As cousas veñen soas. Hai que deixar que veñan soas. Non sei por qué, pero funciona así. E despois dunha semana de rallada porque me veu a regla (e non vexas como me afecta), de ladrar e morder a diestro e siniestro, aínda que só é a punta do iceberg, despois dese día no que teus pais invitan a amigos para comer a carne ao caldeiro e o polbo e te tiras no sofá a auto-mimarte porque non aguantas coa dor. Saír a tomar algo con Catu que só sabe facerme monográficos do seu mozo; bótao de menos, foise a Portonovo a pasar uns días cos amigos. Coller o coche e baixar para limpalo a Vilarchao.  Ela aspira e eu lávoo coa mangueira. Encántame facelo. Chegar a casa contenta, tareando algún canción da radio e facer unha chamada porque me apetece. Quedar para o día seguinte. Así de simple. E un venres calquera, nunha terracita bebendo unha auga ben fría, cocida porque xa non estou acostumada á calor de Atenas, relendo un xornal que me sei de memoria, aparece Osiria flamante nai primeriza conducindo un cochiño de bebés. Está máis gordiña, cos mofletes inchados, pero igual de guapísima e elegante que sempre. NAI. E o pequeno, o Principiño. Que non ten nada de pequeno. Vai ser enorme. Quédome aparvada un momento mirando para el. Tranquilo, gordechiño, grande. Deus, é igual ao Mago! Atino a dicir. E achégome para ulilo. Olor ao primeiro día de primavera do ano, a pureza, a cando durmes ben e abres os ollos cun sorriso debuxado. Un olor novo que memorizo para sempre no meu corazón. Abre e pecha os ollos. Ten sono, digo sorrindo. Queres collelo? e xa vexo a Osiria lanzada a sacalo do cochiño para poñermo nos brazos. Asústome. Non, non, déixao tranquilo. Seguro que está farto de que o collan como se fose un xoguete. No fondo si que morro de ganas de collelo, pero é mellor así. E máis despois de saber que a este neno non lle gusta que o soben moito, síntome aliviada. É listo o condenado. Nariz da nai, inconfundible en toda a familia materna. Non deixaba de mirar para súa nai. Ollos como espellos. Non sabería dicir de que cor son. Os ollos máis bonitos que vin na miña vida. Brillantes. Reflecten todo aquilo que vén. Coma os charcos do Paseo nos que tantas veces vin a simetría de edificios, arcos da vella e ceos grises, azuis ou con nubes. Espellos improvisados. Maxia. A beleza das pequenas cousas. Este neno tena. Xa dende antes de nacer. Lévao no sangue, na alma. Tal vez agora nin súa nai nin eu nos deamos conta. O tempo xa comezou a correr na nosa contra e a favor del. Cando nos queiramos dar conta os anos terán voado e o Principiño será un mozo. Nun abrir e pechar de ollos. Onde andaremos daquela?

Chuzame! chuzame -