as apariencias enganan


as apariencias enganan and basado en feitos reais and casualidades and family woman and miradas and soños19 Feb 2017 11:46 a.m.

Ela tiña medo a morrer. Podo recoñecer esa mirada en calquera persoa, en caquera lugar. Só te miran dese xeito ao sentirem a lixeireza do inevitable. Pero que fas cando é túa nai quen te mira tan asustada que se che conxela o sangue? Son as catro da mañá. Papá berra dende o corredor, Mamá caeu. Está tirada na entrada xemendo confusa, arrastrándose. Intento erguela, pero non se deixa. Papá non se pode inclinar, recén operado de cataratas como está. Por iso xa fora eu con ela ata o PAC, pola contractura dorsal que sempre lle dá. Por iso me quedara a durmir na miña vella cama. Por intuición, instinto. Cando descubro sangue na parte posterior da súa cabeza, saltan todas as miña alarmas. Hai sangue no chan da cociña e ela segue a queixarse da cabeza. Está a rondarnos, respirándolle na caluga. Disimulando a miña angustia chamo ao Rei. Son as catro e media da mañá e el entra a traballar en tres horas.

QUE fago?

Chama ao 061

Mandan unha ambulancia e dinme que a coloque decúbito lateral esquerdo, que a tape cunha manta e lle tape a ferida cunha toalla. Vístome á velocidade do raio, só se me vén a cabeza o pesadelo que tiven á noite anterior. Véñenseme imaxes do futuro, eu chamando á miña irmá para que veña de Algeciras, mentres me repito que non, aínda non. Se me pasa algo, quérovos a todos. Atragántaseme o aire nos pulmóns, o tempo ralentízase mentres me agacho para acariñarlle a cara cunha calma que non sei de onde vén. Non, non che vai pasar nada. Estou eu aquí e non deixo que nada che pase. De súpeto vexo luz nos seus ollos. Confianza e alivio. Ás oito e media volvemos para casa en taxi. Fixéronlle mil probas e todo queda nun susto e catro grapas na súa cabeza. Hai tráfico, é a hora dos colexios e os institutos.

Non, non me veño abaixo nese momento. Aguanto, porque iso é o que fago sempre. Aguantar e aguantar. Pero pasan os días e o medo golpéame no peito á menor oportunidade. Son inxusta con quen non debo selo e maltrátome. En soños volvo a ser esa nena de nove anos. As mesmas gafas na cara, unha espada na man contra o monstro. Aínda NON!

as apariencias enganan and b.s.o. and basado en feitos reais and mestra jedi11 Dec 2016 10:34 a.m.

Son os derradeiros días e xa me incordia a saudade. Acabouse o conducir entre a néboa, acabouse o conto de ser a substituta. Aprendín eu máis deles, leccións invisibles das que nunca serán conscientes. Podo velos cambiando e medrando a cámara rápida. Algúns disfrazándose de experimentados vividores, outros son avezados camaleóns que observan e todo o ven. Míranse no espello, sácanse selfies, pero aínda non chegaron ao centro do labirinto. Aínda non é o momento de que se descubran.

Camiño polo corredores baleiros cantaruxando feliz, contendo as ganas de marcarme un musical.

adolescencia tardía and amor escríbese con H and as apariencias enganan and basado en feitos reais and de esmorga and saudade01 Feb 2015 10:23 p.m.

Ás veces volvo a ese día, a ese momento. Quizais xa o teño contado demasiadas veces. Pero cada quen fuma o que quere, eu fumo recordos. Pasaron dez anos, xa teño a idade que tiña miña nai cando nos tivo. Traballo con nenos e o futuro faime sorrir. Vexo aos fillos de outros, pregúntome como serán os nosos. Algún día.

Hai cousas que só podo compartir comigo mesma, de que xeito procuraba o amor en calquera coma un cadelo da protectora buscando dono. Era quen de regalar a miña alma por unha caricia. Vendíalla ao diaño mil e unha noites. Agora que sei todo o que sei… Fun egoísta, non me importa admitilo. Non máis do que foron comigo. Aquela mañá, hai dez anos, o inverno en Lisboa e eu regalándome un blog. O instante no que gardei para sempre o amor propio na maleta.

