delirando


delirando15 Mai 2008 12:19 am

 

someday...

Chuzame! chuzame -
de esmorga and delirando06 Mai 2008 10:38 pm

escuridade. no Charol nunca hai boa luz. saio do baño aturdida. o soldado volveu a intentalo por milésima vez. e mentres boto auga no baño sinto esa dor punzante no peito. alcohol en vena e chuvia fóra. por que carallo me tes que doer tanto? abro a porta e aínda baixaron máis as luces. escuridade absoluta. aparece da nada e pon unha man no meu corazón, por un momento parecía que deixaba de desangrarme... por un momento. respiro o seu aroma. caio na trampa, na rede, no labirinto. bebo da súa boca. o tempo párase, volve a ir rápido. semella un cd raiado. e sigo sen saber porque non funcionou. mal sabor de boca, como cando vomitas.

o bico perfecto é aquel que nunca se repite.

Chuzame! chuzame -
delirando and maratón and soños15 Dec 2007 06:08 pm

Café e deliro. Non durmo. Ollos abertos de par en par. Ao final saio de marcha en soños. Os pés espidos. Frío? Calor? Dóenme os ollos. Dóeme a miopía. E mírome nun charco e levo uns cascos na cabeza. Vou a doar sangue no Paseo pero non podo, só me sae música das veas. E bailo, tírome ao chan. En trance. Un chasquido de dedos, unha guitarra eléctrica nas miña mans. Resulta que a sei tocar mellor que Jimmy. Fágolle o amor coas mans. Romper todas as cordas ou partir os dedos de tanta potencia? Outro chasquido dos meus dedos e toda a cidade completamente nevada. Xente patinando, outros esquiando, trineos e cans que parecen lobos.

 

Este frío non me mata, revíveme.

Chuzame! chuzame -
amor escríbese con H and delirando and soños11 Mar 2007 10:50 pm

venres noite. hoxe vou soñar contigo. pecho os ollos. de madrugada a súa cara, o seu corpo miúdo e xeitoso. esa cara que non me canso de bicar e acariñar. case non podo crelo, en voz baixa unha e outra vez. e a piques de espertar é cando me dou conta de que non é el, é un disfraz, es ti.

sábado noite. outro corpo, outra vida, outras circunstancias. cólleme da man cando ninguén mira. chíscame un ollo e cando ninguén mira mórdeme na orella. preséntame e di que son a súa moza. eu baixo a mirada, sorrindo tímida, mentres ducias de flashes se estrelan contra nós. aprétame forte a man en sinal de apoio. e eu sei que non é quen é no meu soño. es ti, sempre es ti.

dáseme ben disfrazarte...

Chuzame! chuzame -
delirando26 Feb 2007 12:16 am

un segundo para nacer

outro para morrer

e outro máis para que te namores. nove meses de xestación e nace un neno co mesmo nome que Roma. dalo en adopción? deixalo morrer de fame? crialo? non ten futuro donas e cabaleiros...

un final feliz ou o final que nos toca vivir a moitos? (demasiadas preguntas, demasiados silencios)

sen fin...

[bso: Interpol - Say Hello]

Chuzame! chuzame -
b.s.o. and delirando and maratón09 Feb 2007 11:58 pm

a arte de vivir sen paraugas aínda que diluvie. e non tusir polas noites. a arte de ofrecer só o que é xusto e necesario. e dar o abrazo imprescindible. a arte de vivir pegada a uns vidros mirando como se manchan durante 24h. e ver todo o que os demais non ven. a arte de non preocuparse e ocuparse. e facer sorrir cando é todo é cabeza perdida...

aí foi cando acabei café con leite e me dei conta de que estaba na cafeta da facultade e que quedaba menos de sesenta minutos para o derradeiro de febreiro. e tiven moitas ganas de escribir por detrás dos apuntes. escribir con rotuladores de cores e empapelar a o edificio con palabras. pechei os ollos un instante e deixei que chovese dentro. deixei que se inundase, que as mesas flotasen, que a auga chegase ao teito. e vin como os poucos que estábamos alí buceábamos como peixes de cores. e bailar baixo a auga. e silvia sonando de banda sonora.

escuchar las palabras sin que se me dirijan. y mezclarme viajera con todas las manos. y rozar sin reparo todas las mejillas.

mergullo sincronizado, respirar polas branquias das puntas do cabelo. flotar coma unha alga, ingravidade.

