arroutadas

como farias que alguén se namorase de ti? como conquistarías?
daríalle algo que só eu lle podo dar, iso que non fai únicos a todos, que nos diferencia, que nos separa. daríalle o mapa da miña alma sen dubidar
chuzame -

asustouse. xa vin esa mirada antes... esa mirada que non quere entender. que se acostumou ao que sempre nos ensinaron de nenos... pero eu planteime diante, unha vez máis, para dicir que NON, que o mundo non funciona así. e sempre buscan unha definición: se bebes Coca-cola es pro-ianqui, se pos unhas vans es unha pijiguai... mentira, só son etiquetas. escoitar só ao corazón, só a el, a ninguén máis. que digan misa, que falen ou que calen. tanto ten. algo mudou en min... mar adentro, nas illargas, un latexo do corazón que se rebela contra todos. unha nada que deixou sen alento a máis dun e dunha.
é o efecto da bolboreta batendo as ás dentro de min, a miña metamorfose... non desesperedes, queda pouco.
chuzame -

seica foi un erro de cálculo... iso é o que din sempre, o conto é vello. cando me quixen dar conta tiña unha jabalina chantada nas costas, atravesando o meu peito. lembreime de como miña nai sempre me dicía xa de dende cría que non sei aguantar a dor... lembreime dela porque non imaxina o experta que son. pois ben, así, no medio da disco-tecno-guai cunha dor que me paralizaba e que chegaba ata a alma, con aquela jabalina facéndome sangrar coma un porco na matanza. e marchei (aínda non sei como) de alí mentres o destino se burlaba de min unha vez máis e xusto nese instante no que só lle pedía ao todopoderoso que me tragase a terra sona a maldita canción de merda. outra coroa de espiñas máis. estoume volvendo atea...
déixame que hoxe vou adiviñar o teu futuro... déixame que che diga (sexas quen sexas) con ton sarcástico, con sorriso triste e ganas de non durmir en toda a noite que se crías que o máis difícil que podes facer na vida é atoparte a ti mesm@, aínda queda un paso máis para que chegues ao cume da montaña... é o paso máis difícil, porque é o derradeiro, porque estás tan preto do teu soño que case non podes crelo, porque estás sen forzas, débil e vulnerable... déixame que che diga que o máis difícil nesta vida é facer o correcto.
chuzame -

mércores
bótolle un par de ovarios e aparezo alí como quen non quere a cousa... xiránse para observarme todos os da súa pandilla. pido un té vermello. noto o rubor subindo polas miñas meixelas... non teñen xornais e cágome en todo. estou espida, exposta, igual que unha quinceañeira. tímida. Ro chámame, hoxe saiu antes de traballar. rógolle, suplícolle, implórolle que veña... dez minutos que se me volven eternos... póñome a ler (ou intentalo). sae da barra. estou a suar dos nervios. falan da asociación e eu dígome para os meus adentros que o destino búrlase de min unha vez máis. a menos de tres metros de min e por baixo da mesa sinto o temblor das miñas pernas. cando me quero dar conta séntase máis preto. viva a fase de achegamento! Ro aínda non apareceu e vaime dar un infarto porque sei que como lle dea por dicirme algo farei o ridículo máis grande da miña vida. nisto chega Ro. pídelle un té con xeo. desfágome cando volvo a ver ese sorriso... e todo o demais esquéceseme. calma, serenidade, tenrura e sobre todo, pureza. o sangue evapóraseme... media hora despois pagamos e marchamos. a duras penas esquivo a súa mirada... non me quero enganchar. así non. odio vivir de espellismos. esta vez non escribirei un conto... esta vez vivirei a miña vida.
xoves
a tentación é moi grande e ao final saio a probar sorte. dáme unha casualidade máis, non necesito máis. saber por onde te moves, despois xa farei eu porque nos encontremos. non houbo sorte e comprobo que isto se me vai das mans. quero que me fagas un lavado de cerebro, que me contes esas pequenas/grandes cousas que che fan sorrir. e quizais isto sexa unha loucura... outra vez no balulake, pero esta vez non estabas... e certifico que aquela noite xa estivemos a menos de dous metros, que pasará comigo se algún día falamos beizo a beizo sen unha soa palabra? maxia... quizais é que levo toda a vida en coma e xa deliro... quizais...
chuzame -

