xoves. colleron o coche e plantáronse na praia. parecen adolescentes dende o do Rei. despois viñeron por Vigo a recollerme e despois fomos ata Teucro a por Catuxa. paramos no camiño e a Raíña repartiu o pouco que quedaba da empanada. alí dentro, sentadas, aínda co cinto posto, máis por costume que por outra cousa, saboreando a empanada e procurando non manchar moito, e zas! déjà vu. era igual que cando eramos pequenas. cando íamos os catro á praia algún domingo e parábamos a comer en calquera sitio. canto tempo pasou? 10 anos? foi xenial volver a sentirme así, saber que por moitos anos que pasen, seguimos a ser unha familia. o venres houbo concerto da Coral e alá marchamos soamente Catu e eu porque a Raíña tiña que traballar. non era un concerto calquera, a el dábanlle un diploma porque xa leva 9 anos na Coral. e non puiden evitar emocionarme ao ver como llo entregaban aquel diploma. é feliz cantando, véxollo na cara. e só podo dar grazas a Deus, despois do peor inverno da miña vida... está vivo, curado, alegre, máis guapo ca nunca, con enerxía para parar un tren. tamén penso en Catu, na Raíña que é o verdadeiro motor desta familia. son o principal motivo para que eu volva todas as fins de semana, chova, trone ou o que sexa. necesito a miña dose semanal deles.

Chuzame! chúzame -