eu tiña dous avós. dous Antonios. morreron no mesmo ano, o 93. eu tiña 9. dinme conta de todo.

o pai de meu pai era o máis vello, tiña 95. era un sabio. foi mestre de escola. nunca o vin cabreado. sempre andaba a escribir refráns e frases que se lle ocorrían. viña xente de todas partes para falar con el, cheos de agradecemento. sempre vestía de traxe, gabardina e chapeu na cabeza. era alto. estivera en Marrocos facendo a mili. era o telegrafista e nunha emboscada diparáranlle no fígado. salvouse porque aquel día levaba posta a cartucheira no cinto, e iso que sempre lle molestaba. cando foi da nosa guerra os falanxistas querían que se puxese do seu lado. el foi firme, tiña as súas ideas pero estaba en contra daqueles animais. fóiseme un sábado pola noite. xa levaba meses apagándose. aquel día fomos levar á miña nai ao traballo e de paso meu pai foi preguntar a unha funeraria. eu non comprendía; para que ía a unha funeraria se ninguén ía morrer? canta inocencia tiña eu. pero aquel noite el foise. a min e a Catuxa metéronos no salón para que non nos déramos conta. estabamos vendo a tele a min o corazón deume un chimpo. sóubeno. púxenme nerviosa e non podía disimular. Catuxa estaba igual ca min. de alí a pouco entraron meus pais. miña nai diante, meu pai detrás, chorando. era un neno. non quería que miña nai nos contase nada, intentaba protexernos da verdade. "non Ãlvaro, teñen que saber a VERDADE" dixolle miña nai con suavidade. Catuxa e eu xa sabíamos o que ían a dicirnos, pero intentábamos convencernos de que non morrera. "nenas, o avó acaba de morrer". mirei para miña irmá chea de medo. botámonos a chorar á vez. foi automático. sentín medo por primeira vez na miña. medo á ausencia. doíame saber que ía ter que medrar sen el. abraceime a meus pais e a Catuxa. non conseguía para de chorar. e non podía falar. miña nai preguntounos se nos queríamos despedir del e eu dixen que si. miña avoa choraba desfeita. collina da man e entramos no seu cuarto. tiña os ollos pechados, parecía durmido. dinlle un bico na fronte e collín un dos seus panos. o único que quería quedarme de recordo era o seu olor. olor a bondade. el olía a aquilo. anos despois apodereime dunha carpeta chea de cartas que lle escribía a unha prima que tiña na Arxentina e que se chamaba coma min. non sei, pero creo que estaban namorados. un amor platónico. todo se hereda. esas cartas cheiran a el. quince ou vinte anos de cartas.

o pai de miña nai era decidido. era fillo de solteira porque o cabrón de seu pai estaba casado e non se quixera facer cargo del. era traballador. namorouse de miña avoa e como era pobre regaloulle a súa vida. tiñan 19 cando casaron. a primeira en nacer foi miña nai e nese parto miña avoa estivo a piques de morrer. meu avó camiño case 60km (30 de ida e outros 30 de volta) para ir ata O Carballiño para buscar penicilina. salvouna el. naceron outros dous: José e Alfonso. meu avó seguiu traballando en todo o que puido, pero non chegaba, así que colleu unha maleta e marchou só para Alemania. non coñecía o idioma e pasouno mal ao principio, mais el nunca se rendía. nunca. ao pouco foise para alá miña avoa. ela nunha fábrica e el na estación de tren, cun montacargas, levando as sacas de correo para un lado e outro. pasados vinte anos puideron volver. xubiláronse e adicáronse a desfrutar dos fillos e netas, pq fomos todo mulleres. arreglou a casa da aldea, comprou un cochiño e aprendeu a ter tempo para todo. del aprendín a ler nos ollos da xente. dicíao todo cunha mirada. era honesto, sincero, traballador, loitador. foi un bo pai e un bo marido. amaba á súa familia por riba de todas as cousas. facíanos arcos con vimbios e cordas para que xogáramos aos indios e ensinábanos a coller ben aos coellos polas orellas. con el todo era unha aventura. cando eu tiña 7 anos detectáronlle un tumor cerebral. operouse e tivo que volver a empezar de cero. o día que o trouxeron do hospital quedeime dunha peza cando o vin coa cabeza rapada, unha cicatriz que tiña que doerlle e a mirada perdida. nunca o vin tan fráxil. aguantou para a nosa primeira comunión e a partir de aí comezou a morrer. estivo case un ano morrendo lentamente. eu era consciente do que pasa e doíame un mundo pq era incapaz de achegarme a el. o peor foron os últimos seis meses. aquel home xa non era o meu avó. o derradeiro Nadal que pasou con nós foi o mellor. todos se emborracharon en Noiteboa, el o primeiro. nunca nos rimos tanto. disfrazouse de vaqueiro cun gorro e fixo unhas pistolas con catro trapalladas. eu creo que sabía o que se viña sobre el. morreu en agosto, cando nós estábamos en Cangas pasando (e obrigandolle a miña nai a pasalos) uns días na praia. daquela non había móbiles e un día despois de comer viñeron os donos do piso que tiñamos alugado a dicirnos que el morrera. lembro a cara de miña nai. lémbrome de como miña nai se deixou caer contra a parede e logo contra o chan, de como choraba sen parar. Catuxa e eu mirámonos como xa fixéramos en febreiro. "non me fagas pasar por isto outra vez" pensei. xa era demasiado tarde. tan só tiña 63.

nos dous funerais cantou meu pai. eu só chorei ao final sen deixar que ninguén me consolase e sen saber como consolar aos meus pais ou a Catuxa. aquelas mortes/ausencias deixáronme unha ferida da que creo que aínda me estou recuperando e custame recoñelo. creo que non hai un só día que non me lembre deles. pode que me esqueza dos detalles, pero non do moito que os quería e sigo querendo. sei que dunha maneira ou doutra viven en min, que os fago inmortais. estou contenta porque o tempo e a memoria non nos venceron. nin sequera a Morte. contenta porque os sinto dentro de min, en cada latexo, en cada xesto e palabra. contenta porque foron meus. de meu.

Chuzame! chúzame -