antes de durmir... pintadas, escritas nas paredes, nos muros, nos escaparates. é a miña voz, calmada, entre susurros... e síntome espida... vexo aos meus veciños, a meus pais en pixama, a todo o mundo con velas, nunha procesión silenciosa repetindo cada un dos meus pensamentos máis íntimos... subo ata o Paseo e logo avanzo entre a multitude ata o Parque de San Lázaro. hai unha luz que vén do fondo, de onde está a fonte. é alguén, que brilla ... e eu estou enmeigada. de súpeto dáme igual que todos escoiten, que saiban, que lean o máis profundo de min. case non podo moverme... vou achegándome... e canto máis me achego máis calmada me sinto... unha paz que non sentín nunca antes... non me dou conta pero eu tamén estou a brillar, unha luz que nace no peito, á altura do corazón. chegan os da procesión e vexo como se vai camiñando por Santo Domingo. vou detrás e os da procesión tamén, parece que se dirixen á catedral, pero non, eles van cara San Francisco. eu vou detrás desa figura que brilla. entro na catedral... vou con sixilo, non quero que me vexa. unha man que se pousa no meu hombro, xírome... eses ollos, os meus ollos, o tempo parado, estirado, como unha goma nos dedos. ola. intento recoñecer esa voz, facer memoria ou algo. un detalle, unha casualidade, algo por pequeno que pareza. ola digo eu tamén concentrada nos meus recordos. dóeche? e sinala o meu corazón. observo cara onde sinala. sorrío, só un pouco, pronto estarei ben. estou cansa e vou cara un banco a sentar. xa o sei. eu non entendo. que sabes? volve a chantarme os ollos. que estarás ben... e en silencio saboreo esa seguridade, esa confianza en min. sempre sorrís así cando estás nerviosa. deixo de sorrir automaticamente. e poste seria, como agora, pero en realidade non o estás... o único que pasa é que algo que pasou, que che dixeron, algo que é para ti significa moito chegouche moi adentro... como cando les en voz alta, con solemnidade. e volve a sorrir porque sabe que estou desarmada. vaia, es das poucas persoas que... e pecho os ollos porque non quero acabar a frase. veña, sóltao... insiste con cariño. bocanada de aire. neste momento creo firmemente que es a única persoa que me coñece... é raro... porque empezaba a crer que lles vou ter que facer un mapa da miña alma a todos. e rompe a rir, e eu contáxiome. eu son o mapa da túa alma. e namórome perdidamente desa seguridade que non é orgullo, é unha verdade que me creo ao momento. e cunha delicadeza extrema retírame as gafas. non sabes o que odio ter que ver os teus ollos a través dun anaco de vidro. acaríñame a cara coa punta dos dedos, o pelo e úleme. sabe de sobra que ninguén o fixo antes, que morría de ganas por que o fixesen. e pasea o seu nariz polo meu pescozo facéndome cóxegas. ai, ti sempre tapando, sempre protexendo a outros do mundo, do teu mundo, sempre coidádoos sen pedir nada a cambio... e eu pecho os ollos con forza porque non quero que esa bágoa que asoma caia. pero e a ti? a ti quen te mima? quen te coida? quen te protexe do mundo, eh? e abrázome como na vida me abracei, con todo o corpo, con toda a alma. sabes? estou cansa de confundirme... nunca te atopo... olla para min con calma. mira que es teimuda... non tes que buscarme, só tes que deixar que eu te atope, só tes que facerte visible para que eu poida verte, nada máis. soan as badaladas. e miña nai entra apurada na catedral, que seica andan agardando por min. a man de miña nai  no meu ombro. nena, que aínda vas perder o bus pra vigo.

xuraría que soñei ca miña alma xemelga... ( xa era o único que me faltaba...!)
[bso: Delorean - As time breaks off]

Chuzame! chuzame -
amor escríbese con H and delirando and soños11 mar 2007 10:50 pm

venres noite. hoxe vou soñar contigo. pecho os ollos. de madrugada a súa cara, o seu corpo miúdo e xeitoso. esa cara que non me canso de bicar e acariñar. case non podo crelo, en voz baixa unha e outra vez. e a piques de espertar é cando me dou conta de que non é el, é un disfraz, es ti.

sábado noite. outro corpo, outra vida, outras circunstancias. cólleme da man cando ninguén mira. chíscame un ollo e cando ninguén mira mórdeme na orella. preséntame e di que son a súa moza. eu baixo a mirada, sorrindo tímida, mentres ducias de flashes se estrelan contra nós. aprétame forte a man en sinal de apoio. e eu sei que non é quen é no meu soño. es ti, sempre es ti.

dáseme ben disfrazarte...

