pura. transparente. sincera.

o sábado non saín por culpa da febre. e esta mañá cando espertei aínda seguía aí. durmín toda a mañá. soñando e delirando. ao final baixoume. Catuxa contoume a súa noite. seica o pasaron moi ben todos. sorrío. comemos e o Rei anda triste. non pode evitalo e seino. as seis marchan el e a Raíña para facer unhas probas (grupo sanguíneo e esas cousas) do ingreso. xa non hai volta atrás. vanse con bágoas nos ollos. Ro vén de visita. despois diso Catuxa e eu achegámonos ata o hospital. UROLOXÍA na 7ª. 718, o meu corazón encollido. alí están os pais de Quela, que mañá se vai de excursión a AMOR ata o luns de Entroido (este ano todo o mundo se vai de viaxe alí!!); a Raíña co seu uniforme e o Rei acabando de cear co pixama posto e a bata nova que lle mercou ela. xamais o vin tan triste. xamais. non é un vello, non é un home, é un neno fráxil. ese neno grande é meu pai. miña irmá e eu marchamos cos meus tíos, a Raíña di que queda alí ata as 22:00. vanlle dar algo para que durma tranquilo, por iso non quedamos ningunha de nós alí esta noite. quixen chorar e non puiden. opérano ás 8:30. a nai de Quela dille: loita, loita. e sinto que morro por dentro. olas de dor. furacán de medo. non me atrevo a volver a abrazalo. non me atrevo a miralo. Catuxa está igual ou peor. o tempo detense para nós. imos camiñando polo corredor máis asustadas ca nunca. vulnerables. sen saber moi ben que dicir. fuxindo para que meus pais non nos vexan. a xente miranos. e na porta do ascensor fago o esforzo sobrehumano de non chorar. aguántome todo o que levo dentro sen moverme. calmada, tranquila, como un encoro que aguanta a presión de millóns de litros de bágoas. poño o abrigo. só quero romper a chorar e berrar. quedarme sen voz. caer ao chan. partir a man dando golpes contra el. porque teño medo, porque... meus tíos levannos a casa. quento a cea. chama a mellor amiga de miña nai, a que estivo durante o noso parto, a única que nos viu nacer. tan boa coma sempre. despois de cear volve soar o teléfono. nai de miña nai. tan sensible coma sempre. bótaseme a chorar polo aparato. só é o seu xenro e aí está chorando por el como se fose un fillo. colgo e vou cara a cociña. algo se rompe dentro de min. apreto os puños. non consigo chorar. dor e máis dor. debo ter un anxo da garda porque non me deixa caer nin rendirme. acabo de recoller a cociña e Catuxa chama por min, que se "desinstalou" a impresora e non aparece o CD cos drivers. foi o Rei que é un fozón. aínda me río. canto queremos a ese home. tanto que non existen as palabras exactas. chega a Raíña. volvemos á realidade. o medo, a dor. a ausencia. o cáncer.
cando leas isto eu non sei onde estarás nin que andarás a facer, pero ti si que vas saber onde vou estar eu. quizais xa todo teña rematado. non o sei, quen o sabe? seguramente nin me lembre de ti en todo o día ata que chegue a casa e acenda o ordenador. non che vai molestar, verdade? pero vouche pedir un favor, cando o leas, por favor, reza. e se non sabes porque non cres ou porque non queres, pensa no teu pai. pensa nel e en todas as cousas nas que te pareces a el. vas sorrir. despois cóntamas. con iso xa me mandas un abrazo.
e agora voume a durmir, que mañá vai ser un dos días máis importantes da miña vida.
Chuzame! chúzame -