maratón


adolescencia tardía and basado en feitos reais and maratón10 set 2008 01:45 pm

ner- vio- sa

Chuzame! chúzame -
basado en feitos reais and maratón09 set 2008 08:17 am

son a súa prolongación.

Chuzame! chúzame -
basado en feitos reais and maratón and saudade02 xun 2008 03:38 pm

Fagamos unha pequena viaxe no tempo… Por un momento intentade vervos hai cinco anos… Os 18 acabados de facer. Un verán de descanso despois do estrés e a criba da selectividade. Onde estabades? Facer a matrícula e papeleos varios. Poñer un pé no Cuvi por primeira vez. Para a maioría foi con Papá e Mamá, contentos e orgullosos de nós, a súa prole, facendo algo de proveito das nosas vidas, comezando a loitar polo noso futuro. Os que deixamos casa, amigos e cidade tivemos que buscar piso ou residencia. Eses nervios, aquela ilusión! A primeira noite lonxe de casa. Tampouco é que fosen tantos quilómetros, pero dentro de nós, sen entender ben porqué, invadíanos a emoción de saber que comezabamos a voar sós, sen axuda de ninguén; algo irrepetible que se dá só unha vez na vida.. E si, na teoría todo é moi bonito… Pero a realidade creo que nos colleu a todos bastante por sorpresa. Fixemos o que nunca antes fixéramos: coidar de nós mesmos. E que é iso? Pois experimentar nas artes culinarias, comprobar a nosas dotes á hora de limpar baños ou que tocase, non ter que dar explicacións de nada do que fas ou deixas de facer, vivir sen horarios, saber de memoria as ofertas do súper, administrar os cartos con mestría para que sempre che sobre algo para saír, obrigarnos a ser responsables e ir a clase cando tes un mal día..., coller a gripe e que as nosas nais non estivesen para facernos unha sopiña ou pornos o termómetro. Xa sei que poden parecer pequenas cousas ou mesmo parvadas... Pero estas pequenas cousas, eses detalles aos que nunca lle damos o valor que merecen son os que pouco a pouco nos ensinaron o que é levar unha vida case de adultos. Non é nada fácil atopar o equilibrio entre gozar da xuventude e facer o que debes e, crédeme, compre caer moitas veces para atopalo.

 

Por suposto, non poderemos esquecer xamais as interminables xornadas de clases, os exames compartidos, exames que non sabes como aprobaches e exames para os que te mataches e non aprobaches, os nervios e o estrés de febreiro e xuño. Aquí hai máis dun e dunha tiveron pesadelos con algún profesor ou profesora. Algunha que outra materia que se che resiste. Traballos de grupo, dialogar, facer uso da diplomacia , aprender a ceder, aprender a defender a túa postura sen pisar a ninguén. Traballos míticos como o de Terminoloxía... Madrugadas acabando encargos, consultando polo Messenger (bendito invento!!). Necesitar axuda e dar axuda. A lei de Murphy e as impresoras e ordenadores que se estragan xusto o día de entregar algún traballo. E entre unha cousa e a outra, entre viaxes no VITRASA, no tren, no Monbus e conversas banais sobre temas académicos ou saídas nocturnas, pouco a pouco fomos recoñecendo a aquelas persoas que se convertirían nas nosas amizades. Digo recoñecer porque eu son das que cre que os amigos non se fan, recoñécense. E que papel tan importante xogou a amizade en todos estes anos!! Víronnos rir, víronnos chorar, víronnos gañar e perder, viron o mellor de nós e a nosa peor cara. E aínda así non se afastaron... Cantas fotos, cantas anécdotas, cantos recordos, cantos sorrisos quedan gravados para sempre na nosas retinas.