Chuzame! chuzame -
basado en feitos reais and casualidades and delirando and soños07 feb 2007 11:50 pm

quirofano.jpg
volta pra un lado. volta pra outro. o reloxo marca as oito cando abro os ollos. e voume ata casa. miña nai hoxe non traballa e aínda está na cama. collo un xersei armario porque vai frío e vou camiñando ata o hospital pola Praza maior, a rúa do Perigo, o Posío e en tres minutos máis chego. renego do ascensor e subo ata a sétima andando. a porta da 718 outra vez. entro calada e íspome. veñen a pincharme. veñen a levarme. imaxes que non son miñas, roubeillas ao meu pai, mesturadas con outras sobre as que tampouco teño dereitos. prefiro as guerras nas que son soldado a aquelas nas que só son espectadora. mestúranse as imaxes na miña cabeza. recordos. estou soñando, seino. pero sinto como me atravesa o bisturí. e non sei porqué estou a sorrir. e canto, como aquela que vez que subín no Dragón.

y voy a respirar, TE voy a respirar, y nada podrá matar la voz de mi locura

e voume do meu corpo. non me ven? invisible. mais eu tampouco me vexo. non todo está marcado e escrito, as cartas equivócaronse.  pasan as horas e pra min non pasou nada de tempo. déixome respirar por todos e por ningún. sinfonía de corazóns latendo automaticamente, como a luz do faro que se encende e se apaga. palabras susurradas, pensadas e nunca pronunciadas. vai sendo de que volvas e eu tamén. un home mírame sorrindo cos ollos. moito me gustan as persoas que sorrín así. pero eu non entendo nada. volver a onde? e turra por min mentres rematamos de cruzar aquela porta de vidros difumilados. e un letreiro, QUIRÓFANO. non entendo, a onde me levas? e vexo pasar unha padiola co meu pai máis pálido do normal e lanzándolle bicos a todo o mundo. miña nai vai detrás empurrando tamén. e vexo a Catu e Aultre Narai asomadas pola porta que acabamos de cruzar. lévano á sala do espertar, di miña nai con sorriso de alivio. feliz. o home cólleme cara adiante, veña, moza, que imos chegar tarde. sigo confusa, é un soño, un recordo, ou que? e paro en seco. pero quen es? e mírame e nega cabeza. veña vamos, agora sei que volverei ver o mar.

custáme espertar. levo horas durmindo, como anestesiada e drogada. e Eli aínda non se ergueu? chegan ata min as voces de Pau e Evita na cociña. botar outra media hora para abrir os ollos. estou boca arriba, cústame moverme, semella que levo anos a durmir.  vou directa pra ducha. moito me gusta estar coa cabeza baixo o chorro... cámbiome. son as dúas e vinte, é moi raro, non teño nada de fame. paso pola cociña, ei, tes mala cara. nin me inmuto, é que durmín mal... recollo un pouco o cuarto. hai un vulto baixo as mantas. abro e... o xersei.

e agora podes crer o que queiras, dáme igual.

Chuzame! chuzame -
soños10 xan 2007 01:52 am

voy a borrar tus sueños, para salir de tus recuerdos , non me deixaches outra, baby.

Chuzame! chuzame -
soños08 xan 2007 12:54 pm

estaba en clase cos de 4º, todo confuso, todo irreal, non caio na conta de que estou a soñar. chegan uns cantos máis que me sonan de vista. unha loira e tres rapaces máis. veñen indignados, acaban de chegar do Norte, no tren. alguén lle botou un produto tóxico ao cabelo da loira e está furiosa. cando me quero dar conta xa chegaron á conclusión de que fun eu... míranme con noxo, con odio. a loira acelérase, sáenlle os ollos das cuncas. parece unha alimaña. ei, que eu non fun, consigo dicir. tarde. fuches ti, puta noxenta!! agárrame do pelo. eu non entendo nada, como poden pensar que fun eu?? vasmas pagar estúpida!! e sinto o seu alento contra a miña cara, ule a odio. non me defendo. para que? sei de sobra que non me van crer, están cegos. tírame contra o chan e unha patada salvaxe contra o meu estómago. esta si que me doeu... vén outro dos mozos ata onda min. cólleme o pelo, faime unha coleta con cinta adhesiva. ollo por ollo e dente por dente. e unhas tesoiras. vaimo cortar. sigo sen moverme e defenderme. chántolle as miñas pupilas. se mo cortas, vaste arrepentir cando descubras que eu non fixen nada... e halas pagar. non é unha ameaza, é a verdade. sinto o movemento e penso que quizais non me quede tan mal o pelo corto... ao final do soño descubro que non puido cortarmo e el vén a pedirme perdón. díxencho e non me criches...

aparezo pendurada dunha árbore, gabeo por ela cunha soltura que non é normal. son algo así como unha bióloga... ando a observar a loita que se traen unha serpe negra enorme e outro animal que non atino a recoñecer. despois baixo e escoito o que me contan uns homes que teñen pinta de traballar para o National, semella que andan a investigar algo. teñen á serpe inmovilizada e extraen o veleno dos seus colmillos. o animaliño non me quita ollo e non deixa de querer vir contra min. unha e outra vez. ei, agarrádeo, que nunha desas mórdeme.

esta vez si sei o que significan e porque os estou tendo...

