e non sei porque agora acórdome dos 15 días que pasei de campamento en Montederramo. ou si, todo a conto de algo que lin sobre Fran Vázquez. non era dos mellores xogando, xogaba fatal. el só quería xogar e aprender. só iso. e aí está fancendo realidade os seus soños, a piques de comezar a xogar na NBA. cantas veces lle dirían que non podía, que se lle daba mal, que era mellor deixalo? e seguro que el simplemente sorría e seguía xogando. non lle molestaban as críticas. el collíaas, absorvíaas como unha esponxa e aprendía a voar. o seu non foi un camiño de rosas. tivo dificultades, pero soubo aproveitar mellor que ninguén as oportinidades que lle deu a vida. ás veces o éxito tan só depende diso. o momento apropiado, o instante xusto e dar o mellor dun mesmo. non é guapo e ten cara de neno inocente. pero aposto o meu pescozo a que é feliz e que non necesita que outros o fagan feliz. xa se encarga el só dos seus soños e da súa felicidade. e acórdome daquelas dúas semanas inesquecibles perdida polo interior profundo. tiña doce anos e xamais esquecerei o moito que desfrutei pateando de arriba a abaixo toda a serra. algo se abriu en min, algo moi dentro. volvínme unha cursi dende aquela, igual que agora. hai cousas que só se poden explicar como se estiveses dentro dunha peli de Hollywood. e facer rastreos polo medio do monte de noite coa luz das lanternas e da lúa e o medo a que algún dos monitores aparecese por algunha esquina para matarnos dun susto. aí foi cando comecei a coidar de min mesma. difícil lección porque un nunca acaba de aprender. estamos sós, pero non estamos sós. tamén me lembro dos partidos de futbol, eternos, que botábamos no campo de herba que tiñamos xusto ao lado do albergue onde acampábamos. lémbrome de Noé, aquel gafitas que lle molaba a unha amiga miña. lémbrome como se fose onte daquel partido no que me retou. el era defensa e eu dianteira pola dereita, a miña perna boa. un contra un. eu levaba as de perder: unha nena miúda que case nunca xogaba ao futbol e el un virtuoso do balón e da técnica que me daba mil voltas. pero eu tiña o corazón, a raza, a forza. e cando tiña doce anos ninguén me gañaba á hora de ilusionarme. era a miña especialidade, mellor que sabía facer. soñar e ser coma un cego. pasáronme o balón e fun coma un mísil contra a portería. non podían pararme, nin sequera el. esquiveino como unha presa escapa do seu cazador no medio xa xungla. quixo vir detrás de min e non puido alcanzarme. era imposible. a fe cegábame e eu era invencible. seguín a correr, nunha milésima de segundo mirei para a portería e sen pensalo golpei a bóla con toda a forza da miña perna. nunca esquecerei aquel momento porque creo, e non esaxero, porque xamais estiven tan segura de algo na miña vida. aquela bóla ía entrar dixese o que dixese o resto do universo, tivese razón ou non. entrou como unha bala por toda a escuadra. corrín por todo o campo para celebralo. non hai nada que se poida comparar ao pracer de alcanzar o que un se propón. conseguira o que me propuxera non por ser mellor ca Noé, só porque confiara en min. volveu a retarme. "non es capaz de volver a facelo" "vaste cagar en todo" pensei. e cagouse. repetino. dende aquel día el xogou no meu equipo e ensinábame o que eu non sabía. aquela inocencia, aquela confianza, aquela ambición non lle facía dano a ninguén. con ela todo é posible. moi poucos a teñen durante toda a súa vida como Fran. daqueles días lembro moitas outras cousas. cousas que agora mesmo me fan sorrir igual que cando as vivín. esta noite cando todos durman eu escapareime unha vez máis para escribir na area beira do río no que me bañei tantos anos atrás a fórmula máxica que me facía loitar por todo o que quería e desexaba. a ecuación que mellor funciona comigo. aquela que tantas veces repetín antes de quedarme durmida. aquela que dá todo e nada pide.
QUERER É PODER
chuzame -