E ben, se xa é difícil subir a clase ás nove da mañá, en pleno inverno, diluviando, hacinados como ovellas dentro dos VITRASA, independentemente do noso estado de ánimo, imaxinade o que é facelo mentres tes a teu pai hospitalizado porque acaban de operalo de cancro, ou que o teu mozo/a, esa persoa que durante catro anos foi a luz da túa vida pois... dun día pra outro di que non che quere, que se acabou o amor; ou que túa avoa leva máis de dous meses na UCI e a cousa non pinta moi ben, ou que estamos en outono e xa sabes que túa nai non vai aguantar ata o Entroido... Pechade os ollos e imaxinádeo. Lembrádeo. A que parece que foi onte? Soa duro, durísimo, pero é a pura e dura realidade. Estas só son unhas poucas das nosas historias porque nestes cinco anos ningún de nós se salva de ter subido ao Cuvi algunha vez co corazón ferido e cheo de dor.  Profesores incluídos. Ninguén.  E nós, sempre querendo pasar desapercibidos entre nós. Ser un máis, unha máis do montón, ser case invisibles. Somos tan diferentes... pero á vez tan iguais. Se nos pinchan todos sangramos da mesma maneira. O que pasa que todos temos de medo de nós mesmos e dos demais. Pasámonos toda a vida aprendo a disimular, aprendendo a arte de que non se nos note como nos afectan as cousas, levantando muros invisibles para protexernos que máis tarde ou máis cedo teremos que derrubar... É inevitable! Edúcannos para ser illas, pero en verdade só podemos arquipélagos.

 

Pasan os días, as semanas, as viaxes en bus, tren, cargar con maletas, mochilas e apuntes, pasan as estacións, os cursos, os anos... Cinco anos. E chegamos a este momento, a este instante máxico. A hoxe. Canto cambiamos todos!!!

De súpeto xa non son teus pais os que che acompañan ao médico… es ti quen vai con eles e sen saber como nin cando, nin porqué, comezas a coidalos, a mimalos, a protexelos do paso tempo e dos seus propios medos. O día que te dás conta é cando empezas a mirar cara atrás e ves que o rápido que voaron estes anos... A inxenuidade, esa inocencia coa comezaches a carreira. Descubriches que para namorarse só fai falla unha mirada e que pola contra, para deixar de amar fan falla 19 días e 500 noites, como diría Sabina, que dicir QUÉROTE é o máis bonito que lle podes dicir a alguén. Facer loucuras, cousas que nunca lle confesaches a ninguén, nin ao teu mellor amigo. Comprobar que nos mentiron, que non todo é branco ou negro. Tamén hai outras cores: días verdes, azuis, vermellos, amarelos, días rosas. Aprender que se caes sete veces o mellor que podes facer é érguete oito ou as que fagan falla. Ter o valor de preguntarte que é o que realmente queres e buscas na vida... Ter o valor de loitar polos teus soños. Vivir cos pés na terra: pensar no futuro laboral, en que non vas vivir do aire, nin de teus pais eternamente, nin dos soños... e non renunciar a eles, porque só podemos ser felices perseguindo os nosos soños. Si, podedes chamarme cursi, pero é así.

E xa para rematar, dicirvos que o mellor destes cinco anos non son estas paredes, nin todo o que aprendemos e nós ensinaron nelas, nin sequera todos os obstáculos que tivemos que superar para chegar aquí... O mellor destes cinco anos fomos NÓS!

Chuzame! chúzame -
basado en feitos reais and maratón08 xan 2008 10:57 pm

hoxe foi un día de merda... just a perfect day

Chuzame! chúzame -
delirando and maratón and soños15 dec 2007 06:08 pm

Café e deliro. Non durmo. Ollos abertos de par en par. Ao final saio de marcha en soños. Os pés espidos. Frío? Calor? Dóenme os ollos. Dóeme a miopía. E mírome nun charco e levo uns cascos na cabeza. Vou a doar sangue no Paseo pero non podo, só me sae música das veas. E bailo, tírome ao chan. En trance. Un chasquido de dedos, unha guitarra eléctrica nas miña mans. Resulta que a sei tocar mellor que Jimmy. Fágolle o amor coas mans. Romper todas as cordas ou partir os dedos de tanta potencia? Outro chasquido dos meus dedos e toda a cidade completamente nevada. Xente patinando, outros esquiando, trineos e cans que parecen lobos.

 

Este frío non me mata, revíveme.

