Tocaban o piano á vez. Estaban sincronizados. Rían á vez. Movíanse á vez. Respiraban á vez. Amaban á vez. Mais non o sabían. Vivían preto, na mesma punta da cidade sen se cruzar xamais. Eu creo que eran felices, tampouco tiñan motivos para non selo. Gardaban dentro de si segredos máxicos que a ningún outro ser humano lle contaban: vivían en conexión constante coa súa xente sen que estes o soubesen, coñecéranse en soños, aínda que só un se lembraba, xogaban ao xadrez con Deus, sabían descifrar os pensamentos alleos e podían ver o aspecto futuro dos seus familiares. A primeira vez que se viron foi noutra cidade, noutro país, noutra lingua. Unha casualidade, o destino, un milagre. Volvéronse siameses sen compartir corpo. Falaban unha linguaxe sen palabras, de miradas, de olores. Música. Unha linguaxe instintiva. Que só eles dous entendían. E pouco a pouco fóranse mesturando de tal xeito que cada vez que se separaban algo se lles morría na alma, cun berro silencioso e nunca confesado. E o “QUÉROTE MÁIS QUE Á MIÑA VIDA” foi subindo do corazón ata á boca unha noite de resaca amable, bruando do verdadeiro que soou. Houbo quen quixo pensar que era amor. Non tal, non era necesario que o fose. Bastaba con que fose o que era, sen buscarlle tres pés ao gato. E que era? Amizade, pero máis inmenso. Creo que os lingüistas aínda non deron coa palabra perfecta para tanta intensidade.
chúzame -