Chuzame! chuzame -
arroutadas and soños and íntimo e persoal07 xan 2007 03:10 pm

é de noite, madrugada. sentada no chan contra a parede. falo, non, é o meu corazón que nunca atende ás razóns da lóxica. a razón, a intelixencia, parvadas, silencios. e liberome. as palabras perfectas, as xustas, as exactas, as que algún día cambiarán o mundo. paridas, recén nacidas. sigo tirada no chan, que ben se ve o mundo dende aquí abaixo!!! que é o medo? que é a ansiedade? que é a mentira? a miña caída máis doce. a derrota que máis me gustou. a máis honesta, a máis pura. e só podías ser ti. tiñas a chave que abría a caixa forte, fría e metálica, na que se estaba convertindo a miña alma. eras a chave e roubei esa parte de ti. nada máis, só iso, prómetocho. cresme? só esa, a que me pertence. que me fixo voar ceibe outra vez. o acerto disfrazado de erro. caín igual que cando miña nai me ensinou a andar en bici. aquela caída na que descubrín que para manter o equilibrio hai que perdelo moitas outras veces. e cando me quero dar conta estou tumbada boca arriba na ponte vella vendo como sae o sol. e Borges cólleme da man e sorrí porque ve que eu vivo cos pés espidos, porque sei quen son. e sobretodo porque non me mentín.
ahora ya no busques más, outra vez ese sorriso de quen é sabio, ese acento que me encanta. ahora sólo vive. e eu ríome, estou soñando? isto non pode ser real. pero foino... volvo pra casa

Chuzame! chuzame -
soños04 xan 2007 08:51 pm

 

saído da nada aparece un gato negro e seguido por el outro branco... directo cara a miña man. pelexan entre eles por chegar primeiro. sorpréndome, e isto a que vén? logo cando quero darme conta vexo sangue saíndo da miña man. asústome e espántoos. arañazos e mordiscos, pero non me doe. non entendo. que raios está pasando?

se alguén o entende que teña a bondade de explicarmo, please.

Chuzame! chuzame -
amor escríbese con H and soños28 dec 2006 12:13 am

tres filas de asentos máis adiante e a luz entrando con forza polos vidros. está agardando por min. pero non me movo do meu sitio, alguén cólleme da man. queda comigo. e eu sen entender, sorrindo e volvendo aos 9, cos cabelos de ouro. abrázame. teño soño e apoio a cabeza contra o seu peito. sigo sen entender, só son unha nena. e retumba o seu corazón dentro do seu peito contra a miña orella. escoito e sinto cada latexo, case podo velo. ergo os ollos pra preguntarlle curiosa. por que che late tan forte? pecha os ollos e unha bágoa cae pola súa cara. suspira e mira pola fiestra. entón é cando me dou conta de que non é o meu soño...

espertei e descubrín que soñabas comigo.

Chuzame! chuzame -
soños17 dec 2006 06:44 pm

e non sei que raio pinto na aldea outra vez. inverno e un campionato de fubito. chaman por min. é un soño, seino, a equipación xa non me queda xigante. marca todas as curvas que ten que marcar. ata parece que estou un pouco máis en forma, como se levase meses a entrenar. mírome no espello, son un auténtico bollycao. tócanos xogar, de novo, contra uns que se supón que son da miña aldea. non me soan de nada. tócame saír a pista a min. hai un tipo enorme que non me deixa nin a sol nin a sombra, abusa porque é máis grande. cabréome, pásase comigo nun par de entradas. o público bérralle e el parece que non se entera que a cousa vai con el. é nun deses encontronazos, dende o chan do pabillón, despois dunha patada moi sútil nas miñas canillas, é entón cando se me conxela o sangue do corpo. e este cabrón que fai aquí?? recoñézoo. férveme o sangue. pásame a dor da perna, e érgome voando, apretando os dentes e as mans con tanta forza que semella que vou facer sangue. un par de xogadas máis e son un mísil campo arriba e campo abaixo. defendo, ataco, os balonazos, os golpes, as patadas, as caídas, nada pode pararme. non me canso e boto lume polos ollos. saiume a raza de miña nai, pelexar ata a morte. salvaxe. nun contragolpe desmárcome e quedo case soa diante da portería. pásanme o balón e teño que enganchalo no aire pra tirar. outra vez o tipo enorme que se me vén meter no medio. e rebento como unha bomba atómica. esta vez non me vas facer dano.
a cámara lenta: a bóla chegándome pola esquerda, o cabrón que me tapa a portería, non me quere deixar tirar a gol. e pégolle ao balón coa perna dereita, facendo forza con todo o corpo, como se a vida se me fose nese instante, e o meu berro de rabia resoando no pabillón. cae ao chan cos ollos coma pratos e con bágoas nos ollos. apuntei ben e deille xusto na entreperna, onde máis lles doe. eu respiro cansa polo esforzo. o público alucina e as miñas compis de equipo aínda non se que cren o que acaba de pasar. Eli, pero... como lle dás así?? eu sorrío pillabana e contentísima. nena, calquera diría que tes esa forza... e eu bebo da botella de auga, colorada e suando máis ca nunca. por ser máis grande non ten porque ser máis forte ca min, ademais que non me quería deixar marcar gol... xa verás como pra próxima non vén meter os fuciños onde non debe.