Chuzame! chúzame -
basado en feitos reais and maratón12 set 2007 09:46 pm

dóeme a cabeza... mañá remato os exames...

mañá paz

Chuzame! chúzame -
basado en feitos reais and maratón03 xun 2007 05:59 pm

estaba nerviosa. non me importou que se me notase. falei co corazón na boca. todo o que vivín, todo o que aprendín da vida, do amor, das dificultades, toda esa maxia na que eu creo... espinme por dentro e por fóra. era eu, só eu. Aultre Narai. sorrínlles e perdinme. rían e eu sabía que estaba en casa, confiaba neles. saborei cada palabra que dixen como se fose o meu derradeiro día no planeta. riron e choraron. non puiden ver a cara de ningún deles, pero sentíao.

rematei emocionada e aparteime do atril e do micro. romperon a aplaudir como cando rompen as olas contra os cons en Fisterra, ou unha tormenta no verán. estremecín. tremín baleira (dérallo todo a eles) e baixei a mirada tímida. outra vez a nena pequena. póñense de pé o equipo decanal, e logo Chori, a primeira, e o resto dos meus compañeiros de promoción, e o resto do salón de actos. e só me vén unha palabra á cabeza para intentar describir: abrumada..., completamente abrumada...

un dos mellores momentos da miña vida

Chuzame! chúzame -
maratón28 mai 2007 12:55 am

estame custando máis traballo do que pensaba. quero facelo ben, moi ben. que lles chegue, que se emocionen, que rían. e miralos de fronte. a tod@s.

Chuzame! chúzame -
b.s.o. and delirando and maratón09 feb 2007 11:58 pm

a arte de vivir sen paraugas aínda que diluvie. e non tusir polas noites. a arte de ofrecer só o que é xusto e necesario. e dar o abrazo imprescindible. a arte de vivir pegada a uns vidros mirando como se manchan durante 24h. e ver todo o que os demais non ven. a arte de non preocuparse e ocuparse. e facer sorrir cando é todo é cabeza perdida...

aí foi cando acabei café con leite e me dei conta de que estaba na cafeta da facultade e que quedaba menos de sesenta minutos para o derradeiro de febreiro. e tiven moitas ganas de escribir por detrás dos apuntes. escribir con rotuladores de cores e empapelar a o edificio con palabras. pechei os ollos un instante e deixei que chovese dentro. deixei que se inundase, que as mesas flotasen, que a auga chegase ao teito. e vin como os poucos que estábamos alí buceábamos como peixes de cores. e bailar baixo a auga. e silvia sonando de banda sonora.

escuchar las palabras sin que se me dirijan. y mezclarme viajera con todas las manos. y rozar sin reparo todas las mejillas.

mergullo sincronizado, respirar polas branquias das puntas do cabelo. flotar coma unha alga, ingravidade.

10 minutos máis e estou sentada na parte máis alta da clase, na esquina. vixío a todos. tan lonxe da porta que se me fai eterno o camiño ata chegar onda a profesora pra pedirlle que me deixe ir ao baño. e saír correndo, voando,   p  a  r  a  n  d  o      o      t  e  m  p  o. ese segundo no que estiven máis preto de ser tradutora, máis ca nunca. quizais o único momento da miña vida en que realmente o fun. a melodía de 56 pares de mans pasando follas de diccionario apágase dulcemente mentres acabo o exame. a sorte xa está botada.

Chuzame! chúzame -
adolescencia tardía and maratón07 feb 2007 02:24 pm

iglesia_luis.jpg

case me dá algo cando o vexo entrar pola porta do salón de actos. e non quero contar xa cando vexo que se senta case detrás de min e que o seu marabilloso olor chega ata o meu nariz... mmmmmmmmmm

onte non choveu no cuvi, eran eu babeando...

Chuzame! chúzame -
b.s.o. and basado en feitos reais and maratón and persoal01 feb 2007 01:46 am

normalmente é raro que comente algo da carreira aquí (por que será?). máis que nada pra non botar a pacer a lingua e acabar ofendendo a algún profesor (por ganas non é... ) do que dependeu/depende/dependerá algunha nota. e aparte diso porque non me gusta falar das cousas que non me gustan (acabo de darme conta). son as dúas da madrugada e teño os miolos saturados e non me sae nada de xeito cando escribo porque levo todo o día arriba facendo algo da miña vida, como diría o rei. e non, non penses mal, non me estou a queixar. aprendín moitas cousas que non están nos apuntes que moitas veces me prestaron porque eu non ía a clase. si, culpable, porque non me gusta e son negada para a tradución. estou contenta porque aínda que haxa días malos (poucos) sempre hai alguén con quen compartir sorrisos, xa sexa no piso, nas clases ou tomando un coffee. son doctora honoris causa en corazóns e almas.