(27 de xaneiro de 2015)

 

7º arte and arroutadas and as apariencias enganan and espectadora and eu enténdome07 Xuñ 2014 01:00 p.m.

A morte, a vida e a arte veñen, moitas veces, collidas da man. Quen o sabemos estamos malditos.

“O tempo non importa, IMPORTA a idea” 

 

 

amor escríbese con H and as apariencias enganan and basado en feitos reais and eleccións and eu enténdome and self-service love20 Feb 2014 10:22 p.m.

 Quizais sempre fun grande. Non alta, non vella. Grande. Son un iceberg, enganeivos a todos. Teño vivido máis do que imaxinas, máis do que aparento. Ser sensible non é ser transparente, esa foi a miña tapadeira. Algúns só ven o que asoma pola superficie, outros mergulláronse nas augas árticas. Non houbo hipotermia, valentes que coñecen as marabillas os labirintos de xeo onde as baleas regalan cancións de berce ás súas crías. Podería morrer mañá e cando viñeses á miña tumba unha frase te recibiría:

Fun o que me deixaches ser na túa vida.

E chorarás de alegría ou de pena. Lembra, querido amigo ou inimigo, a elección (sempre) foi túa.

Viñeron os trinta coa calma de quen sabe que viviu a súa vida cos pés espidos. Equivoqueime moitas veces, caer é a única forma de atopar o equilibrio. Xa non soño con viaxar no tempo e rescatar á miña versión adolescente, tampouco me doen os amigos que perdín ou as ausencias dos que morreron. Quédame algo máis imperecedoiro que os recordos e a certeza de que esas ausencias non son invisibles. O único que boto de menos é o sol do inverno en Lisboa.

E o amor? O AMOR veu de quen só podía vir. Ninguén máis podía darme o que eu soñaba, só el. Miro atrás e son consciente de que fun Indiana Jones á procura do Santo Graal. A humildade, o carpinteiro, o sangue de Cristo só podía ser custodiada no caliz menos barroco, no máis auténtico.

Podo intuír o futuro, sinto as raíces do tempo no meu corazón. Sei o que vai pasar, a ti, a min, a todos. Podo velo no reflexo das miñas gafas.

Fóronse a adolescencia tardía, a vellez anticipada. Sei que aínda teño débedas comigo mesma, hai algo que ela sempre me reclamou, admito que me levou moitos anos e discusións comprendela. Mentres escribo observo a foto do meu pasaporte recén expedido, caduca dentro de dez anos. Como serei aos corenta? Recoñecereime? E unha promesa que o invade todo, sen facer ruído. Como a min me gusta.

É hora de brillar.

 

as apariencias enganan and basado en feitos reais and family woman and íntimo e persoal19 Mai 2013 11:19 p.m.

Meus pais fanse maiores e a min cústame aceptalo. Non é a idade, non son as enfermidades pasadas… Os defectos que antes non me molestaban agora alporízanme. Ou quizais sexa que a quen tamén lle empezan a pesar o anos sexa a min. Cambiei, son máis egoísta, intransixente. O monstro Está aí fitándome dende o outro lado do espello, rezando para que non fuxa del, para dicirme que

“O noso temor máis profundo non é que sexamos inadecuados. O noso temor máis profundo é que somos excesivamente poderosos. É a nosa luz e non a nosa escuridade a que nos atemoriza. Preguntámonos: quen son eu para ser brillante, magnífico, talentoso e fabuloso?

En realidade, quen es para non selo? Infravalorádote non axudas ao mundo. Non hai nada de instructivo en encollerse para que outras persoas non se sintan inseguras preto de ti. Esta grandeza de espírito non se atopa só nuns poucos de nós; está en todos. E ao permitir que brille a nosa propia luz, de forma tácita estamos dándolle aos demais permiso para facer o mesmo.

Ao liberarnos do noso propio medo, automaticamente a nosa presencia libera a outros.”

(Do discurso inaugural de Nelson Mandela, 1994)

Libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame!

amor escríbese con H and as apariencias enganan and casualidades and espectadora and eu enténdome and miradas and self-service love07 Xul 2012 04:39 p.m.

