
Non fuxas. Entrégate á cidade. Regálalle o segredo da túa alma. Regálle abrazos sen abismos. O bico eterno, sen beizos, nin lingua, nin corpos que se rozan con loucura. Pérdete polo laberinto disfrazado, disimulado das súas rúas. Hai portas ocultas que levan máis alá dos soños, que dan acceso aos rincóns segredos da cidade. Ten alma, é un animal que respira cando todos durmen, que escoita e concede dons. Ninfas do río que se pasean polo día diante dos teus ollos, nunca sentiches o seu aroma inudándoo todo?A todos? Deixa que as feridas boten o veleno. Chora, berra, arrabuña o chan, sinte o sangue na punta dos dedos. Retórcete de dor. Pasa frío, calor, non fuxas. Non ves que non podes? Rompe a camisa, golpea o peito, ouvea como os lobos. E eles acudirán a ti, todos temos unha manada á que pertencer. Dálle liberdade á dor, á rabia, á impotencia, á frustración. Odia, ama, morre. E volve odiar, amar e morrer. Queima os paraguas, as cartas vellas, os soños. Só entón, cando xa non teñas nada, cando a dor estea fóra de ti, só nese momento atoparás a paz para marchar en liberdade. A túa viaxe xa non será unha fuxida, será unha aventura.
chúzame -