Vigo, non é Atenas, nin a Pedra, pero ten a moitas persoas e momentos que me atarán de por vida a ela. o que tiña que ser o derradeiro ano, o máis duro, está a ser o mellor de todos. libereime dos desexos, dos soños, das grandes aspiracións, das apariencias. non sei se o teño todo, ou case todo, se fracasei ou non, se me quedan cousas por alcanzar, se son intelixente, parva ou o que. estou ben comigo e con todo e todos os que me rodean. non, non é conformismo. é aceptación, o meu equilibrio.

imaxina saber que pase o que pase non hai día que deixes de sorrir...

doces soños, hoxe estou agotada.

[b.s.o: o novo de Bloc Party]

Chuzame! chúzame -
family woman and maratón28 set 2006 07:42 pm

hoxe o Rei non me vai mirar con esa cariña de boa persoa que ten (sorry, é o amor filial que non me deixa ser obxectiva). hoxe está decepcionado e eu teño a culpa....

Chuzame! chúzame -
maratón and máis que papel25 set 2006 11:40 pm

 

unha clase que me gusta. vaia milagre! a intuición é esa voceciña que che di cousas que son verdade. sen probas, sen saber, sen ter a certeza. un exercicio e saber que un texto é de Moby Dick e outro do Vello e o Mar. libros en inglés que non lin na miña vida. a intuición é o olfato dos elefantes que se guían por el centos e centos de quilómetros ata chegar a unha poza de auga. o sexto sentido. sensibilidade extrema ou instinto? torpe para o basket, unha bala para intuír. non falla nunca, é infalible. a miña arma secreta, sempre a punto para disparar.

 

Chuzame! chúzame -
amor escríbese con H and maratón and saudade18 set 2006 08:30 pm

o derradeiro primeiro día de clase. unha contradicción? os de primeiro máis perdidos que unha gaivota nun centro comercial. xa estou en quinto e creo que necesito que alguén me explique como cheguei. cinco anos que deron para moito. amor e Lisboa. debería sentir nostalxia, saudade ou melancolía. todo demasiado rápido, intensidade ata na rutina. o sabor agridoce de que nunca consigo o que quero. e aínda así non podo deixar de seguir soñando. o tesouro, o segredo, a ilusión que renace sempre.

afógome entre catro paredes. son un peixe de color con boa memoria, con branquias inútiles e sentimentos encontrados que non sei como encaixar. onde está o meu océano?conspira o universo ou conspiro eu contra el?

e dentro dun ano a saber onde andaremos... soñando, iso seguro

Chuzame! chúzame -
maratón and pelis16 set 2006 12:05 am

 

era inocente. 19 anos no inferno. unha brúxula e unha carta:

Querido Red:

[...]

... a esperanza é algo que nunca perdemos, sempre vai con nós. É o mellor que temos. Aínda non a perdiches, verdade?

 

eu tamén estou desexando rematar a miña "condena" ... non podes imaxinar canto!! 

Chuzame! chúzame -
family woman and maratón29 xun 2006 08:17 pm

 

cando caes nunca te das conta. o teu corpo non é consciente dos seus movementos, perdes o equilibrio e alá vas. e non te enteras ata que sentes o golpe. o golpe. doe, verdade?

o normal é que non o valoremos, non estamos acostumados a facelo. claro os demais non o ven... tampouco se dan contan. normal. normal? ben, iso é o de menos. romper a gravidade só coa forza do teu corpo. mandala á merda. transformar o eixo horizontal do teu corpo nun vertical. erguerte. agora, xa. neste preciso instante. e cambialo todo dunha puta vez...