Camiñas soa por un corredor sen final. Estás soñando, estás lembrando. O corazón late con forza. Camiñas cara adiante, pero en realidade estás nos principio dos recordos. As pezas do quebracabezas encaixan. Todas. Estás diante do Guernica, pero non é o Guernica, é a túa vida. O calendario é ese profesor de arte que che explica o seu simbolismo. Agora entendes, agora comprendes. Empezas a correr, slow motion. Vigo, Lisboa. Cruzaches o Amazonas nunha viaxe de ida e volta. Buscabas o amor como un can sen olfato, case a cegas, morta de fame, equivocándote unha e outra vez, unha e outra vez. A traición, a mentira, alá foron a inocencia, a inxenuidade; morrendo de sede. Non sexas boa persoa, sé xusta. Desconfía. Eras unha quenlla, ules o medo. Devorabas, instinto de supervivencia. Poderías ter sido veterinaria, ou enfermeira, ou escritora, ou xornalista. Quen es agora? Corres, non estaba na túa natureza ter resistencia, nunca a tiveches. Corres, aguantas. O tempo volveuse a favor túa. Antes non podías volverte invisble, chamabas a atención, agora só te ven cando queres. Telo todo e iso asusta. Por que eu? Todo ten un prezo e ti aínda non pagaches. Esta certeza ninguén pode calmala, ninguén. E sabes que o cobrador do frac virá algún día. Espéralo en soños como quen agarda con demasiado tempo de antelación nun aeroporto. Asusta tanto como tirarse de cabeza, cos ollos tapados dende o acantilado máis alto. Tempestades, guerras, nena ou muller, eles pérdense na alta montaña. Pero, chaman por ti, sempre chaman por ti. Pensan que perderon o (seu) Norte, ou non lembran onde está. Un compás é o único material de rescate.

Por que me é máis fácil orientar que orientarme? Quen me protexerá desa sombra que ás veces aparece no espello? Só el, só el…

7º arte and as apariencias enganan and espectadora26 Xan 2012 12:26 p.m.

 

Idealizar a unha persoa é moi perigoso, pero dentro da política é un suicidio… Minten, sempre minten. Esa aura de perfección que irradian foi friamente calculada. Nada é casual. Son vampiros, están feitos para prometer e confundirte Non caias no seu xogo ou rematarás sendo un deles.

7º arte and as apariencias enganan15 Xan 2012 11:15 p.m.

A cuestión non é confiar ou desconfiar. Sempre chega o día no que o único camiño é a sospeita. O importante é intuir de quen non fiarse.

Desconfía de quen se alegre da morte doutro ser humano. Desconfía, porque nunha guerra venderíate ao inimigo sen pestanexar. E aínda que non vivas nunca esa guerra nunca está demais saber quen REALMENTE ten un corazón puro ou quen o ten cheo de rancor.  Síntoo, non coñezo outra forma de medir a integridade das persoas

as apariencias enganan27 Out 2011 04:30 p.m.

Nunca te fíes dunha pedra mollada, o máis probable é que queira verte caer.

as apariencias enganan and persoal20 Mai 2011 10:33 p.m.

O día que non se teña que celebrar o día das Letras Galegas, o día que non teñamos que escoitar discursos a medida e politados (tanto uns coma outros), ese e só ese será o día no que o galego deixará de ser unha especie en perigo de extinción. Unha lingua completamente normalizada.

O demais impórtame unha merda.

7º arte and as apariencias enganan and íntimo e persoal24 Mar 2011 11:34 p.m.

Para min o máis sorprendente non foi a fama, os amores nin as grandes interpretacións. Era unha muller sensible e sabia. As palabras non minten

You are who you are. All you can do in this world is help others to be who they are and better themselves and those around them.

Give. Remember always to give. That is the thing that will make you grow.

Not at least until I’m dead, and at the moment I’m having too much fun being alive…and I plan on staying that way. Happiness to all.

Every breath you take today should be with someone else in mind. I love you.

7º arte and as apariencias enganan and basado en feitos reais24 Feb 2011 10:48 p.m.

As aparencias enganan, que ninguén se confunda, os extremos tócanse. Sempre se tocaron. Un leva ao outro.

