
unha pedalada. outra. outra. outra. e outra. non parar, ser constante. primeiro polo paseo do Barbaña que chega ata o Pavillón. logo pola beira do Miño ata Reza. vou escoitando o que fala a xente, esquivándoos. o río vai baixo. algunha que outra parella sentada nas rochas falando entre susurros. linguaxe corporal, só son amigos, pero ela está coladiña por el. pecho os ollos rabiosa. casualidade, só casualidade. apuro o ritmo. empezo a suar, noto perfectamente como me vou poñendo colorada. outras rochas, outra parella de amigos. esta vez é el o que está coladiño por ela. outro que non se entera de nada... o universo conspira contra min, acósame. manteño o ritmo, chego ata Outariz. cruzo pola ponte branca e prepárome para as costas que hai. dóenme un pouco as costas da falta de costume. sei que me miran porque estou colorada como un tomate, pero a min dáme igual. non os vexo. na pista vermella parece que voo. as pernas non se cansan. desoxídome. desconecto do mundo, de todo e tod@s. queimo graxa, queimo silencios e segredos. cruzo a ponte vella e volvo pra casa cansa e cun sorriso limpo que gardarei na recámara para unha emerxencia.
chúzame -