10 minutos máis e estou sentada na parte máis alta da clase, na esquina. vixío a todos. tan lonxe da porta que se me fai eterno o camiño ata chegar onda a profesora pra pedirlle que me deixe ir ao baño. e saír correndo, voando,   p  a  r  a  n  d  o      o      t  e  m  p  o. ese segundo no que estiven máis preto de ser tradutora, máis ca nunca. quizais o único momento da miña vida en que realmente o fun. a melodía de 56 pares de mans pasando follas de diccionario apágase dulcemente mentres acabo o exame. a sorte xa está botada.

Chuzame! chuzame -
basado en feitos reais and casualidades and delirando and soños07 Feb 2007 11:50 pm

quirofano.jpg
volta pra un lado. volta pra outro. o reloxo marca as oito cando abro os ollos. e voume ata casa. miña nai hoxe non traballa e aínda está na cama. collo un xersei armario porque vai frío e vou camiñando ata o hospital pola Praza maior, a rúa do Perigo, o Posío e en tres minutos máis chego. renego do ascensor e subo ata a sétima andando. a porta da 718 outra vez. entro calada e íspome. veñen a pincharme. veñen a levarme. imaxes que non son miñas, roubeillas ao meu pai, mesturadas con outras sobre as que tampouco teño dereitos. prefiro as guerras nas que son soldado a aquelas nas que só son espectadora. mestúranse as imaxes na miña cabeza. recordos. estou soñando, seino. pero sinto como me atravesa o bisturí. e non sei porqué estou a sorrir. e canto, como aquela que vez que subín no Dragón.

y voy a respirar, TE voy a respirar, y nada podrá matar la voz de mi locura

e voume do meu corpo. non me ven? invisible. mais eu tampouco me vexo. non todo está marcado e escrito, as cartas equivócaronse.  pasan as horas e pra min non pasou nada de tempo. déixome respirar por todos e por ningún. sinfonía de corazóns latendo automaticamente, como a luz do faro que se encende e se apaga. palabras susurradas, pensadas e nunca pronunciadas. vai sendo de que volvas e eu tamén. un home mírame sorrindo cos ollos. moito me gustan as persoas que sorrín así. pero eu non entendo nada. volver a onde? e turra por min mentres rematamos de cruzar aquela porta de vidros difumilados. e un letreiro, QUIRÓFANO. non entendo, a onde me levas? e vexo pasar unha padiola co meu pai máis pálido do normal e lanzándolle bicos a todo o mundo. miña nai vai detrás empurrando tamén. e vexo a Catu e Aultre Narai asomadas pola porta que acabamos de cruzar. lévano á sala do espertar, di miña nai con sorriso de alivio. feliz. o home cólleme cara adiante, veña, moza, que imos chegar tarde. sigo confusa, é un soño, un recordo, ou que? e paro en seco. pero quen es? e mírame e nega cabeza. veña vamos, agora sei que volverei ver o mar.

custáme espertar. levo horas durmindo, como anestesiada e drogada. e Eli aínda non se ergueu? chegan ata min as voces de Pau e Evita na cociña. botar outra media hora para abrir os ollos. estou boca arriba, cústame moverme, semella que levo anos a durmir.  vou directa pra ducha. moito me gusta estar coa cabeza baixo o chorro... cámbiome. son as dúas e vinte, é moi raro, non teño nada de fame. paso pola cociña, ei, tes mala cara. nin me inmuto, é que durmín mal... recollo un pouco o cuarto. hai un vulto baixo as mantas. abro e... o xersei.

e agora podes crer o que queiras, dáme igual.

Chuzame! chuzame -
adolescencia tardía and delirando and persoal16 Xan 2007 12:01 am

cinco anos pra isto. e como explico que en vez de bolboreta saín libélula?

Chuzame! chuzame -
delirando15 Xan 2007 11:34 pm

febre. grao arriba, grao abaixo. unha montaña rusa no meu corpo. marabunta, estampida. non podo durmir, nin moverme, nin deixar de tremer. soño e deliro. hope of deliverance. os cabalos correndo pola miña cabeza. quero durmir, quero durmir. exames e notas. Señorita, vostede non vale pra esta carreira. quero durmir, quero durmir. FODER, que iso xa o sei eu. o Rei que me fala de política, non nos entendemos. a maldita sensación de que hai cousas que nunca vai entender na boca do estómago. odio a política, a relixión, os tópicos. nunca digas nunca, é demasiado tempo. unha man sobre a miña fronte. hoxe non vas durmir ben, pequena. teño tanta sede e tantas ganas de crer que ata mataría como matan os leóns no Serengueti. mataría por un só bico de amor, ou máis ben morrería. só un. aínda que despois esperte e pense que só foi un soño. regalo a miña alma a cambio dun.


