opositing


amor escríbese con H and b.s.o. and basado en feitos reais and eleccións and maratón and opositing and posiblidades and soños06 Xul 2017 10:02 p.m.

Saio correr máis de tres meses despois e aguanto seis quilómetros como se aquilo formase parte rutina semanal. Aguanta, aguanta. E fantasio, así en baixo, para o Rei e para min. Ataques de risa e sexo de madrugada. Declaracións de amor adolescente nos meus apuntes. Escoito a Saturno e son consciente da pouco que lle importa ao universo este exame. Amor, familia, saúde, casa. Non fuxir malia o medo. Chega o día D, sentada diante do folio estou tan cansa que os meus pensamentos van a cámara lenta. A marea sube ata Monteporreiro e o instituto inúndase. Non respiro, só escribo. Dóeme o corpo como se viñese de finalizar unha maratón. Durmo dez horas seguidas sen cambiar de postura, pegada ao colchón. A certeza quere botar raíces e regalala cun pouco de sorte é a mellor das chuvias. Sigo correndo, pero a dúbida espérame en Reza. Quizais me estea a enganar, quizais me ceguen as ganas de aprobar. Quen non quere triunfar? Quen non quere conseguir os seus obxectivos? Quen non quere borrar os fracasos a puñados? Soño que o día da lectura do exame os comentarios e o tema desapareceron. Dentro do sobre só hai a vella fotocopia do poema que Osiria me regalou cando ela só era a miña a profesora de Historia. Outras veces os mesmbros do tribunal escóitanme sentados, todos vestidos con armadura, movéndose todos á vez, sinanlando todos como autómatas á pizarra na que alguén escribiu Alea jacta est.

É nese intre no que esperto sen saber nunca se seguir soñando ou non.

 

b.s.o. and basado en feitos reais and eleccións and opositing and self-service love and viaxes10 Out 2016 10:42 p.m.

porto

Cando te queres dar conta xa estás sentada coas mans nos teclado. De nada serve atopar a banda sonora perfecta se non tes as palabras. Hai viaxes que se estiran no tempo coma goma de mascar. O teu reloxo nunca marcará as estacións coa velocidade do calendario da cociña. Ninguén te viu chorando dentro do taxi, xa levabas un mes a desangrarte. De despedida en Porto todos eran rañaceos, agás eu, un galpón que non pode disimular o que é. Non me recoñezo nas fotos, quen usurpou o meu corpo? Por unhas moedas os rapaces saltan da ponte sen medo, pouco lles importa que eu me indigne mentalmente cos turistas. Do Douro emerxen co ímpeto da inxenuidade. Houbo un tempo no que eu tamén era quen de cambiar o ritmo das mareas sen propoñermo. Corróeme a envexa e estou a dous segundos de trepar polas vigas de aceiro. Cando me quero dar conta estou a descalzarme. Ei! Vou saltar. Primeiro a sorpresa, despois a incredulidade. Pero que dis?!! Berran, pero eu non escoito nin razono. Pálpítame o corazón de alegría. Pecho os ollos. conteño a respiración, lánzome e o aire fáime cóxegas por debaixo da camiseta. Afúndome na auga coma un proxectil. Cando me quero dar conta estou a lavar a mans para preparar a ensalada, despeiteada, co pixama xa posto e escoitando a radio. Lavo as gafas, ergo a vista por inercia. Aí a está sorrindo con cariño do outro lado do espello. Chíscame un ollo e botámonos a rir pensando en Borges. A vida sempre se decide nun instante.

opositing and persoal and viaxes17 Dec 2013 10:10 p.m.
Quizais o futuro estea agardando no Sur
basado en feitos reais and casualidades and eleccións and íntimo e persoal and opositing and persoal and self-service love and tv21 Xuñ 2012 02:12 p.m.

Volver empezar. Afastarse para logo volver. Suor, bágoas, Mediterráneo; salitre. Aquela vella canción… Volver con máis ganas, perder dunha vez o medo a perdelo todo. Deixar de fuxir. Botaban unha película, esa escea que sempre me emociona. Miña irmá estaba sentada detrás de min no seu salón, a terraza aberta, as luces apagadas, só se ve a luz da televisión. Algo que se tensa e se solta dentro, moi profundo. Como me puiden esquecer? A incerteza, o futuro, as oposicións, a falta de independencia. Todo desaparece e son eu a que está coa cabeza rapada, son eu a berra baixo a chuvia como un animal. Toda a rabia, toda a frustración, toda a impotencia. Músculos que se tensan, forza sobrehumana, colmillos que medran, quero morder, quero facer dano, quero liberarme. A debilidade, a fraxilidade transformada nun ruxido, nun ouveo. Máis de mil quilómetros cara o Sur, máis de mil quilómetros cara o Norte.