Eu tamén vin ao cisne negro do outro lado do espello. A mirada noxenta. De anxo a nazi en cuestión de segundos. Tremíanme as mans en vez de saírme plumas negras. Ultimamente cometo o erro de esquecerme da miña obsesión. E volve silenciosa, manipula os meus soños. Outras intenta asomar polo espello, de novo.

Daquela é cando saio a correr ou marco o número infalible.

as apariencias enganan15 Feb 2011 09:47 p.m.

Os vellos, eses grandes esquecidos.

É un topicazo do que todos temos bebido, coma quen comparte unha botella de calimocho. Non temos nin puta idea do que é ver morrer, enterrar a toda a túa familia, a todos os teus amigos… Non senten trizteza, eles teñen unha pena crónica nas enrugas.  Son agradecidos, dos de verdade, dos que che botan un piropo, un sorriso sen esperar nada a cambio. Facemos burla das súas pintas, dos seus despistes, das súas manías. Soberbios, no fondo cremos que nunca seremos coma eles... Eles que non saben de crises existenciales absurdas, nin de debates sobre a lei Sinde.

Non, eles son a nosa raíz. Esa que amputamos lentamente.

7º arte and as apariencias enganan03 Feb 2011 10:18 p.m.

A María ninguén lle dixo o que ían facer coa manteiga. As bágoas son de verdade porque a enganaron.

“Case me violaron”

O bonito é que agora veña Bernardo a pedirlle perdón.

arroutadas and as apariencias enganan and basado en feitos reais and íntimo e persoal29 Mar 2010 10:40 a.m.

Perdín o tren. Non foi casualidade nin mala sorte.  A coartada perfecta. Fixen outra vez que o universo xirase ao meu ritmo. E volven a darme un Oscar… Que ben se me dá mentir, é a mellor defensa contra un mentiroso.  Reacciono, a defensa Luzhin. Acabáronse os xogos. E sen darme conta provoco unha bifurcación na miña vida. Todo cambia. Despacio, suave como unha caricia, constante. E sei o que vai pasar… Aí vén o tsunamí, o terremoto. Quizais xa veña de lonxe pero eu non puiden velo ata hoxe.

as apariencias enganan and basado en feitos reais and íntimo e persoal and soños14 Xan 2010 02:19 p.m.

 

Fun ao médico. Fixéronme unha biopsia no corazón. Dixéronme que non me preocupase, que “non pasa nada”. Que hai quimio, que a xente sobrevive a estas cousas. Pero que carallo fas cando o amor é como un cancro que non se quere ir do teu peito? Que fago se xa me operei en verán? Pero se eu ía ás revisións e todo estaba ben… todo. O inconsciente rebélase contra min. O pé tamén. Cando? Como? Onde? Por que? Resucitou e agora non se despega de min. Vixíame cando durmo, tápame se me destapo, agárrame forte se caio, espértame a tempo e obrígame a ir a autoescola… Pero non, non quero amar, non quero botar de menos, non quero. Non quero absolutamente nada. Pero é o único que fago. e esta vertixe, este medo… Unha espiral que xa non sei onde empeza e onde acaba. e por dentro… Oh! Por dentro… Alá, soterrada, con miles de toneladas de alegría e ilusión está a dor. Esa que aparece nos meus ollos cando me despisto. A dor de quen quere ser covarde, deixar de ser valente. que o sexan outros, xa me cansei. De que serve o amor se non podes amar a quen queres? Non quero ser espectadora, nacín para o escenario. Hei mentir a sangue se me frío se alguén pregunta.

as apariencias enganan and eleccións29 Dec 2009 11:57 p.m.

“Se sabes o que vai pasar, tamén te podes anticipar, non?”

as apariencias enganan and basado en feitos reais and dor22 Dec 2009 05:31 p.m.

afástasme. polo ulilo, podo sentilo. e os fíos invisibles rómpense, quizais para sempre. xa nunca máis irei a Xúpiter. xa non farei teatro… tiñas que curarme esta ferida que aínda non comezou a doerme… e estou tirada no medio de urxencias paralizada e inmóbil. débil… o meu sangue telo ti. dévolvemo, por favor…

Páxina seguinte »