Chuzame! chuzame -
delirando10 Xan 2007 01:38 am

 

Sabina mataría polo verso perfecto. eu morrerei de amor o día que o atope

"cando andas preto non son quen de vivir cos pés na terra"

Chuzame! chuzame -
delirando18 Dec 2006 11:57 pm

frío nas mans. camiño de noite. vou, veño, non paro. e se ti me quixeses como te quero eu... e se non fixesen falla as palabras, direille ao oculista que me dilate as pupilas por tempo indefinido, veralo así nos meus ollos? porque non vou pronunciar as palabras malditas, a miña condena de ante man. coma o can ao pé da tumba do seu amo. e que máis dá que non volva? que máis dá? só sei perder, non sei facer outra cousa.

If I told you a secret
You won't tell a soul
Will you hold it and
Keep it alive

 

[...]

 

So take me, don't leave me
Take me, don't leave me
Baby, love will come through
It's just waiting for you

Chuzame! chuzame -
delirando05 Dec 2006 12:39 am


(a quen lle poida axudar, sexa amigo ou inimigo)

pecha os ollos. estás en cama, a piques de durmir. mañá será outro día. escoita o silencio. sempre hai cousas que buscan o camiño para saír do cárcere no que te convertiches. e xa non temes nada. honestidade brutal co universo. descubres que es poeta e non tiñas nin idea. son as palabras da miradas. que atravesan pupilas, collen a autovía e van directas ao corazón. pinchazos que che encantan. as dúbidas vólvense certezas e bicas en soños o que na vida posiblemente nunca sexa teu. un milimetro de pel, medio metro de aire, o aroma dunha respiración tatuándose por dentro de ti. palabras cálidas coma unha manta. o sol do verán sobre o teu corpo espido. vanse de viaxe, a quen lle pertencen? e durmir, coma un anxo, cun sorriso oceánico. mágoa que non poidas verte cos meus ollos.

... s h h h h...  ... s u s ú r r a m e ...

Chuzame! chuzame -
as miñas nenas and delirando and family woman27 Nov 2006 10:32 pm

xúrome que non vou volver probar o l.c. nunca máis. e o estómago revólvese furioso mentres eu, máis pequena do habitual e anicada sobre a taza do váter fago malabarismos pra non expulsalo a el tamén. a boca aberta, os ollos pechados, veleno saíndo do meu corpo, a comida de todo o domingo. bágoas polo esforzo sen que chame por elas. suor frío, tremer coma un vimbio, os meus brazos firmes botando raíces na taza, aguantando a cabeza. e penso no pouco que valoramos a saúde, ata que a perdemos. no mal que o debeu pasar meu pai, digan o que digan ninguén estivo na súa pel, só el sabe as que pasou. e penso no que me gustaría que miña nai estivese comigo, aguantándome a cabeza mentres boto os fígados pola boca, ou facéndome algunha sopiña mentres eu durmo tirada no sofá para recuperarme. e que aínda que hoxe non estea aquí só teño que coller o teléfono pra falar con ela.

á novena o corpo fica baleiro e volve a paz. métome en cama esgotada. non fuches xusto... murmuro en voz baixa antes de que Morfeo me coide.

as cousas das que menos falamos son as que máis doen

Chuzame! chuzame -
delirando and soños18 Nov 2006 10:36 pm

 

volta pra un lado. volta pra outro. falo. teño calor. sede na boca. e o meu nome resoando por todo o meu cuarto. susurros que non sei de onde veñen. destápome. soño e non sei o que soño. non entendo. ás 6:23 abro os ollos de par en par. as chamadas perdidas. saio do cuarto. meu pai soneando e miña nai facéndolle os coros. auga da botella na cociña. non chega a gorentarme todo o que eu quixera. desvelada. sonámbula. volvo pra cama. a luz da lúa cólase polo salón. noutras circunstancias tería ido ata o balcón para admirala, pero estou tan cansa... e quedo durmida nunha espiral de soños que non entendo.