Chuzame! chúzame -
as miñas nenas and maratón07 xun 2006 01:13 am

 arríscome e saio de casa baixo un sol que en Atenas aínda pega máis forte só que con esta humidade faime sentir coma un cucurucho de fresa derretíndose ao sol. bus. vamos po monte!! vou falar ca de Textos Económicos. un pouco de cola e xusto cando me toca entrar chámana ao móbil. cunha timidez que non recoñezo en min séntome nunha cadeira fronte a ela. non sei pra onde mirar. ela sigue. con quen falará? sen querer os ollos apuntan cara o corcho pendurado da parede que hai detrás dela. fotos dunha neniña con ollos saltóns e cara de pillabana comendo, na bañeira, ata parece que sabe que lle sacan fotos! poño cara de gilipollas sen darme conta. ata me deron ganas de tirarlle unha foto co móbil. disimula... de onde me vén ese instinto maternal? ela segue colgada do teléfono. Si, é que ata as dúas non baixo e despois teño que darlle de comer a Carlota. ese bichiño parecese á nai na cara. acabo pensando nos posibles nomes dos meus futuros fillos: Lucía, Ana, Manuel, Antón. e penso en Osiria, xa fai un mes que naceu o Principiño! colga e falamos do exame do venres. volta á maldita realidade!casualidade, ao pouco recibo un sms de Ro: hxe vin a ana k bbe!! e precioso, regordechiño e moi boíño.

máis calor. afogo. levarlle uns apuntes á Nékora Woman. tomar algo nunha mini-terracita e que nos claven. igual se anima a vir a o venres. as oito e media chega Pau con mala cara porque lle saiu mal o exame de consecutiva. e non sei que facer para que se sinta mellor. falo con Catu que hoxe foi a Montalvo. máis envexa! finalmente son as 24:00 e xa podemos felicitar a Evita. choromiquea algo cando lle cantamos o cumpleanos feliz. e vaise pegando saltiños para o cuarto e probalos. agora mesmo estou sentada no sofá, na tele botan a mesma bosta de sempre. non teño ganas de durmir. e o aire entra pola fiestra e abrázame sen pedir permiso. cóntame segredos en voz baixa. alguén está a soñar comigo?

Chuzame! chúzame -
adolescencia tardía and maratón and persoal24 mai 2006 02:55 am

tería uns catorce anos cando o profesor de Educación Física me convenceu para ir correr a unha especie de mini-campionato de cross que organizaban en Monterrei. e alá marchei eu, pequena, fondona, cun pantalón de chandal enorme en vez do típico pantalonciño curto (é que daquela odiaba depilar as pernas...). as outras mozas eran máis lindas e vellas, máis altas, tiñan o dobre de perna ca min, e pertencían a algún clube de atletismo. deron a saída e caín na conta de que eu alí non pintaba absolutamente nada. semellaba que as levaba o vento, como se flotasen, e eu unha pedra, unha anciá que case non daba arrancado. paseinas putas. non estaba acostumada a aquilo, de feito era a primeira vez que o facía. adiantáronme mil veces. eu seguía correr, rebentada. xa ía última, faltaba medio quilómetro e na beira do camiño había un par de rapaces dos meus anos. ríanse de min. tartaruga, lenta, idiota, gilipollas, subnormal, es a derradeira, monte de merda. PERDEDORA. lembro como se o estivese a vivir agora que non lles dixen nada, calei estoicamente, seguín a correr cos poucos folgos que me quedaban. sentíame mal, infinitamente pequena, vulnerable. cheguei como puiden e case me dá algo. o corazón saíndome do peito, pensei que me daba algo. meu pai andaba por alí. fun directa a el con moi mala cara, colorada e a piques de ter unha baixada polo esforzo. el sorrinte coma sempre. contento de que participase. abraceime a el sen pensalo dúas veces. aínda non sei como disimulei todas a ganas de chorar que tiña. estás ben? non quería que me mirasa á cara. sí, é que isto vese que non é o meu.
hoxe síntome igual de mediocre. nunca llo contei a ninguén. gardeino na miña memoria baixo candado. por vergoña. o últimos nunca fomos nin seremos heroes. malia a todo non abandonei e rematei aquela maldita carreira. con esta farei igual. e logo xa me quitarei o mal sabor de boca.
Chuzame! chúzame -