
pásolle os dedos pola cara unha e outra vez. non podo deixar de mirala aos ollos... hoxe veme, sabe quen son. as puntas do dedo unha e outra vez, pola meixela, a fronte, esquivar os tubos do osíxeno, a punta do nariz, ese nariz grande que tan pouco se parece ao meu... a man polo peliño branco. párteseme a alma véndoa así, a min e a todos. resistindo, aferrada á vida de tal maneira... segue aquí, pero eu dubido moito que sexa o mellor. é unha vela que non quere acabar de apagarse. non o sabe, vai contra a natureza. egoísta? pode... xa o viviu todo e durante moito tempo (97 anos), quizais demasiado. déixate ir, dígolle baixiño e pegada á súa orella. remexe a cabeza. volve mirarme. quérote. aínda se remexe máis. sempre foi tan teimuda e xa de nena aprendín a respetalo, aínda que soubese que ela se equivocaba. era a súa vida, non a miña...
aparece por alí unha veciña, unha boa coñecida da familia, e como estou eu soa, tócame explicarlle a situación. isto xa o vivín cando morreron meus avós, pero daquela eu só era unha nena e non "sabía" que facer. unha sombra ao pé da súa cama. e Vida que me agarda pacientemente todas as noites para facerme o amor antes de durmir.
chuzame -