 vou coa miña vella BH polo Souto. é primavera. os avó está vivo, pero eu debo ter case 30 ou máis. alguén máis vén comigo, detrás de min, de paquete. hai un cemiterio entre os castiñeiros que eu nunca vin. deixamos unhas flores. non quero estar alí, un medo que non recoñecezo, case infantil. marchamos ata a Molinera. non me doen as pernas, pedaleo sen esforzo. hai unha festa. música vella dos noventa. eu só bebo zume de laranxa. bailar. todos me coñecen, saúdos cariñosos. quen son? non os recoñezo. entón volve cara min e quedámonos mirando. todos bailan e nós paramos. cunha delicadeza divina retira as gafas da miña cara e eu síntome espida. ata me custa abrir os ollos. tímida non son quen de aguantarlle a mirada. óllame, por favor. ergo os ollos e non me movo. isto xa o vivín. pídeme o que queiras. e sorrío máis e mellor que nunca... rescátame aínda que non faga falla.

 cousas que só digo en voz alta cando soño (contigo).

Chuzame! chuzame -
delirando09 Nov 2006 04:48 pm

 

toleo por momentos. e iso encántame. desta non morro. estoume transformando. a próxima vez romperei as roupas e perderei a razón. non te preocupes, non te mancarei cando te morda

Chuzame! chuzame -
delirando and soños29 Set 2006 11:27 am

 

o móbil contra o sofá. dou un portazo seco e marcho correndo sen rumbo. coma un animal. despeinada, a cara de enferma. sinto o corazón saíndose do peito. o aire faime dano ao entrar no meu corpo. e dá igual que estea débil. a rúa chea de xente. non os vexo nin escoito. salto por riba dos coches. caio mal. volvo a erguer. non é unha carreira? pois a correr. un tipo enorme, peludo coma un oso, horrible saído da nada estende o seu brazo que se estrela contra o meu pescozo. crack! reboto contra el. noto o sabor do sangue subindo pola gorxa arriba. incorpórome. pelexa, hostia. outro golpe no peito. caio contra a pedra dura e fría do chan coma un saco de patacas, inerte. choro de rabia. que non quero!!! deixádeme!!!!! cólleme pola sudadera. son un peso morto. aí é cando me dou conta de que algo non vai ben. algo falla por dentro e non deixo de botar sangue. afogo. es un monte de merda. e cúspeme. non vales nada. sóltame e outra vez a bicar o chan. pero pasa algo. non sei de onde porque estou sen forzas. odio. odio puro e duro. arrástrome uns centrímetros. máis odio. engánchome á súa perna e mórdolla cunha forza sobrehumana. un alarido enxordecedor. os meu dentes atravesando o pantalón, afundíndose na carne. máis odio, máis rabia. son un animal ferido. ira e veleno na boca. sinto un sangue que xa non é meu. un sabor noxento. o seu berro de dor. ódiote, ódiote, ódiote, ódiote. ollos pechados. e chego ata onda o óso. dóeme a boca e non me importa se rompo algún dente. e tiro cara atrás. a carne despréndese. vén comigo cara atrás e cúspoa nada máis separarme. dóeme a boca, estou cansa, só quero durmir. uns brazos recóllenme do chan, abrázame. e síntome ben. incriblemente ben. que pasou? paso dun pesadelo a un soño doce así, sen máis. intento abrir os ollos, non podo, estou demasiado cansa. quen es? sempre te me escapas... o seu tacto e o seu olor.

como sempre que esperto e véñenme flashes. pero nunca a súa cara. creo que alguén se está colando non meus soños para coidarme. who is?

 

ah, e xa non teño febre

Chuzame! chuzame -
delirando and persoal28 Set 2006 12:35 am

teño febre, exactamente non sei dicir canto. deliro levemente. non sei a quen lle escoitei dicir que namorarse é coma ter febre. é coma estar enfermo. e do que eu lembro pode ser que si. e lembro que só estiven unha vez namorada e con febre. hai moito? si, mil anos, tanto que non sei se foi real ou non. ou iso me quixo facer crer. eu tirada na cama, calor, virus, intentaba durmir e non podía. vixíabame trala porta entre aberta. sentía os seus pasos ir e vir. quedábase mirando durante varios minutos. eu facíame a durmida e sorría para os meus adentros, sen entender nunca por que raios se escondía. daquel conto xamais lle preguntei nada. fíxenme a tola. total, sabía de sobra que me ía mentir.

mágoa que para o namoramento non haxa menciña, tería aforrado moito tempo.

Chuzame! chuzame -