a coincidencia. mira quen está aí... díxome Ro polo baixo. sorrío, levaba meses agardando por esta noite... estamos na Praza das Mercedes e a xente vai e vén como un río. todo é igual que no meu soño, pero esta vez non se transforman en monos. nós entramos no Underground. a súa pandilla no Face. estou tranquila, habemos volver coincidir no Badulake. hora e media máis tarde alí estamos baixo as luces, a música, o fume. eu non podo deixar de sorrir. leva unha gravata negra delgadiña... vaille falar... anímame Ro. pero eu sei que non é o momento, aínda non. era a noite das miradas que van e veñen. os "quero que me biques" non pronunciados. remato a derradeira copa da noite e deixo que a música se apodere do meu corpo. falo cas nenas, rímonos. e eu sei que me está mirar. case podo sentilo. como se de súpeto descubrise que existo. a miña alegría engancha... e eu quero que se enganche. vou para o baño e un movemento estudiado, lento e saboreado rozo o meu brazo co seu... a cámara lenta. suave, suave... cando volvo do baño, vexo que marcha. está triste, non sei que lle pasa... non son capaz de reaccionar. lémbrome da última vez que pasei por aquela rúa coa música atronando na miña cabeza, estaba no chan, falando por teléfono e cunha mirada tan triste que... pero que lle pasa? a curiosidade cómeme. lembro que pensei no boa persoa que debe ser. esas cousas nótanse, eu nótoas... volvo dos meus pensamentos. vexo como sae pola porta do local. canto tardei eu en saír detrás? nin rastro, vou correndo ata a praza maior... nada. intento adiviñar por arte de maxia onde vive. iría detrás e como eu estou o suficientemente tola preguntaríalle sen dubidar por que estás triste? só iso...
onte tiven a (absurda?) seguridade de que eu podía sacarlle aquela tristeza dos ollos... e namorei desa sensación.
chuzame -

debaixo da ducha. o chorro de auga sobre a miña cabeza é como unha ola rompendo. relax. a auga escorregando polo meu corpo. centos de pingas bicando cada centímetro da miña pel. que facer, que dicir, que sentir? nada. absolutamente nada outra vez. non ansiar, non buscar, non soñar. non dar máis do que se me pide. pechar os ollos e non ver. agora son eu a que se vai volver cega. bloquear os sentidos. o olfacto, o tacto, a vista, o oído. matarei esa parte de min. a sangue frío se fai falla, con alevosía e premeditación. deixarei que me salven outros beizos da nostalxia. enganareina e envelenareina. é o que queres? é o que terás. pecho a billa. abrázome á toalla. mírome no espello. a voz de Ro retumba dentro de min.
"mereces que te queiran COMO ti queres"
o corazón dálle a razón cun aceleramento de 0 a 100km en tres segundos. pois si... ríome soa. algún día...
chuzame -

estás a salvarme a vida, pero..., claro, ti non tes nin a menor idea...
odio mentir
[Deluxe - Cientos de Mentiras]
chuzame -

hoxe se me din que son a filla abandonada de "alien", que meus pais me adoptaron cando me viron nun cubo do lixo, que noutra vida fun o chaman dunha tribo en Australia, que fun a filla do ferreiro do castelo da miña aldea ou que fun un dos tradutores de Afonso X O Sabio... ou María Antonieta... ou que me vou reencarnar nun can de palleiro... hoxe, hoxe? hoxe créome calquera cousa que me digan.
chuzame -

a velliña leva un mandil gastado e un pouco hortera. a nena vai diante polas escaleiras dunha bodega. a velliña apóiase na nena que vai baixando antes ca ela, non terá máis de 8 oito anos. aínda era mellor que fose eu diante, se caio é mellor, ti es moi noviña. a nena non se atreve a mirar á súa avoa. mira cara adiante, cara o fondo das escaleiras. está a pensar nas consecuencias dunha posible caída. e sobre todo na dor de que súa avoa lle caia enriba. pero non tarda nin dous segundos en responder. non importa, prefiro que caias sobre min. a velliña non entende e escandalízase. ai, neniña, non digas iso!
moit@s pensaredes que é unha parvada..., pero esta clase de parvadas foron as que sempre me marcaron. hoxe volvín a ter medo de separarme... era como se tivese que cortarme unha man.
chuzame -

mírote. mírasme... derrítome. pero por unha vez non sinto vergoña e non aparto os ollos de ti. sen escudos, sen presións, sen medo. todo me dá igual. non parezo eu, verdade? o ollar tranquilo e ardente. queres máis? o cubata na man. xa non sei quen vixía a quen... cómote coa mirada. sen delicadeza, sen dozura, sen nada. famenta, sedenta. boto fume polos pés. unha pinga de suor dende a fronte ata o escote. cabezas polo medio... pupilas que parecen as de superman espindo os corpos. cambia a música. mestura de corpos. achegámonos asi como quen non quere a cousa. o ritmo... un paso, outro. sempre sen tocar. tan tan preto... bufffff deixamos que pase. os teus beizos bicando o meu pescozo. aguanto, aguanto, sobrevivo. bicos húmidos, cariñosos, provocadores... respiro con dificultade. na miña vida. ardo por dentro... cólloche da man... nin o dubido dúas veces. cal é o baño que está libre? temos sorte. a música segue resoando... as miñas mans tremen polo desexo. bícote como se fose o meu derradeiro alento de vida, como se estiveses sen vida e eu puidese resucitarte. as mans voando por baixo da roupa. non entender, só sentir lume dentro. levitar. desexo. e deixar de ter sede.
queres? búscame...
chuzame -