Chuzame! chuzame -
basado en feitos reais and soños11 dec 2006 11:09 pm

somatizar algo é negar as cousas, non saber sacalas fóra dun. e logo o corpo víngase de forma cruel. bágoas de ácido pola miña cara. veleno e Ro dende o outro lado do teléfono hai un par de semanas. a rabia, a impotencia, teño medo. e esa noite durmo e soño co embalse dos Peares a piques de rebentar. eu son a encargada. chove a mares, pero eu non quero abrir as comportas. Ro berrándome dende o coche. e miña irmá tamén. vós non o entendedes, NON PODO... os latexos do meu corazón resoando. o frío da noite. daquela foi cando apareceu ela. a roupa distinta, o pelo solto e máis longo. unha calma á hora de andar e un sorriso de persoa feliz. son eu. son eu con cantos: 27, 29, 33? a muller que serei. quédome dunha peza, paralizada e sen saber que dicir. pero empeza a falar. esa voz, a miña voz, que aínda non me pertence...

Eli, tes que abrir as comportas, a présa vai romper... non teñas medo, por unha vez confía en ti, en min. déixao saír, libérate. non hai outro camiño, esta é a túa vida, nin mellor nin peor, quizais diferente, pero túa. vívea porque non é de ninguén máis. vívea como só ti sabes.

e pecho os ollos e asinto. ela vén comigo e abrimos as comportas... ducias, centos, milleiros, millóns de bolboretas brancas en vez de litros de auga. o máis bonito que vin na vida

Chuzame! chuzame -
soños30 nov 2006 04:21 pm

a parte de que me mata, colle e arríncame un ollo co coitelo. o meu cadaver tirado pola vella Atenas entre a pedra do chan e a chuvia que cae. nunca me vira morta a min mesma nin nun soño. e só vexo unha cousa fotografada para sempre no meu rostro inerte: o medo a que me faga dano.

que me paraliza

non querías caldo? pois toma sete tazas... 

Chuzame! chuzame -
delirando and soños18 nov 2006 10:36 pm

 

volta pra un lado. volta pra outro. falo. teño calor. sede na boca. e o meu nome resoando por todo o meu cuarto. susurros que non sei de onde veñen. destápome. soño e non sei o que soño. non entendo. ás 6:23 abro os ollos de par en par. as chamadas perdidas. saio do cuarto. meu pai soneando e miña nai facéndolle os coros. auga da botella na cociña. non chega a gorentarme todo o que eu quixera. desvelada. sonámbula. volvo pra cama. a luz da lúa cólase polo salón. noutras circunstancias tería ido ata o balcón para admirala, pero estou tan cansa... e quedo durmida nunha espiral de soños que non entendo.

 vou coa miña vella BH polo Souto. é primavera. os avó está vivo, pero eu debo ter case 30 ou máis. alguén máis vén comigo, detrás de min, de paquete. hai un cemiterio entre os castiñeiros que eu nunca vin. deixamos unhas flores. non quero estar alí, un medo que non recoñecezo, case infantil. marchamos ata a Molinera. non me doen as pernas, pedaleo sen esforzo. hai unha festa. música vella dos noventa. eu só bebo zume de laranxa. bailar. todos me coñecen, saúdos cariñosos. quen son? non os recoñezo. entón volve cara min e quedámonos mirando. todos bailan e nós paramos. cunha delicadeza divina retira as gafas da miña cara e eu síntome espida. ata me custa abrir os ollos. tímida non son quen de aguantarlle a mirada. óllame, por favor. ergo os ollos e non me movo. isto xa o vivín. pídeme o que queiras. e sorrío máis e mellor que nunca... rescátame aínda que non faga falla.

 cousas que só digo en voz alta cando soño (contigo).

Chuzame! chuzame -

Next Page »