persoal20 feb 2006 12:29 am
o sábado non saín por culpa da febre. e esta mañá cando espertei aínda seguía aí. durmín toda a mañá. soñando e delirando. ao final baixoume. Catuxa contoume a súa noite. seica o pasaron moi ben todos. sorrío. comemos e o Rei anda triste. non pode evitalo e seino. as seis marchan el e a Raíña para facer unhas probas (grupo sanguíneo e esas cousas) do ingreso. xa non hai volta atrás. vanse con bágoas nos ollos. Ro vén de visita. despois diso Catuxa e eu achegámonos ata o hospital. UROLOXÍA na 7ª. 718, o meu corazón encollido. alí están os pais de Quela, que mañá se vai de excursión a AMOR ata o luns de Entroido (este ano todo o mundo se vai de viaxe alí!!); a Raíña co seu uniforme e o Rei acabando de cear co pixama posto e a bata nova que lle mercou ela. xamais o vin tan triste. xamais. non é un vello, non é un home, é un neno fráxil. ese neno grande é meu pai. miña irmá e eu marchamos cos meus tíos, a Raíña di que queda alí ata as 22:00. vanlle dar algo para que durma tranquilo, por iso non quedamos ningunha de nós alí esta noite. quixen chorar e non puiden. opérano ás 8:30. a nai de Quela dille: loita, loita. e sinto que morro por dentro. olas de dor. furacán de medo. non me atrevo a volver a abrazalo. non me atrevo a miralo. Catuxa está igual ou peor. o tempo detense para nós. imos camiñando polo corredor máis asustadas ca nunca. vulnerables. sen saber moi ben que dicir. fuxindo para que meus pais non nos vexan. a xente miranos. e na porta do ascensor fago o esforzo sobrehumano de non chorar. aguántome todo o que levo dentro sen moverme. calmada, tranquila, como un encoro que aguanta a presión de millóns de litros de bágoas. poño o abrigo. só quero romper a chorar e berrar. quedarme sen voz. caer ao chan. partir a man dando golpes contra el. porque teño medo, porque... meus tíos levannos a casa. quento a cea. chama a mellor amiga de miña nai, a que estivo durante o noso parto, a única que nos viu nacer. tan boa coma sempre. despois de cear volve soar o teléfono. nai de miña nai. tan sensible coma sempre. bótaseme a chorar polo aparato. só é o seu xenro e aí está chorando por el como se fose un fillo. colgo e vou cara a cociña. algo se rompe dentro de min. apreto os puños. non consigo chorar. dor e máis dor. debo ter un anxo da garda porque non me deixa caer nin rendirme. acabo de recoller a cociña e Catuxa chama por min, que se "desinstalou" a impresora e non aparece o CD cos drivers. foi o Rei que é un fozón. aínda me río. canto queremos a ese home. tanto que non existen as palabras exactas. chega a Raíña. volvemos á realidade. o medo, a dor. a ausencia. o cáncer.
cando leas isto eu non sei onde estarás nin que andarás a facer, pero ti si que vas saber onde vou estar eu. quizais xa todo teña rematado. non o sei, quen o sabe? seguramente nin me lembre de ti en todo o día ata que chegue a casa e acenda o ordenador. non che vai molestar, verdade? pero vouche pedir un favor, cando o leas, por favor, reza. e se non sabes porque non cres ou porque non queres, pensa no teu pai. pensa nel e en todas as cousas nas que te pareces a el. vas sorrir. despois cóntamas. con iso xa me mandas un abrazo.
e agora voume a durmir, que mañá vai ser un dos días máis importantes da miña vida.
chúzame -

febreiro 20th, 2006 at 1:46 am
Azos.
febreiro 20th, 2006 at 1:55 am
Moitísimo ánimo Elisinha!!!! Eu xa te contei a miña experiencia, e todo saiu ben, xenial…. con 83 anos e ainda vai el só no seu bote a pescar…. incrible!!! Así que …. xa verás como toda sae ben!! Xa me contarás
Moitos bicos da sorte!!!
febreiro 20th, 2006 at 2:42 am
Xa recei, sta noite chamote se queres ou falamos polo messenger, se te sentes con forzas, senón cando ti queiras. ÁNIMO
febreiro 20th, 2006 at 12:59 pm
moitos ánimos
febreiro 20th, 2006 at 5:27 pm
Vas ver como todo sae ben. änimo: contra o medo, a fe…
(moi ben escollida a foto, grandísimo cineasta, sen dúbida. Gracias polo encabezamento!)
febreiro 20th, 2006 at 6:03 pm
a todos, de verdade, mil GRACIAS!!!! VENCIMOSSSSSSSSSSSSSSS
irmandinho, xa falaremos, non te preocupes rei :), xa sei que sempre estás aí.
Ninfa, tiñas razón!!
Calidonia, obrigada por eses azos que me viñeron xenial.
xornalistas, obrigada por estar sempre en pé de guerra!! oko, é que onte eu SÓ sentía Dor na Retina
non podía ser outro encabezamento!!!
pola noite a crónica dun día memorable.
e aos que chamaron ou mandaron sms, mil abrazos!!!
febreiro 20th, 2006 at 7:53 pm
AND THE WINNER IS…
febreiro 21st, 2006 at 2:57 am
o winner de que, madeleine?
maio 27th, 2006 at 6:31 pm
[...] xoves. colleron o coche e plantáronse na praia. parecen adolescentes dende o do Rei. despois viñeron por Vigo a recollerme e despois fomos ata Teucro a por Catuxa. paramos no camiño e a Raíña repartiu o pouco que quedaba da empanada. alí dentro, sentadas, aínda co cinto posto, máis por costume que por outra cousa, saboreando a empanada e procurando non manchar moito, e zas! déjà vu. era igual que cando eramos pequenas. cando íamos os catro á praia algún domingo e parábamos a comer en calquera sitio. canto tempo pasou? 10 anos? foi xenial volver a sentirme así, saber que por moitos anos que pasen, seguimos a ser unha familia. o venres houbo concerto da Coral e alá marchamos soamente Catu e eu porque a Raíña tiña que traballar. non era un concerto calquera, a el dábanlle un diploma porque xa leva 9 anos na Coral. e non puiden evitar emocionarme ao ver como llo entregaban aquel diploma. é feliz cantando, véxollo na cara. e só podo dar grazas a Deus, despois do peor inverno da miña vida… está vivo, curado, alegre, máis guapo ca nunca, con enerxía para parar un tren. tamén penso en Catu, na Raíña que é o verdadeiro motor desta familia. son o principal motivo para que eu volva todas as fins de semana, chova, trone ou o que sexa. necesito a miña dose semanal deles. [...]