nunha vila inventada. ao do mar, estación de tren, rúas cheas de árbores, flores, seica están de festa. baixo do tren coa mochila colgando dun brazo. festa? ah! que estou nun soño. están a esperarme. imos camiñando ata unha casa que hai no alto da vila. desfiles, un circo, nenos correndo cos pés espidos. automaticamente vanseme os ollos cara os meus. sorrío. eu tamén. miro para os dos meus acompañantes. tamén van descalzos. unha nai que me abraza como se me coñecese de toda a vida. coñéceme? non a recoñezo. póñome coma un tomate. había meses que non viñas por aquí. sigo sen comprender. pero que di? estou soñando, é a primeira vez que poño un pé aquí. a casa non se parece a ningunha das que vin. é longa, imita a forma dos trens que vin en Polonia. a luz entra por todas partes e hai plantas en todo o corredor. deíxome levar e guiar. estou tan ben que non se me pasa pola cabeza facer outra cousa. inspecciono toda a vivenda abraiada e encantada. entón chega. ceamos todos coa súa familia. sigo sen entender moi ben que fago alí, algo duns concertos ao día seguinte. marchamos cedo para cama. eu non podo co corpo. póñome cómoda. falamos ata as tantas. non me dou conta cando me durmo. ao pouco sinto unhas mans que me sacan as gafas, debín quedar durmida con elas postas. e sinto ese contacto tanto... que... era real. sigo a durmir abrazada á almofada como unha nena pequena. estou tan cómoda, tan tan tan ben. no medio da noite érguese e vén a taparme cunha manta. daquela quédaseme mirando. acariña o meu pelo, a miña cara. que cariña tes cando durmes, dime moi baixiño na orella. sinto esa respiración que se entrecorta por momentos. daquela é cando comeza a deixar un rego de pequenos bicos sobre os meus ollos, as meixelas, a fronte, o pescozo e pouco a pouco nos beizos. non me movo. sigo cos ollos pechados, facendo que durmo ou deixando de facelo, sen saber moi ben o que realmente quero. é tan real que sen querer escápaseme algún sorriso. Eli, outra vez na miña orella, esperta, veña, miña nena. máis bicos por toda a miña cara e outro ataque aos beizos. mórdemos con tenrura. saboréaos como se fose un xelado de fresa. sinto que non aguanto, que me vou, que xa estou perdida sen remedio. o desexo invade o meu corpo coma un gas. pero hai algo máis. e empezo a ter calor. devólvolle algún bico. ao pouco non lle deixo continuar, freo en seco. se empezo sei que non vou parar na vida. un abrazo e deixo que se meta comigo debaixo da manta. shhhh, durme, non temos présa. acariño o seu pelo coa man. sigo cos ollos pechados. treme nos meus brazos. ninguén foi tan vulnerable a min. escoito un ruido que non para. voume, como se saíse voando. non entendo que pasa. todo muda. o corpo desintégrase e volve a formase. os latexos do meu corazón coma un tambor. a luz cambia, a cama, todo. abro os ollos asustada. apago o espertador do móbil. uffff, non pode ser, só era un soño... calquera día dáme un infarto do susto.

Chuzame! chuzame -