Volver empezar…

basado en feitos reais and casualidades and eleccións and íntimo e persoal and maratón and opositing14 Abr 2012 02:11 p.m.

(photo by Mary F. Calvert)

Estaba agardando por min. Había meses que non tiña noticias dela. Non me escoitas, ultimamente só oes o ruído. Esa voz que é a miña. Enchénseme os ollos de chuvia. O Rei, miña irmá e o seu mozo tamén están paralizados, igual que o metro e a xente que pasea pola ponte. Parou o tempo para min. Estamos en Porto de escapada polas vacacións de semana santa. Pecho os ollos, empezo a notarme menos pesada, case podo despegar os pés do chan. Que foi da gravidade?

Hai algo no teu corazón que te fai máis forte que a calquera. É unha pequena parte que sempre che pasou desapercibida. Agora estás ao pé da túa montaña. É túa, de ninguén máis. Tardaches anos en chegar ata aquí. Ninguén máis o sabe, só ti, eu e o espello. Todo aquilo que amas e soñas, todo aquilo que che fai sorrir está aí arriba. O futuro, eses recordos que fabricas en soños, de madrugada, cando pensas que ninguén máis te ve, eses recordos que aínda non teñen data de nacemento. Es un volcán, ninguén se entrega con tanta intensidade coma ti. Hai un ruxido na túa gorxa, un ouveo que morre por saír. Deixa de conterte, deixa de aguantar as ganas de abrir os brazos e saír disparada cara o espacio. Sabes o que tes que facer, sabes como o tes que facer. ISTO non é o máis difícil que vas facer na vida, pero si vai ser unha das cousas máis grandes. Lánzate de cabeza unha vez máis. Sen mirar atrás, sen medo. Entrégate, non penses, sinte como todo o teu universo volve xirar ao ritmo dos teus latexos. O vento na cara, o frío da alta montaña, a dor das pernas ao correr quilómetros e quilómetros, a man entumecida por escribir sen descanso durante horas. Un pouco máis, só un pouco máis.

 Esta é a túa vida, este é o teu destino, este vai ser o teu traballo. É un maratón, o maratón da túa vida escribindo.  

Cando un par de días despois chegamos a casa e desfixen a maleta reparei no caderno que me regalara o Rei. Había unha frase escrita: Estás aquí porque queres e podes. Era a miña letra, pero non fora eu quen o escribira.

 

 

 

arroutadas and maratón and opositing and soños25 Xan 2012 12:24 a.m.

Como Manuel tamén deixo que ela guie a miña vida. Está a berrarme, chama por min. Espértame de madrugada e lévame ao parque que hai preto da miña casa. Hai unha maratón. Vamos, corre! Poño as zapatillas e vou quitando o pixama como podo. A xente berra e anima. Acompáñanme ducias de cans que ladran felices. Non entendo nada do que ocorre. Hai helicópteros de canles de televisión. Cara onde vou? E a meta?

Ti corre e aguanta. Só iso.

 

íntimo e persoal and opositing03 Xan 2012 10:49 a.m.

Opositar é como prepararse para escalar un oitomil. Prepararse para sufrir, para aguantar, para o frío. Prepararse para saber que facer cando che veña a desesperación. Controlar a ansiedade, calmarme como se puidese saír do meu corpo e abrazarme. Tranquila, todo vai ben, podes facelo. Machacareime na biblioteca todos os días. Soñarei cos exames, cos comentarios, con unidades didácticas. Fareino ben? Dominarei os nervios? Berro, abro os brazos cara o ceo porque sei o que se me vén enriba. Deixareime a pel, o sangue, o meu tempo.

Cando por fin sentes que naciches para algo non podes apartarte dese camiño. Estou soa e ninguén pode axudarme, só podo confiar en min. É cuestión de supervivencia.

 

 

opositing and saudade and self-service love and Sen clasificar29 Nov 2011 10:47 p.m.