e cando me quero dar conta xa non teño a onde fuxir, nin coartada nin nada. e pecho os ollos, paro o tempo, pero o latexo do corazón avísame, "estás viva!" estou condenada a ser sempre un can fiel. é o camiño que escollín. morder a lingua, beber do meu sangue, que vai ser de min? quen me vai vir a rescatar desta timidez que só ten unha causa. a un metro. a dous, a tres. e as ganas... un maldito furacán que non para de zoar dentro do meu peito. supoño que sobrevivirei, sempre o fixen. quero berrar tan forte que a terra deixe de xirar no sentido da agullas do reloxo. que xiren todos ao revés porque eu vivo así. e morder. morder cos beizos e notar como o sangue me sube á cabeza. berrar, unha soa palabra, a que me condenaría, a que me liberaría. berrar e cambiar o meu mundo para sempre... son un incendio que non acaba de prender.
chuzame -

tiña sede... e bebín. BEBIMOS a vida de tal maneira... rendirlle culto a Baco. as horas pasando e nós sen sentilo. rir. vingarnos a sangue frío do inxusto deste ano. tamén bebín da boca daquel mozo delgadiño... como se me fose a vida niso. como se nada máis importase ou existise. ata que canso e fuxo mexar de monte. cedeu o corazón e o corpo, firmaron unha tregua silenciosa. vivo coa maldición de non saborear nunca os beizos que desexo, vivir regalando bicos que xa teñen a quen pertencer. e fuxir a bailar. unha vez máis, como casamenteira non teño prezo. o alcohol facendo das súas, o que fumei tamén. notar como o espacio e o tempo deixan de existir. e outra vez a mirada que me delata. é dá igual. non me importa, os pés sempre espidos. ver como a marea sube e baixa. vén cara min, afástase. nese intre vénseme á excursión de 2º da eso en Sevilla, aquela tarde nun parque temático, aquela atracción que xeraba unha ola artificialmente. ver como a xente se tapa con chuvasqueiros e sorrín. eu non me tapo, fai moita calor. vexo vir a ola contra nós. véxoa vir e o corazón acelérase. rompe contra nós e a xente fuxe. móllame a cara, os beizos, o peito. e síntome no ceo... miro cara atrás e vexo que todos fuxiron agás eu... sorrío. outra vez no sanpepe, pero esta vez a ola non chega a min, para xusto antes de facelo, a canto? un centímetro? cinco? e o corazón sáeme pola boca. inevitable, e non sei se son a persoa máis lúcida de todo sanpepe ou a máis ida...
chuzame -

que é o que realmente lle dá sentido á vida? é a morte. esa dama tan temida, desprezada e odiada. tan pura, tantas veces inxusta...o único que lle dá sentido á vida é saber que algún día acaba. pero logo, cando apartas os ollos do espello, cando deixas de mirarte, entón caes da burra e comprendes que non estás só. tes unha familia. e cando marchen eles? daquela que? a certeza de que é ese día chegará. medo. máis tarde ou máis cedo comezan a caer, igual que pezas de dominó. logo cometemos o estúpido erro de crer que porque somos novos non nos vai "tocar", que está lonxe... vivir pensando que somos eternos. edúcannos así. e nós deixamos que o fagan. é o camiño fácil. pero é unha gran mentira... abrir os ollos non é cousa dun momento. non, pero todo comeza cun deses que marcan. e a realidade bótase a ti como unha ola que rompe contra os cons. a ferida eterna da ausencia, do pai, do avó, da nai, da parella, de quen sexa. e se non a tes, xa a terás... só é cuestión de tempo.
vivir sabendo que un día virá e non terás cara onde fuxir. ese día, por favor, non lle teñas medo. é lei de vida, non é necesario que o entendas. funciona así e punto. ese día non serás ti quen diga adeus, será de ti de quen se despidan outros. ese día mirarás cara atrás e daquela saberás se fuches feliz ou non, se amaches todo o que podías, se fixeches felices aos teus ou non, se aproveitaches o tempo precioso da túa vida. non te asustes, é unha perda de tempo, ela virá a por ti... adícalle unha mirada serena e respira por derradeira vez.
vive, pase o que pase, caia quen caia, vive e sigue cara adiante. todo podería rematar mañá. a vida non é unha conta atrás, é un regalo. será todo o que ti queiras que sexa...
[bso: Queen - Who Wants to Live Forever]
chuzame -