O outro día cruceime cunha antiga compañeira da secundaria. Que fas, que vas facer. Un día descubrín que me gustaba dar clases que se me daba ben. Mírame sorprendida. Pero que dis? Sempre se che deu xenial, cantas veces me explicaches a min inglés ou historia. E veñen a min recordos esquecidos, pequenos flashes. Por que sempre son tan lenta para darme destas cousas?

Párteseme o corazón cada vez que paso por diante dun instituto. Rapaces e rapazas (alumnado na xerga) sorrindo. Coa de voltas que dei ata aquí, coa cantidade de erros que cometín… Como quen atopa auga no deserto, cando menos o esperas. E agora? Agora nada. Crise, política. Os profesores sobramos, somos innecesarios. Os xornais minten e todos se deixan enganar. E eu só quero que aprendan a vivir. Si, isto tamén se pode ensinar nun instituto, exactamente igual que mo aprenderon a min.

Párteseme o corazón. Pecho os ollos e suspiro mirando cara outro lado. Dóeme, pero esta vez serei paciente. Correr é como opositar, un proceso lento que require de moita paciencia e vontade. Non me vou rendir, aínda que todo se me poña en contra. Esta vez non me rindo.

eu enténdome and opositing and soños27 Out 2011 04:18 p.m.

Corría sen parar. Polo camiño tiveron que prestarme algún chuvasqueiro ou darme aloxamento. Cara onde vas? Por que corres? Respóndolles mentres corro. Cara o Sur, é a única maneira que teño de chegar. Perdo peso e cada día que pasa o meu corpo parécese máis ao dun atleta de verdade. Só fican os músculos. Énfadome co outono, non me gusta correr coas gafas cheas de auga. 1033 quilómetros, agóbiome, asústome. Non vou poder, non vou poder. O medo corre todo o inverno comigo, levo unha luvas negras nas mans. Se podo co frío, tamén podo coa desilusión. Chega a primavera e só teño ganas de chegar. Aguantarei o suficiente? Fareino ben? Empeza a ir calor e a miña memoria deshidrátase con facilidade.  O verán trae os derradeiros quilómetros e corro con bágoas nos ollos. Ti sabes o que me custou chegar ata aquí? Atraveso a liña de meta cun berro entre dentes.

O máis importante é que levo un libro baixo do brazo.

basado en feitos reais and opositing and self-service love16 Mar 2011 11:49 a.m.

O meu con Santiago sempre foi platónico. Absurdamente platónico. Non hai peor miopía cá idealizar as cidades e persoas. Ata que as coñeces e levas unha decepción tan grande que a túa seguridade queda paralítica. Ás veces para sempre.

O xoves confírmase que non hai OEP para Secundaria. Por fin é oficial. Era visto. O venres teño academia. Doume de baixa e marcho no descanso. Ás 20.30 collo o tren. Sóbrame hora e media. As pernas van soas, imantadas. Camiño rápido, a mochila ao lombo. Non lembro o nome das rúas, nunca me lembro e nunca me lembrarei. Estou de paso, coma sempre. Pedra na retina. Peregrinei tres veces. A primeira para curarme, a segunda literalmente, a terceira porque confiaba. Como levada polo vento, como unha ave que volve ao seu niño, entro pola Quintana. O segurata obsérvame atentamente. Teño xesto de fuxitiva e levo unha mochila. Unha volta e vou para Obradoiro. Lembro algunha escapada en 2º de carreira, acabar de madrugada tirada no medio e medio da praza para ver a catedral do revés. Ou cando pisei a vieira de pedra despois de 275 km andando. Como me emocionara daquela. Pero esta vez é distinto. É unha liberación. Despréndome da desconfianza, da súa herdanza. Sorrío sen présa mentres regreso voando á estación. Aínda me dá tempo de comer un sandwich e mercar unha revista.

Ás veces aínda me seguen a fallar as pernas, ás veces. Curiosamente é algo que non me ocorre coas ás.

íntimo e persoal and opositing02 Feb 2011 10:45 p.m.

Cando non agardas polo amor, agardas polo traballo, polo momento adecuado, polo gran día, polos fillos. Agardas a sexan grandes para viaxar, agardas polos netos, pola morte.

Non temos paciencia porque somos escravos do tempo. Canto tempo perdido nesa incerteza.

opositing29 Xan 2011 12:20 a.m.

Chomsky, ninguén che dixo que Platón viaxa en tren e que Descartes é quen fai o almorzo todos os días?